Opinión

Académico numerario da RAG

Murguía expropiado mediante un exlibri

O exlibris é, según os dicionarios, unha marca de propiedade plasmada nun libro por medio dunha sinxela sinatura ou por outros procedementos. Significa en latín “dos libros de…” e completaríase co nome do posesor, “exlibris Neronis” (dos libros de Nerón); a locución en plural indica que o libro forma parte dunha biblioteca, dun conxunto e a el deberá retornar, case nunca sucede, caso de préstamo ou extravío. Chegado un momento determinado, a partir do modernismo catalán especialmente, cobrou esta sinxela e inmemorial marca de propiedade unha dimensión artística cando determinados bibliófilos encargaron a pintores e profesionais da arte un motivo que, impreso nunha estampiña tamaño selo aproximadamente, se pega na páxina inicial de cortesía dos seus libros. Con ocasión dunha modesta exposición que coordinamos hai moitos anos (de case todo hai máis de vintecinco anos, como dicía Gil de Biedma), reunimos un número considerable de exlibris galegos desde Cornide ata Luís Seoane. Non faltaron na mostra devandita motivos identitarios alusivos ao celtismo, obra de Camilo Díaz Baliño; motivos clásicos como o bufo, símbolo da sabiduría, obra de Eduardo Dieste; non faltan os motivos profesionais con toque husmorístico, obra de Castelao, a balanza dos que teñen relación coa xustiza ou a pomba picasiana do exlibris de Luís Seoane.

Existen magníficas coleccións de exlibris eróticos non soamente para os libros desta temática xa que as palabras “sede” e “desexo”, vehículo dunha longa tradición erótico-amorosa, foron trasladadas ó mundo do libro como signo de pracer e “sede bibliográfica”.

Esta sede bibliográfica provoca en ocasións que escritores e bibliófilos do século XIX anden na procura de libros raros e curiosos por dous diferentes procedementos: mercando, a prezos elevados, nos ricos catálogos que adoitan recibir de distintos países: Librería Internacional de Lisboa ou de Guimerâes, Joâo Pereira da Silva ou de Madrid ,Viuda de Rico, Viuda e Hijos de Cuesta ou tentando conseguir algún lote máis arrombado nas librerías de lance.

Murguía, de quen estamos a lembrar o centenario do seu pasamento, protagonizou numerosos episodios relacionados co comercio do libro como cando en 1871 o seu amigo Bernardo Barreiro lle dá noticia da venda da biblioteca de D. Domingo Cortés González, clérigo e catedrático falecido en Santiago en 1869. Para mellor rentabilizar a venda dos seus libros ofrécese un catálogo con case 1.300 libros clasificados por materias e no que consta o prezo de cada exemplar o que constitúe unha fonte inestimable de datos curiosos sobre o mundo do libro.

Noutra ocasión o seu amigo Ramón Rúa Figueroa desde Madrid dalle noticia dun “Gándara barato”. Trátase naturalmente da obra, moi buscada daquela, de Fr. Felipe de Gándara, Armas i Triunfos. Hechos heroicos de los hijos de Galicia. Madrid, 1662. Murguía xa tiña no seu poder esta obra grazas á xenerosidade do chantre Camilo Álvarez de Castro que lle anuncia o envío da mesma nunha carta de marzo de 1867. Anos despois, probablemente sobre este exemplar doado polo Chantre de Salamanca, atopamos escrito estoutro exlibris, inequívoco texto de propiedade que anuncia ao mesmo tempo a “expropiación” dun libro de Murguía:

“Este libro fue del uso de D. Manuel Martínez Murguía autor de la Historia incompleta de Galicia. Lo adquirí en el año 1879 con otros varios del mismo señor, a quien su mal estado de fortuna le obligó a vender”. O autor deste “delator” exlibris non é outro que Ramón Segade Campoamor, curioso amigo de Murguía que tamén tentou comprar a casa na que faleceu Rosalía en 1885 na Matanza (Iría).

Analizando estas circunstancias non podemos menos que reflexionar sobre a o destino que reservou a historia para comprador, Segade, e vendedor necesitado, Murguía: o primeiro esquecido totalmente; do segundo, que vende por necesidade despois de ter lido o libro, dixo Labarta Pose que foi o “escultor de Galicia”, e outros moitos denominárono, seguindo o ronsel construtor, “arquitecto”. E de certo que moldeou o rostro do país cando non se albiscaba máis que un vulto informe. Aínda así, foi expropiado.