Opinión

Académico numerario da RAG

Heriberto Bens en Rianxo

O pasado día 10 foi presentado en Rianxo o número 121 da revista A Trabe de Ouro que lembra cun editorial e varios artigos o centenario do manifesto Mais Alá! asinado por Manoel Antonio e Álvaro Cebreiro. Descoñecemos as razóns polas que as institucións políticas e culturais —Xunta, RAG, CCG e Universidades— non evocaron o evento centenario tendo en conta que cidades como Sevilla, Lisboa, Zurich, París ou Milan conmemoraron o ultraísmo, a revista Orpheu, e o dadaísmo como acontecementos senlleiros. Alguén dixo, entre os presentes no coloquio final, que o motivo era por ser as nosas institucións ben guiadas e atender a recomendación do grupo Rompente ¡Fóra as vosas sucias mans de Manuel Antonio! (1979). Cousas da vida.

É o caso que con tal ocasión desprazáronse a Rianxo o director da revista e unha boa parte do consello de redacción, circunstancia que aproveitou o alcalde da vila, Adolfo Muíños, para encargar a Méndez Ferrín que lle fixese chegar a Heriberto Bens un certificado do empadroamento que este tiña solicitado na procura da constancia oficial da súa coñecida permanencia no concello durante varios anos. Dado que o devandito certificado debidamente cumplimentado fora devolto ao concello, sabedor o rexedor local da inveterada relación entre Ferrín e o seu colega Heriberto, considerou oportuno facerlle a encomenda do seu reenvío. Esta azarosa circunstancia deu ocasión a que o acto de presentación da revista se convertese nun frutífero diálogo entre Ferrín, Heriberto Bens e Manoel Antonio.

Falouse, naturalmente, do fío condutor entre os tres escritores que non é outro que teren compartido e divulgado unha poética da rebeldía que se manifestou estéticamente na súa poesía e tamén política e socioloxicamente. Sumouse deseguida o nome de Xosé Manuel Beiras, presente neste número de A Trabe de Ouro por unha recensión da súa última obra, da autoría de Xurxo Martínez e e pola laudatio proferida por Xavier Vence con ocasión da entrega do premio Lois Porteiro Garea. Formaban estes nos anos cincuenta dos seus inicios como estudantes universitarios en Compostela un grupo necesitado de referentes contraculturais e rebeldes e atoparon no manifesto e na súa poesía do rianxeiro antoloxizada nesa época o motor da súa reivindicación.

A potencia da súa mensaxe foi tal que chegou aos nosos días demostrando que a crítica literaria malia as numerosas descualificacións históricas, tamén é capaz de facer un mundo mellor. Entres as causas da feliz recepción da obra de Manoel Antonio pola sociedade galega temos que sinalar, en primeiro lugar, que a mensaxe destes mozos rebeldes empeza onde remataba a información académica e escolar. Quedou ilustrada esta circunstancia coa actitude do periodista rianxeiro Xesús Piñeiro que, despois de pasar polas aulas e estudar Manoel Antonio decatouse de que había outro escritor cando no váter da taberna da Chucha, no cabo da vila, leu unha pintada que dicía “Amo a Ulrike Meinhoff e o manifesto Máis alá”. Desde este momento comprendeu o periodista rianxeiro o “reverso das cidades” e aprendeu a ler a liña do horizonte. Con razón moi repetida, para que o espazo se manifeste necesitamos algo que podamos ver, tocar ou escoitar. O espazo necesita bordes para ser recoñecido e Ulrike Meinhoff foi ese borde. Outro borde mostrouno Ferrín coa estrela que se amosaba radiante pola ría de Rianxo pouco antes de comezar o acto.

Beizóns a todas as persoas que nos aprenderon a ler Manoel Antonio mudando o significado do que temos lido os demais.