Opinión | Algo que declarar

Lembranzas de ano novo

Esta Noitevella, mentres padeciamos o segundo apagón en menos de un mes de Naturgy, antiga Fenosa, na Coruña, tiven a ocasión perfecta para lembrar que esta empresa é propietaria de varios encoros en Galicia, froito todos eles de concesións outorgadas durante o franquismo, como os das Conchas, Belesar, Os Peares, Velle, Castrelo do Miño, Eume e Portodemouros. Calculei, tamén esa mesma noite de fin de ano, que Naturgy, antiga Fenosa, leva, por tanto, máis de sesenta anos usufrutando a potencia hidráulica dos nosos ríos grazas a estes encoros construídos durante o franquismo que supuxeron, cómpre lembralo, a expulsión de milleiros, repito, milleiros de campesiños dos seus fogares e mellores terras de labranza.

Tamén lembrei, pois as noites derradeiras do ano son sempre proclives á memoria e os balances de situación persoais e colectivos, que esta mesma empresa Naturgy, antiga Fenosa, vén de pechar a sede do seu museo na Coruña, o MAC, anteriormente coñecido como MACUF, e de trasladar a súa valiosa colección de arte contemporánea galega a Valladolid, onde non existe ningún encoro propiedade de Naturgy, antiga Fenosa. Así mesmo, pouco despois do ritual das doce uvas e de ficar a escuras media hora máis tarde, como xa dixemos, lembrei tamén que a mesma devandita empresa Naturgy, antiga Fenosa, pechou no 2021 o seu centro de operacións de rede, COR, na Coruña, onde traballaban dúas ducias de persoas, para trasladalo a Madrid, onde non hai tampouco ningún encoro para a produción de luz propiedade Naturgy, antiga Fenosa. Non puiden esquecer, esa noite do 31 de decembro, xa primeiro de xaneiro, que este pasado 2022 a empresa Naturgy, antiga Fenosa, vén de deslocalizar a meirande parte do seu servizo de atención telefónica, onde traballaban 120 persoas nas súas oficinas da Grela, a Medellín, onde non sei se existe ou non, a verdade, algún encoro ou salto de auga da súa propiedade. Dáme que non.

Xa contra a unha da mañá, e mentres ía poñendo o pixama na luz das velas, puiden lembrar, por último, como Unión Fenosa antes de chegar a tal, absorbera a Electra Popular Coruñesa, propiedade de José Miñones, natural de Corcubión e fusilado no 36 polos mesmos sublevados que, máis tarde, tanto farían pola prosperidade da empresa propiedade de Pedro Barrié de la Maza coa concesión dos encoros no Miño e outros ríos galegos das que falamos nas primeiras liñas desta columna. Non puiden ignorar, mentres prendía entre as mans o libro O peso da memoria, do amigo Rafael Catoira, como Fenosa, con toda esta historia de espolio e apropiación que acabamos de describir, foi vendida a Gas Natural nunha operación auspiciada polos poderes públicos rematado cun xantar a tres partes: Fainé, Brufau e Florentino Pérez. Tampouco puiden deixar de evocar, mentres entraba xa no primeiro sono deste ano, que no Consello de Administración de Naturgy, antiga Fenosa, sentou, ben mantido, Felipe González, e que a sede social de toda esta desfeita está domiciliada en Madrid, porque, como dicía don Manuel, “os tempos do minifundio xa pasaron”.