Opinión | tribuna

Rodrigo Osorio Guerrero Letrado da administración de Xustiza con destino na Coruña

Non somos xuíces, evidentemente

Após 28 días de folga dos letrados da administración de xustiza e as catastróficas consecuencias do paro, o Ministerio de Xustiza aínda non se sentou a negociar seriamente co Comité de Folga.

A cousa, como xa saberán, vén de lonxe, das reformas procesuais e orgánicas introducidas na administración de xustiza a partir de 2009 que quixeron transformar o vello Poder Xudicial nun Servizo Público de Xustiza para o que, entre outras medidas, se descargou dalgunhas competencias aos xuíces e maxistrados que se atribuíron aos letrados da administración de xustiza.

Aquela mudanza foi tan transcendental que deu lugar á primeira folga de xuíces en España que, grazas o seu paro, lograron conservar a facultade de sinalar as vistas e xuízos cando mellor lles parecese, e a un serio manifesto (“Por la unidad y la independencia en la administración de la Justicia y por las garantías procesales de los ciudadanos. Sobre el Proyecto de Ley de Reforma de la Legislación procesal para la implantación de la Nueva Oficina Judicial”) asinado por medio cento de catedráticos e profesores universitarios de dereito procesual que consideraban que aquel proxecto subtraía “aos xuíces e maxistrados e confiaba aos letrados da administración de xustiza [...] resolucións con importantes efectos xurídico-materiais que deberían estar a cargo de xuíces e maxistrados independentes”. Malia as graves consecuencias que advertían os catedráticos, o Parlamento aprobou a norma e se atribuíron aos letrados da administración de xustiza esas funcións que, de acordo co estabelecido polos expertos, só poderían corresponder aos xuíces.

Dende a entrada en vigor desa norma, os letrados da administración de xustiza vimos exercendo esas competencias de “evidente carácter xurisdicional”. Recordarán que en 2010 unha feroz crise económica asolaba España polo que o Goberno de quenda, comprometeuse a adecuar o salario dos LAX a esas novas funcións, cando a situación económica o permitise.

O funcionamento de Xulgados e Tribunais mellorou (consonte as estatísticas do Consello Xeral do Poder Xudicial) coa aplicación do novo reparto de tarefas entre xuíces e letrados, malia que a insuficiente dotación orzamentaria; a falla de medios persoais e materiais e o pertinaz incumprimento da Lei Orgánica do Poder Xudicial por algunhas comunidades autónomas (Galicia, é un claro exemplo); non permitiron que se desenvolvesen todas as potencialidades daquela norma de 2009.

Doce anos despois, e tras múltiples negociacións, moita paciencia dos LAX cos distintos gobernos e algúns paros parciais, a actual equipa ministerial comprometeuse, entre outras reivindicacións senlleiras do colectivo, a impulsar “a vinculación das retribucións dos LAX ás da carrera xudicial”.

Que o salario dun letrado sexa o 85% do salario do xuíz co que traballan (velaí unha das reivindicacións dos LAX en folga) non é, evidentemente, equipararnos aos xuíces e maxistrados.

Os letrados da administración de xustiza sabemos que non somos xuíces (non facía falta, pois, que o secretario de estado de xustiza nolo lembrase o día antes do inicio desta folga) por máis que medio cento de catedráticos, en 2008, considerasen que se atribuían aos letrados da administración de xustiza funcións que “en todos os países civilizados [...] corresponden exclusivamente a xuíces e maxistrados”. Que é logo quen exerce funcións xurisdicionais?

Mais os LAX tamén somos conscientes das promesas que os sucesivos Ministerios de Xustiza veñen adiando con distintas escusas. Asumimos todas as novas competencias, mesmo as que a Academia considera propias de xuíces, e as estamos a exercer prestando o mellor servizo posíbel. Cando cumprirá o Ministerio de Xustiza cos seus acordos con nós?