Opinión

A resistencia galega: Da defensa da Coruña á defensa de Galicia

Pierre Nora acuñou o concepto “lugar de memoria” a finais do século XX para referirse a todos aqueles obxectos e espazos simbólicos onde se refuxia a memoria colectiva. Aplicado á cultura galega parece obvio que os nosos lugares de memoria, xa sexan libros (Cantares Gallegos), monumentos (Mártires de Carral), celebracións emblemáticas (Banquete de Conxo, Traslación dos restos de Rosalía, Xogos Florais de Tui etc.) constitúen a defensa e refuxio dunha minoría que se resiste a ser borrada da historia.

Os lugares de memoria sobreviven soamente cando está vivo o sentimento de que non hai memoria espontánea, que temos que construíla con libros pero tamén con símbolos, arquivos vivos que teñen que suplir a carencia dunha escola oficial que ensine a nosa historia. O percorrido dos lugares de memoria foi unha estratexia cultural que posibilitou á RAG (Real Academia Galega) durante as presidencias de Barreiro e Ferrín (2001-2013) unha fecunda renovación do discurso institucional. A celebración solemne, en actos multitudinarios, dos Mártires de Carral, Album da Caridade, Xogos de Tui, Consello de Galiza, enterros de Curros e Murguía, lembranza de Luís Seoane etc. coa súa dimensión simbólica facilitaron a articulación de distintas miradas para unha lectura do noso pasado invisibilizada. Nada que ver, esa meditada rememoración, coa política actual da RAG onde se lle zorrega unha homenaxe a todo o que está á man, siguindo criterios alleos e arbitrarios.

Lamentablemente acaba de perder a RAG unha magnífica ocasión de rescatar das poutas do esquecemento un suceso protagonizado polo rexionalismo presidido por Murguía no ano que conmemoramos o centenario do seu falecemento. Estamos a referirnos ós sucesos de 1893 provocados polo decreto de marzo deste ano polo que se suprimía a Capitanía Xeral con sede na Coruña desde 1480 para trasladala a León. Xustamente o pasado 19 de marzo de 1893, hai 130 anos, dimitiu en pleno por este motivo a Corporación Municipal da Coruña co seu alcalde D. José Soto á cabeza e nunha reunión posterior na Reunión de Artesanos foi constituída a Junta de Defensa de La Coruña, presidida polo mesmo alcalde e outras corenta persoas en representación de diversas asociacións da cidade. Malia que eran moitas as ideoloxías representadas na Junta de Defensa, serán os rexionalistas os que mellor e con maior profundidade aportaron argumentos de cohesión, entre outras razóns porque no seu horizonte político estaba moi clara a idea de preservar as institucións históricas como garantía da independencia e personalidade de Galicia. Un bo número deles serán membros fundadores da Academia poucos anos despois, con Curros á cabeza.

Pero o realmente importante será o movemento de protesta e resistencia que se vai producir en todo o país auspiciado polos distintos comités rexionalistas que transformaron un suceso localista nunha reivindicación nacional como dan fe os manifestos que se sucederon desde primeiros de abril. O Comité Central rexionalista, presidido por Murguía e con sede en Santiago, cobra cada vez maior protagonismo nomeando a Aurelio Ribalta como representante da que se está a denominar xa Junta de Defensa de Galicia coincidindo co solemne manifesto que o órgano central dirixe á opinión pública asinado por Murguía, Brañas, Cabeza de León e Tarrío.

Os sucesivos acontecementos, ameazas, promesas, prohibicións, encarcelamento de todos os membros da Xunta de Defensa, expediente a Murguía e posterior levantamento cidadán, con máis de 20.000 persoas na rúa entre adhesións de toda España e de todos os Comités de Galicia, serán recollidos en tres libros (Carlos Martínez Esparís, La resistencia gallega ; Modesto Castilla, Historia de la Junta de Defensa de Galicia; Salvador Golpe, De la Coruña a la cárcel pasando por Galicia) case coevos dos acontecementos.

Non faltou o intento de engulir estes sucesos políticos, propiciados polo rexionalismo, ao proclamar as manifestacións multitudinarias que se sucederon como o primeiro acto do denominado “coruñesismo”, recente movimento local que se autoproclamaba apolítico. Cousas da vida.