Opinión

Académico numerario da RAG

A biblioteca matrimonial de Rosalía e Murguía

A Constitución Española de 1812 recollía nun dos seus artigos que todo español tiña a obriga de defender a Patria coas armas. Anos máis tarde Joaquín Costa, pafraseando o citado artigo, tamén proclamou a necesidade de defender a Patria cos libros na man.

Pois ben, resulta moi significativo, e chama á reflexión, que toda unha serie de personalidades da nosa cultura, habitantes dun país desarmado, sen institucións que o amparen, coincidisen en pretender facer patria e defendela servíndose dos libros, tal como quería o escritor aragonés. Entre estas personalidades, escritores, bibliófilos, editores, que queren poñer os libros ao alcance das nosas mans, están de maneira sobranceira Rosalía e Murguía, por dous motivos: porque ambos escribiron libros fundacionais e porque os dous, por medio da súa filla, dona Gala, nos fixeron chegar un importante legado bibliográfico que custodia a Academia Galega grazas a D. Xoán Naia.

Tivo que ser no seu momento unha importante biblioteca se atendemos testemuñas diversas como a do veciño emigrado, e protector do matrimonio, Manuel Barros, que cando visita a unha Rosalía xa enferma de morte sorpréndese da humildade e austeridade do seu gabinete de traballo que contrastaba coas estanterías cheas de libros que ocupaban os catro lados da habitación.

Para aquilatar esta biblioteca temos que ter en conta que o século XIX é etapa de lecturas selectas e conversadas, aínda non chegara a época dos “demasiados libros”, de lecturas “dorsais” e superficiais, polo lombo dos volumes. Por poñer unha referencia galega, a biblioteca persoal de Sarmiento, unha das mellores de Europa, non acadaba os sete mil volumes na segunda metade do século XVIII.

A Academia Galega custodia actualmente un resto mínimo da que foi importante biblioteca matrimonial porque resulta evidente, por numerosos testemuños, entre eles a fundada denuncia de Lesta Meis, que gran parte dos seus libros, con importante documentación engadida, foi vendida en vida e nos anos posteriores á morte do patriarca. Da fe César Vaamonde Lores cando en carta a Rey Soto de 1933, que nós temos publicada, precisa:

“El que yo manejé [Diccionario de escritores], era del propio Murguía, con muchas notas marginales de su mano, y único que él poseía. Hoy este ejemplar debe ser el que tiene Vindel, tal vez procedente de los innumerables manuscritos que en ocho grandes cajones, vendió la familia a Morales, de Madrid, a parte de otros libros. Morales los vendió ahí como pudo y creo que aún tiene algunos y de estas reventas será, tal vez, el de Vindel. Por más que en repetidos viajes, han marchado a Madrid muchísimos más libros y papeles del Patriarca con objeto de negociarlos en esa”.

Mágoa desta circunstancia que nos impide acceder á biblioteca e, xa que logo, ás lecturas compartidas de Rosalía e Murguía porque sempre mantivemos, seguindo o ronsel do mellor humanismo, en difícil convivencia co espírito inquisitorial que se dedicaba a queimalos, que os libros e as bibliotecas son unha eficaz forma de achegarse á personalidade dos seus lectores. Quédannos afortunadamente, para reconstruíla, os inequívocos testemuños epistolares que dan fe da compra e uso de centenares de libros que formaron parte da biblioteca matrimonial. Así, por exemplo, os pedidos e os correspondentes envíos da casa C. Bailly Baillière ou, anteriormente, de Dionisio Hidalgo (1809-1866), libreiro, editor e bibliófilo, informador e divulgador de novidades impresas dirixidas a un novo lector integrante da burguesía intelectual.

Non nos sorprende, xa que logo, que noutras moitas ocasións anden na procura de libros raros e curiosos por dous diferentes procedementos: mercando, a prezos elevados, nos ricos catálogos que reciben de París —Librería Internacional— de Lisboa e Guimerâes —Joâo Pereira da Silva— ou de Madrid —Viuda de Rico, Viuda e Hijos de Cuesta— ou tentando conseguir algún lote nas librarías de lance. A lectura compartida proporcionou sen dúbida momentos de pracer e sosego a Rosalía e Murguía malia que os elevados prezos dalgúns dos libros adquiridos, tal como delatan as facturas, foi tamén motivo de apreturas económicas e non poucos desacougos.

De calquera xeito, podemos adiantar que as lecturas de Rosalía e Murguía, non están orientadas por criterios morais impostos pola igrexa e pola escola. Pola contra, Murguía e Rosalía, se analizamos a súa biblioteca, pertencen a un grupo de cultura democrática e progresista que consideraba o libro como esencial para a formación dos cidadáns.