Opinión | Algo que declarar

O falso debate eólica/pesca

“Non hai ningún debate eólico versus pesca, hai unha decisión estratéxica tomada e é que Galicia vai ser un polo de produción de eólica mariña, gústenos ou non.[...] A cuestión non é onde se poñen os muíños, senón quen está tomando decisións por nós.” A privatización do noso mar está contando hoxe, como xa é costume en casos semellantes, cunha morea de silencios cómplices e colaboradores necesarios no noso País, mais tamén con algúns formidables opositores, como son a xente do mar no seu conxunto, expulsada por decreto do seu medio de vida, organizacións políticas, sindicais e algúns xuristas teimudos, como é o caso de Marta García, catedrática de Dereito Administrativo da UDC e coordinadora do Grupo de Investigación Dereito Público Global-Observatorio Litoral da mesma universidade.

Denuncia a profesora coruñesa no faladoiro intitulado Pesca/Eólica marina: El falso debate a tese do MITECO (Ministerio de Transición Enerxética) segundo a cal, a aprobación por decreto dos POEM, plans de ordenación do espazo marítimo, nas nosas costas foi a consecuencia inevitable da transposición da normativa sectorial comunitaria, máis en concreto, da 2014/89/UE, de espazo marítimo. Moi ao contrario, sinala a profesora, aquilo que si recomendaba expresamente a norma europea —a participación dos chamados grupos de interese e da cidadanía na elaboración dos POEM de cada país— foi coidadosamente evitado pola ministra, Teresa Ribera, quen excluíu o sector pesqueiro de calquera participación previa no deseño do POEM. “O sector pesqueiro non foi consultado, fíxose consultar”, conclúe a profesora, quen denuncia, ademais, a continuidade dunha tradición española: a de endosarlle a Galicia o rol de produtora enerxética, como amosa o ciclo da hidroeléctrica durante o Franquismo e o da eólica terrestre nos últimos anos.

Mais hoxe non podemos rematar este artigo sen analizar o papel dos colaboradores necesarios desde a esquerda no proceso en curso de privatización do noso mar para entregarllo en cachos ao oligopolio enerxético, como se se tratase do mapa de África durante a Conferencia de Berlín de 1885. Estamos ante quintacolumnismo verde que, cos argumentos da transición ecolóxica, está a lexitimar a privatización en curso e moi lucrativa dun ben común, como son o mar e o vento. Nunca soñaran Sánchez Galán, a filla de Botín, Enel, Greenalia ou Naturgy contar con aliados tan requintados na pluma e virtuosos na dialéctica posta ao servizo dos seus intereses privados e cada vez máis grosos balances anuais de resultados. Un quintacolumnismo verde que defende na teoría o ben común pero que, cando se trata de transición enerxética aplicada a Galicia, tenden a esquecer eses mesmos aquelados principios e a asumir posicións pragmáticas, xacobinas e da Razón de Estado, porque hai veces nas que un debe pórse responsable, compa, e se logo resulta que os teus razoamentos coinciden cos intereses do IBEX-35, pois que se lle vai facer!

No tempo histórico das guerras proxy, cómpre ter sempre a man alguén que libre por ti as túas batallas, aforrándoche recursos e a perda previsible da batalla informativa. Mellor aínda se parecen do outro bando, o noso.