Opinión

Académico numerario da RAG

Exilio e discurso político (VI): ‘Saudade’ e ‘Vieiros’ (México)

Non tivo México a intensa vida editorial que despregaron os exiliados galegos en Bos Aires entre outras razóns por non ter nas súas ringleiras unha persoa do dinamismo creativo de Luís Seoane, alma e motor dunha frenética e estruturada actividade.

Antes de nada temos que dicir que as iniciativas editoriais de México malia ser importantes non terán nunca a visibilidade nin a continuidade que tiveron as emprendidas na Arxentina que gozaron de planificación e continuidade.

A primeira iniciativa editorial dos exiliados galegos de México será a revista Saudade. Verba galega nas Américas (1942-1953) que publicará irregularmente, en dúas etapas, un total de sete números. Cunha orientación nomeadamente lírica, non descoidou a defensa entusiasta do idioma e unha actitude firme de carácter antifascista. E non faltaron as ilustracións de Uxío e Arturo Souto, Maside ou Fernández Mazas (“Dichi”). A inclusión no número derradeiro dun artigo de Rovira i Virgili titulado El problema de las nacionalidades históricas segue a conservar hoxe frescura e clarividencia, un discurso político de altura relevante.

A segunda iniciativa editorial dos exiliados galegos na capital azteca será o Cancioneiro da loita galega (1943), que, anunciado como número iniciador dunha serie, non terá continuidade por ser empresa auspiciada por un reducido número de galeguistas, sempre presentes neste tipo de iniciativas, Delgado Gurriarán e Ramón Cabanillas. Reúne poesía de combate como corresponde a unha etapa inicial compartida por todo o exilio, seguindo un paralelismo coas colaboracións de Seoane tituladas Mercado de las Artes y las Letras na revista Galicia da Federación de Asociaciones Gallegas. O último número de Saudade coincide coa constitución do Padroado da Cultura Galega o 29 de xullo de 1953 no hotal Majestic de México. A principal iniciativa do Padroado será a publicación da obra Presencia de Galicia en México (1954) que recolle un total de 36 colaboracións doutros tantos integrantes na audición radial La Hora de la cultura gallega en México máis coñecida popularmente como Hora de Galicia (1952) e que suliña a importancia da radio como medio de comunicación no exilio galego. Esta selecta contribución editorial non se verá sustancialmente alterada pola tardía colaboración de Alejandro Finisterre, xeneroso e entusiasta editor de León Felipe que editará unha Poesía de Galicia. Cien poetas gallegos (1962) e un volume titulado Compostela. Revista de Galicia (1967) que carecían de proxecto e, como consecuencia, da continuidade necesarias. Pero a obra que goza de xeral consideración e estima entre as publicacións do exilio galego en México son os catro números monolingües da revista Vieiros, (1959, 1962, 1965, 1968) malia que, como as anteriores, non tivo a regularidade precisa para unha acción constante capaz de conquerir e loitar por uns obxectivos con amplos horizontes. Xa no editorial do primeiro número adianta unha lectura ideolóxica cun chamamento á unidade negando a existencia de dúas Galicias e reclamando o “avencellamento de todos os galegos”. Intentos vas de superar tensións que persisten.

Os resultados, por este motivo, non pasaron dunha pacífica convivencia, dunha xustaposición de firmezas reafirmadas a cada instante. Así Ramón Piñeiro, coa súa teimosa defensa do idioma e da cultura, afirma unha e outra vez o carácter apolítico de Galaxia, proclamada independente de toda ideoloxía e partido político. (Galaxia e a Cultura Galega, nº 3). De pouco serven os chamamentos de Antonio Baltar e as diatribas de Velo e Soto. Son nichos independentes, discursos irreconciliables dentro dunha xenerosa convocatoria de voces diversas dun lado e doutro do Atlántico, incluídos os mozos do grupo Brais Pinto, Ferrín e Raimundo Patiño, entre eles. Polo demais, a xenerosidade das marxes e dos brancos e as ilustracións de Arturo Souto ata a súa morte prematura non fan esquecer unha diagramación de corte conmemorativa que renuncia, por exemplo, á moi necesaria paxinación. Seguiremos, paga a pena, falando de Vieiros.