Opinión | Algo que declarar

Repítese a historia

Comentabamos hai escasamente un ano nesta mesma columna que Feijóo faría en Madrid unha oposición moi semellante á que o levou á Xunta de Galicia no 2009 e que tiña como principal argumento a división interna do goberno bipartito, plasmada sobre todo nas diferenzas encol do concurso eólico. Tanto había en xogo naquela decisión —un novo reparto de cartas entre os poderes económicos locais de distinta afinidade política e os estatais— que a primeira decisión do Feijóo nada máis chegar ao goberno foi suspender o concurso cando este xa estaba en fase de adxudicación. Moi pouca seguridade xurídica atopamos neste acto, mais non houbo quen lle afease a conduta ao novo inquilino da Xunta, pois as dúas antigas forzas gobernantes, PSOE e BNG, non acababan de pórse de acordo sobre o valor político da súa propia acción no goberno, un desacordo ben aproveitado por Feijóo, que seguiría mallando no espectro do bipartito durante unha década sen que ninguén o saíse na súa defensa, sabedor de que quen destrúe o prestixio dun feito acontecido pasado destrúe tamén a lexitimidade da súa repetición no presente. A paralización do concurso eólico por parte de Feijóo tivo consecuencias nefastas para o país que ninguén lle cobrou nunca: a modificación do marco regulador das enerxías renovables parte do ministro de Industria e Enerxía, o panameño Juan Manuel Soria, tornaron inviable un negocio que nese momento semellaba iniciar a súa expansión. Pasados case dez anos, a Xunta reiniciaría o concurso eólico en condicións moito peores para os intereses dos galegos desde o punto de vista da protección ambiental, paisaxística e do retorno económico. O espolio que padecemos hoxe.

Mais do que non cabe dúbida é de que Feijóo é un tipo con boa sorte. No último tramo desta lexislatura, cos datos macroeconómicos a favor nun contexto internacional complexo e avances certos en políticas de redistribución de rendas —como a suba do SMI e as melloras na lexislación laboral— o goberno central semellaba finalmente poder presentarse ás eleccións cunha serie de logros no ámbito social que defender ante unha axenda da dereita centrada na descomposición do estado e en alucinadas teorías conspirativas de inspiración trumpista.

Os efectos non previstos da Lei de liberdade sexual viñeron mudar este escenario optimista, co goberno encerellado nunha lamentable batalla interna a ollos vista xusto cando a crise sanitaria lles ofrecía outro bo flanco de ataque a Feijóo, ao teor das políticas privatizadoras dos seus primeiros tempos como presidente da Xunta cando, seguindo a estela dos Chicago Boys no Chile post-allendista, deixou a atención primaria galega no lamentable estado que hoxe coñecemos. O debate xurídico de fondo, se o consentimento impide ou non unha correcta gradación das penas, semella a estas alturas o de menos fronte ao botín maior que se pretende cobrar: o último liderado forte de Podemos, Irene Montero. Unha amputación dun órgano vital do goberno coaligado que máis ben semella un suicidio. Os galegos, que tanto padecemos os gobernos de Feijóo, observamos abraiados a repetición da mesma historia.