Opinión | Algo que declarar

Folga na CRTVG

Se alguén se quixera facer unha idea cabal do que acontece no noso país a través da radio e a televisión públicas, a CRTVG, verá que este é un lugar no que case nunca acontece nada, agás, talvez, a praga constante dos xabaríns e os lobos que infestan os nosos montes levando practicamente á ruína os traballadores do noso agro. Tamén no mar sucede outro tanto coas candorcas, que non paran de axexar sobre todo as embarcacións a vela espantando ese turismo de alta calidade que, sen dúbida, deben representar os seus donos. Os galegos e galegas, concluirá ese espectador inocente, seguen emigrando hoxe como antano practicamente por vicio, por ese espírito aventureiro que os caracteriza desde antigo e que debe formar parte dun instinto ancestral transmitido xeneticamente.

Outro tanto debe acontecer co chamado devalo demográfico. Seguramente porque somos un pobo consciente da aceleración do cambio climático, os galegos e galegas decidimos de xeito unánime e por acordo silencioso deixar de reproducirnos ou facelo de maneira escasa. No ámbito da cultura, aquí o que nos gusta son as verbenas tropicalistas e as paparotas tematizadas polo lugar de orixe do ingrediente de referencia. Intelectuais poucos hai, a verdade, ou cando menos, non se lles escoita nin ve falar moito na radio e na televisión galegas. Tampouco nos prestan os debates públicos sobre temas de actualidade, o que non deixa de ser coherente co feito de vivirmos nun país onde non sucede nada, como dixemos nas primeiras liñas. O coñecemento da nosa Historia pouco nos interesa, probablemente os nosos antepasados fosen xente coma nós, interesada en comer ben e marchar para a emigración desde tempos inmemoriais. E no que atinxe ás creacións artísticas propias, sexan audiovisuais, musicais ou de calquera outra arte, pois máis ben poucas, a verdade, pois estamos demasiado ocupados comendo, bailando e emigrando para dedicarnos a esas cousas de señoritos.

Na parte política, pois pouco que contar. Aquí nunca pasa nada, como xa dixemos, agás nalgúns concellos gobernados pola esquerda en calquera das súas versións onde non gañan para sustos. Son lugares sucios e inseguros onde non se aconsella vivir se o que un procura é a existencia morna e tranquila da que tanto gostan os galegos, eses verdadeiros hobbits que contemplan asustados o espectáculo lamentable e atroz do mundo contemporáneo, e que votan cada catro anos ao Partido Popular para que as cousas sigan sendo como sempre foron.

Contra este retrato falso do noso país, ao servizo unicamente dos intereses do Partido Popular, rebeláronse estes días os traballadores e traballadoras da CRTVG, verdadeiros heroes e heroínas da Galicia de hoxe. Rebeláronse para denunciar a manipulación, o acoso e a censura sistemáticos ao que os vén sometendo o ente público desde os tempos de Sánchez Izquierdo. Raquel Lema, Carlos Jiménez, Ana Pérez, Tati Moyano ou Alfonso Hermida son algúns dos nomes dos xornalistas que, arriscando o seu traballo, ergueron a súa voz contra a censura e xunto con eles fíxoo tamén toda a dignidade do noso pobo. Beizón.