Opinión | Algo que declarar

Transición enerxética e colonialismo interior

Segundo datos do Ministerio de Agricultura, en Galicia había en 2021 4.276 barcos de pesca, case un 50 do total do estado español, 8.732, mantendo unha porcentaxe semellante nas estadísticas de número de traballadores empregados, descargas por tonelada e valor económico. Estas magnitudes deberían abondar por si mesmas para ilustrar a importancia dun sector, o pesqueiro, de longa tradición no noso país, que conta con dous portos de referencia a nivel mundial, o da Coruña e o de Vigo, en comercialización de peixe, así como cunha vizosa industria de transformación —conserveira e conxeladora— que deberan xustificar un especial coidado por parte das distintas administracións.

Nada máis lonxe da realidade. A semana pasada o Ministerio de Transición Ecolóxica aprobou que 2.114 dos 4.948 quilómetros cadrados de dominio público marítimo destinados ao aproveitamento eólico no estado español van estar situados fronte ás nosas costas, un 42 por cento. Estamos ante a que probablemente sexa a lei máis nociva para os intereses de Galicia promulgada polo estado español nos últimos 40 ou 50 anos.

Talvez isto explique que o goberno escollese a fórmula do decreto-lei, reservada aos casos de urxente necesidade, para a súa tramitación, furtándolle así o executivo ao lexislativo a función que ten encomendada de fiscalización, debate e emenda dos textos legais. Preténdese eludir así o escrutinio das Cortes, dar razóns que non se teñen ou xustificar a evidencia: a condena ao amarre de boa parte da frota de baixura galega.

Porque, aínda que todos esteamos de acordo coa necesidade de minimizar o consumo de combustibles fósiles, o custe da transición enerxética non se lle pode imputar unicamente a uns territorios, que soportan a carga da produción, fronte a outros, que consumen a enerxía xerada lonxe deles ao mesmo prezo ca en orixe. Así, tal como aconteceu durante o Franquismo, cando a sucesión de encoros no Miño-Sil e o lignito d’As Pontes serviron para fornecer de enerxía a baixo custo ao conxunto de España sen que Galicia tirase proveito ningún da súa condición de produtora, vemos como hoxe se está a repetir o mesmo ciclo co aproveitamento do vento no noso país, que vai provocar os mesmos efectos: a desaparición de zonas produtivas (onte socalcos para a vide, hoxe caladoiros de pesca) e o desprazamento das poboacións que os explotaban, labregos daquela, mariñeiros hoxe.

A Xunta de Galicia, dirixida polo Partido Popular, que debera ser a primeira en alzar a voz fronte a semellante agresión, permanece, porén, calada e inactiva. Non fixo a tal hora proposta ningunha para minimizar os danos evidentes de privar a nosa frota de boa parte dos seus caladoiros tradicionais. Tampouco amosou ningunha vontade de participar na explotación deste recurso mediante a creación dunha empresa pública galega de enerxía, que lle devolvese ao conxunto da sociedade parte dos recursos comúns que lle están a ser expropiados para entregárllelos de xeito privativo ao oligopolio enerxético. Un silencio e unha pasividade cómplices que deixa en mans do pobo organizado a defensa dos seus intereses.