Opinión | Algo que declarar

A Patria Grande

Ás veces pregúntome que pensarán nas posicións máis progresistas do Partido Demócrata, como as que representan Alexandria Ocasio-Cortez ou Elizabeth Warren, cando ven aterrar no seu país a Jair Bolsonaro poucas horas antes de que os seus seguidores tenten derrubar o goberno lexitimamente electo de Lula da Sila no Brasil, ou cando saben que a embaixadora do seu país en Perú, Lisa Kenna, se reuniu co ministro de Defensa deste país na véspera do golpe de estado contra Castillo, o que deu lugar a un amplo movemento popular de protesta que leva custado, a tal hora, ducias de mortos no país andino. Supoño que deben estar afeitas a esta disociación entre os valores que defenden no interior do seu país —igualdade, democracia, progresismo— e os valores que promove o seu estado historicamente no seu patio traseiro latinoamericano, e que teñen como vítima preferente nos últimos cento cincuenta anos aqueles gobernos que inclúan no seu programa o concepto nacionalizar, ou mesmo outras fórmulas máis liviás de políticas redistributivas.

Dicía o vello Churchill que a política exterior é hereditaria e debe rexerse por criterios xeopolíticos, non políticos ou partidistas. O mapa de Europa pactado en Ialta meses antes do final da II Guerra Muncial semella corroborar o seu axioma: o reparto de zonas de influencia obedece máis a criterios de seguridade militar —afastar todo o posible cara a Occidente as fronteiras da URSS logo da lección terrible da invasión nazi— que ao de afinidade ideolóxica, o que explica, por exemplo, a inclusión da dubidosa Romanía entre os países do bloque comunista e a exclusión grega, que viña de ser liberada dos nazis por partisanos comunistas que serían logo abandonados á súa sorte na posterior guerra civil, gañada polos monárquicos grazas ao auxilio inglés, dando comezo á Guerra Fría.

A política exterior norteamericana en Latinoamérica non seguiu nunca criterios como a calidade democrática e apoio popular do goberno en cuestión, senón, unicamente, o seu aliñamento ou non cos intereses estratéxicos norteamericanos, que teñen como premisa garantir o acceso preferente e barato ás inmensas reservas de materias primas do subcontinente. Sexa o cobre, como no Chile do Allende martirizado vai facer en setembro 50 anos nun golpe de estado argallado polo premio Nóbel da Paz, Henry Kissinger; sexa o petróleo, que explica o cerco contumaz ao goberno de Chávez, ou sexa o litio, no caso máis recente de Bolivia. E se onte os intereses de Norteamérica eran os mesmos da General Motors, hoxe, o primeiro en aplaudir o golpe contra Evo Morales foi nada menos que Elon Musk, o actual dono de Twitter. As baterías dos seus Tesla seica precisan cantidades inxentes de litio.

Aínda así, AMLO, Boric, Petro, Lula ou Alberto Fernández teñen ante si unha oportunidade histórica para avanzar por fin no proceso de integración suramericano, a Patria Grande que soñou Bolívar. Unha integración sempre adiada, que conta con fortes inimigos entre as pequenas oligarquías locais e o gran imperio do norte que nunca esquecerá o primeiro mandato do conquistador: divide et impera.