Opinión

Académico numerario da RAG

Murguía, corresponsal de ‘La Crónica’ de Nova York (III)

Lembremos que Murguía desde finais de 1860 ata febreiro de 1862 está a traballar como corresponsal de La Crónica de New York enviando unha extensa crónica semanal desde Madrid sobre a convulsa política europea.

A pesar das servidumes ideolóxicas que lle impón o director Manuel Peña —crónicas purgadas de toda pasión de partido, abstenerse de toda censura ao goberno, defensa incondicional da presenza de España en Cuba etc. — Murguía articula unha estratexia que lle permitirá expresarse con certa libertade. Esta loita soterrada entre as imposicións interesadas de La Crónica e os proxectos de Murguía para Galicia é unha das chaves fundamentais para comprender e interpretar as colaboracións do noso historiador no periódico americano.

Desmárcase Murguía, por unha parte, comentando os numerosos folletos que se publicaban en toda Europa portadores dunha información heterodoxa e crítica. Por outra parte, unha segunda, digamos coartada, que lle permite burlar o rigor ideolóxico do periódico para o que traballa como corresponsal, é rematar as crónicas semanais comentando as novidades editoriais publicadas en Europa. Estas recensións, libremente elexidas, permítenlle, entre outras cousas, adiantar os seus proxectos de futuro en relación con Galicia que non eran outros que “facer a historia da súa patria” toda vez que consideraba que nos postulados da filosofía da historia estaba a ferramenta máis poderosa do cambio social.

Neste contexto historicista todos os feitos científicos, artísticos, políticos ou relixiosos teñen a consideración de históricos. Partindo desta concepción Murguía elixe para os seus comentarios bibliográficos tres temas nomeadamente: a historiografía, a arte e literatura popular e a imprenta e medios de comunicación.

No primeiro, a historiografía, preocupación principal, aborda o tema metodolóxico que estaba a ser discutido en toda Europa. Murguía aproveita a publicación da obra de Vicetto Reyes Suevos de Galicia (1860) para participar no debate de maneira contundente (11 de marzo de 1861) cargando contra dun posible competidor:

“La historia ad narrandum está desautorizada, ad probandum es como se debe escribir si no se quiere sufrir la justa repulsa que dicho señor sufrió con la publicación de sus Reyes suevos, la obra más desgraciada de cuantas han salido de su pluma”.

Outras novidades historiográficas que comenta, as de Modesto Lafuente e Antonio Cabanilles (8 de xaneiro de 1861) danlle ocasión para lamentar que non haxa unha boa historia de España toda vez que a do Padre Mariana, brillante e sonora no aspecto narrativo, confunde a monarquía castelá coa española e apenas se lembra dos reis de Aragón e de Navarra. Quixo paliar estas lagoas, segue a dicir Murguía, Modesto Lafuente, providencialista e unitario pero a empresa é superior ás súas forzas. Lemos nestas recensións a descualificación do espírito castellano-céntrico e unitario da España oficial que está a construír a mitografía da Reconquista e do Cid.

Especialmente interesante resulta a exaltación que fai da literatura popular e tradicional con ocasión da recensión das obras de Augusto Ferrant [sic], Campoamor ou o Romancero con evocación para Schiller e Heine. O pobo na concepción de Murguía representaba as virtudes incontaminadas da nación e as lendas, folclore e literatura popular eran o seu tesouro espiritual. A súa filosofía e argumentación persuasiva é demostrar que na tradición da cultura galega, modelada pero oculta nas formas populares estaban os fundamentos identitarios de Galicia. Noutra crónica descualifica a historia da literatura española de Ticknor por confundir España con Castela e pondera a de Amador de los Ríos por introducir dentro do concepto español os autores latinos, mozárabes e xudeus. O que presupón tamén a denuncia da ausencia de escritores galegos ou cataláns. Non descoidou nunca nas súas crónicas, que adoitaba chamar cartas, o tema da edición e da liberdade de prensa, recensionando obras publicadas nomeadamente polo Museo Universal e La Iberia, dúas das súas grandes debilidades, introdutores do gravado en madeira, arte popular por excelencia en Galicia desde a Idade Media. Murguía, con 27 anos tiña xa un proxecto para narrar a nación.