Opinión

Numerario da Real Academia Galega

Exilio e discurso político II

O discurso político do exilio galego, frecuente e interesadamente escamoteado, xira arredor dunha serie de focos de tensión que o caracterizan e singularizan fronte do discurso compartido co republicanismo.

Como é sabido os exiliados galegos de 1939 optaron, maioritariamente, por Arxentina e México na procura dun hipotético apoio que lles podía prestar a numerosa colonia emigrante residente nestes países. Así, despois de pasar moitos deles polos humillantes campos de concentración franceses, os exiliados chegan esperanzados a eses países de acollida pero deseguida se producen entre exiliados e emigrantes diverxencias e conflitos que orixinan un primeiro e constante foco de tensión política. Non debemos esquecer que as entidades societarias máis importantes, os Centros Galegos, estaban dirixidos maioritariamente, se exceptuamos a Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires, polos sectores medio e alto, de signo conservador, con numerosos partidarios do franquismo. Digamos que a escenificación deste conflito ideolóxico foi o desfile que protagonizaron os mariñeiros da Armada Española que acoden en 1946 á toma de posesión de Perón coa protesta rotunda dos exiliados que ven ondear a bandeira española no Centro Galego de Bos Aires.

A este foco de tensión, alimentado polos organismos oficiais da ditadura que se refiren á natureza emigrante dos exiliados buscando unha premeditada confusión, temos que engadir o provocado entre o sector mexicano e o sector arxentino do exilio galego. Mentres este último era maioritariamente galeguista, que tiña como referente indiscutible a Castelao, o sector mexicano era de tendencia comunista e tiña como líderes a Luís Soto e Carlos Velo.

En México, centro do republicanismo político, Soto e Velo formaban parte da ANG (Alianza Nacional Galega) creada en México en 1942 e que aspiraba a un amplo fronte nacional a través da UNE (Unión Nacional Española, organización creada polo PCE en Grenoble (1942). Foron dous polos políticos que se encontrarán con ánimo conciliador no Primeiro Congreso da Emigración Galega en 1956, xa despois da morte de Castelao.

Pero antes, en novembro de 1944, terá lugar en Montevideo a constitución do denominado Consello de Galiza, que será o terceiro eixo do foco de tensión máis controvertido e persistente no exilio galego.

Cando Castelao, Elpidio Villaverde, Ramón Suárez Picallo e Antón Alonso Ríos asinan a acta fundacional do Consello de Galiza están a reivindicar a singularidade do exilio galego, nada visible no conxunto republicano; están tamén a facer unha defensa do Estatuto de Autonomía plebiscitado en 1936 e a decrarárense fideicomisarios da legalidade republicana, seguindo en definitiva o modelo de continuidade que representaban Josep Irla e Aguirre para Cataluña y Euskadi, respectivamente.

Pero a oposición frontal e descalificadora do Consello de Galiza non virá dos sectores comunistas y republicanos do exilio galego radicado en México senón de Galicia, do galeguismo del interior liderado ideoloxicamente por Ramón Piñeiro e o Grupo Galaxia que desmantelan o Partido Galeguista para poñer o acento nas tarefas culturais.

Estes tres focos de tensión serán tamén os eixos esenciais do discurso político do exilio galego. Probablemente se queremos optar por un resumo deste debate teñamos na revista Galicia Emigrante (Arxentina) e na revista Vieiros (México) dous documentos esenciais. A primeira, promovida por Seoane, representa un grupo de intelectuais en Bos Aires que como observadores previlexiados sen militancia concreta pero con con clara conciencia moral da súa situación política, rematarán agrupándose nunha extraña asociación, AGUEA (Asociación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas) que terá presenza constante nas páxinas da devandita revista Galicia Emigrante. Con razón adoita dicirse que Luís Seoane, o director e promotor da devandita publicación, era o exiliado máis exiliado de todo o exilio. Malia o exercicio de contención conciliadora que exerceu, sempre fiel ao Consello de Galiza, non puido evitar as embestidas dun piñeirismo desafiante e anticomunista belixerante. Pero a a vida e obra de Luís Seoane e Galicia Emigrante tocan sempre puntos medulares e sensibles do discurso político do exilio galego.