Opinión | Algo que declarar

Tanques e cruzadas

Ás veces penso que era mellor facer caso da prudencia e non traspasar os límites da censura impostos neste noso xardín borrelliano, cada vez máis cuspidiño a unha desas urbanizacións suburbanas con valado perimetral, garda de seguridade privado, cámaras de vídeo-vixilancia e chalés con piscina e garaxe onde gardan os propietarios cadanseu SUV de grandes dimensións de par do utilitario de baixo consumo. Do outro lado empeza a selva dese sur global de 6 mil millóns de persoas ás que non lles acaba de convencer o novo rol da OTAN como unha sorte de Orde do Temple contemporánea encargada de velar polos principios do dereito internacional e a paz no mundo. Xente desconfiada.

Mais a coincidencia no tempo de certos sucesos de índole internacional, como a a celebración do aniversario da liberación de Auschwitz, da que foi excluída Rusia, co envío de tanques de fabricación alemá (chamados hoxe Leopard, seguindo a mesma tradición onomástica de semántica felina dos Panther e dos Tiger que hai hoxe 80 anos enfrontaron nas chairas de Kursk os T-34 soviéticos coa intención fracasada de aliviar a presión sobre Stalingrado). Tamén cadraron no tempo a entrada de Croacia na UE coas declaracións de Feijóo nas que defendía o carácter violento da fe musulmá fronte ao pacifismo ecuménico do culto católico. Finalmente, o meu visionado casual a pasada fin de semana do filme Chris the swiss, Chris o suízo, leváronme a desbotar os consellos da prudencia e o sometemento á razón única atlantista como principio de saúde editorial de validez universal.

Porque o certo é que a OTAN e a UE están arestora financiando e armando conscientemente grupos de extrema dereita internacional que negan a propia existencia do Holocausto, e que o mesmo aconteceu hai 30 anos en Iugoslavia cando era preciso fragmentar e reducir todo o posible o territorio da antiga Serbia, eslavos ortodoxos, armando e financiando grupos como os PIV croatas, o primeiro batallón internacional, dirixido nada menos que por Eduardo Rozsa Flores, unha sorte de coronel Kurtz recastado de húngaro e boliviano que comezaría a súa estadía nos Balcáns como correspondente de guerra de La Vanguardia e acabaría, como dixemos, tomando as armas e dirixindo en persoa un batallón de voluntarios de extrema dereita financiado, segundo nos contan no filme, por grupos ultracatólicos como o Opus Dei. Nesta cuadrilla paramilitar foi na que se alistou Chris o suízo, outro falso xornalista ao que acabarían esganando os seus propios compañeiros de armas porque seica non compartía as prácticas de limpeza étnica empregadas polos PIV. Santiños.

Respecto do integrismo islámico, cédolle a palabra ao antigo secretario de estado norteamericano co demócrata Jimmy Carter, Zbigniew Brzezinski, de orixe polaca, quen recoñeceu nunha entrevista recente que os USA financiaran e armaran os talibáns durante a guerra civil afgá na que se acabaría envolvendo tamén a URSS.

–Non se arrepinte vostede de aportar armas e adestramento a futuros terroristas? Pregúntalle o xornalista.

–Que era máis importante para a historia mundial, os talibáns ou a caída do imperio soviético?