Opinión

Arquiveiros e arqueólogos de Galicia

Co propósito de describir as estruturas sociais nun momento determinado a través do seu propio vocabulario, foi acuñado a mediados do pasado século o concepto de “palabras-chaves”, definidas como testemuños nos que a sociedade recoñece os seus ideais. Consideramos que unha destas voces na Galicia do Rexurdimento, en pleno debate sobre a súa identidade e organización territorial e política, é un termo altamente perturbador, exhumar, asociado inicialmente ao campo semántico do fúnebre e da morte. Pero así como hai palabras que permanecen ancoradas a un único significado durante toda a súa vida, prisioneiras dun obxecto ou dunha circunstancia, outras cobran novos rumbos e matices que revitalizan e renovan os seus significados.

Curiosamente a palabra “exhumación”, que actualmente está a volver ás súas orixes etimolóxicas e funerarias por mor da denominada memoria histórica, cobrou vida mediante os arquiveiros e arqueólogos galegos da pasado século. Empeñados en dar luz sobre a escuridade do noso pasado, borrado, negado e “inhumado”, emprenderon unha loita de traballo e investigacións, rebuscando entre documentos uns, e cavando na terra que sepulta restos humanos e de vida, os outros. Pretendían, en definitiva, lexitimar mediante a documentación e os restos enterrados as reivindicacións de Galicia como nación.

Arquiveiros e arqueólogos, coa súa actitude, xogaron un papel decisivo no desenvolvemento do nacionalismo galego. Ambas profesións e dedicacións nacen oficialmente como Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos, creado en 1858 ao abeiro da Lei Moyano do ano anterior, para ser confirmado posteriormente en 1864 cando se trasladan as competencias do Ministerio de Instrucción Pública a Fomento. Un dos primeiros en formarse oficialmente neste corpo de funcionarios de elite, corpo de dificultativos como dicían as voces críticas, será o pontevedrés Xosé Rodríguez Seoane (1839-1860) que despois de formarse na Escola Superior de Diplomática anunciáballe epistolarmente a Murguía e Compañel a súa intención de publicar unha Gramática Histórica Galega (en 1860!!) e unha antoloxía de textos desde a Idade Media ao século XVIII coa presenza de Sarmiento, fonte esencial das súas investigacións. A morte prematura, con 21 anos, deste avantaxado pontevedrés privounos dun chanzo imprescindible para constituír unha posible escola de Filoloxía Galega, iniciada por Sarmiento, na capital do Lérez. Pero todos os posteriores estudantes galegos que pasaron pola Escola Diplomática e outros arquiveiros deixáronnos mostras dabondo da súa responsabilidade profesional e patriótica rexeitando os falsos cronicóns e publicando documentos imprescindibles que daban fe da nosa existencia como pobo con cultura propia. Efectivamente, tanto de Villaamil y Castro (1838-1910, Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia), como de Murguía (1833-1923, Historia de Galicia); como de Pérez Constanti (1857-1938, Viejas notas galicianas) e de Martínez Salazar (1846-1923, Crónica Troiana), como de López Ferreiro (1837-1910, Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela) de Bernardo Barreiro de W (1850-1904, Guía histórica, arqueológica y militar de la antigua capital de Galicia, Santiago) de Álvarez de la Braña (1837-1906), Ensayo de un catálogo de periodistas del s. XIX ou, máis recentemente, de Ferro Couselo (1906-1975, Vida e fala dos devanceiros), recibimos unha herdanza que deu fe da existencia dun pobo galego con lingua propia e con institucións que gobernaban sobre un territorio que tiña cultura diferenciada. Soubo ver este furar nas tebras do pasado F. Bouza Brey cando no 1968 lle dedica o poema “Aos mozos arqueólogos de Galiza e Compostela” a Fernando Acuña, Xosé Carro, Carlos García e González Reboredo e os convida a seguir a xeira audaz e luminosa que derrube “penedos de falsía e de vergoña”. Lembranza e loanza dos nosos arquiveiros e arqueólogos que iluminaron co seu traballo moitas etapas escuras do noso pasado para orientarnos cara o futuro.