Opinión

Académico numerario da RAG Nombre del autor Escritora y periodista

Murguía e Luís Seoane

O amigo Serafín Moralejo, compartimos pupitre en secundaria e dous anos universitarios, dicíame coa súa proverbial retranca, que desconfiaba dos títulos con cópula (“Murguía e Seoane”) e dos que comezaban de xeito conmemorativo (“co gallo de...”). Malia estas reticencias do profesor santiagués mantemos o titular, que tampouco está motivado pola convocatoria que nos fixo a RAG (ás cinco da tarde!!!) na Fundación Seoane da Coruña o día 2 de febreiro pasado.

O titular aspira a fundamentarse nas numerosas similitudes que ambos personaxes, Murguía (1833-1923) e Seoane (1910-1979), presentan a pesar dos anos que os separan. Confeso que, inicialmente, con ocasión de coordinar unha exposición sobre o libro galego na Arxentina, sorprendeume o encontro e diálogo que Seoane establece co noso historiador cando lle publica na colección Camino de Santiago da editorial Nova a obra Don Diego Gelmírez (1943). Este feliz encontro no camiñoñecemento de Murguía como defensor de Galicia e dos seus valores medievais que, engadimos nós, son tamén bandeira e presenza constante na obra de Luís Seoane. Pero non rematan aquí as coincidencias entre Murguía e Seoane porque os dous teñen Galicia como centro de referencia e como patria a construír e conquistar. Como consecuencia tiñan ambos un proxecto de país que comeza a definirse ao mesmo tempo que o van descubrindo nun proceso de loita pola liberdade. Un comezou a loita e configuración de Galicia loitando contra do absolutismo monárquico cando tiña vintetantos anos en Madrid desde as ringleiras do periodismo combativo; o outro, coa mesma idade, loitando contra a ditadura de Primo de Rivera como estudante revolucionario en Santiago. Compartían a bandeira da liberdade de Galicia ambos. E ambos pasaron a vida argumentando e aportando razóns para facernos presentes e visibles na historia buscando en documentos e monumentos unha identidade e unha estética diferenciada. Esta actitude construtora e teimosa, que nos convidaba a resistir contra as tiranías do absolutismo e do franquismo pagárona ambos coa expulsión da historia: Murguía condenado a non figurar na historiografía oficial e Seoane, expulsado da historia, condenado a vivir no exilio. Dúas formas de exclusión en definitiva.

Pero non rematan aquí as coincidencias porque os dous serán combatidos e desautorizados cos mesmos argumentos despiadados: as súas razóns e proxectos son froito dun espírito controvertido, colérico, irado, pouco dialogante. As arroutadas de ambos marcan negativamente e mesmo invalidan os seus proxectos. Estes, polo contrario, lanzados e construídos no fragor das batallas ideolóxicas da cadansúa época, teñen necesariamente un ton dialéctico imposto pola dinámica das forzas en conflito.

Seoane eran tan consciente deste paralelismo que cando Ramón Piñeiro na súa liña de paranoia anticomunista o acusa de responder a “consignas” do PC, responde, ironicamente, sinalando de onde proceden as ordes e mandatos que obedece facendo desfilar numerosos loitadores galegos pola liberdade, entre eles Murguía:

Las consignas de Murguía en el prólogo de su Historia de Galicia, a fines del siglo pasado que hoy, si algunos de los que hablan de consignas las leyesen, les parecerían simplemente comunistas. Las consignas de los poetas: de Rosalía, de Curros, de Pintos, de Carvajal, etc. Las consignas de todos aquellos que en Galicia amaron la libertad y que forman parte de la verdadera tradición gallega, la que nace en las sublevaciones burguesas de Compostela, en los irmandiños, llega hasta el siglo XIX con las revueltas liberales y en el siglo XX figuran Castelao, Bóveda, Quintanilla, Blanco Torres, Víctor Casas, Xohan Carballeira, etc, los paseados y desterrados…

En definitiva, “Murguía e Seoane” unidos polo seu afán de liberdade.