Opinión

Académico numerario da RAG

Os amigos liberais de Murguía: Xosé Domínguez Izquierdo (1819-1897)

A Literatura Gallega de Eugenio Carré Aldao (1911) reproduce (páx. 171) un breve fragmento dun texto que forma parte da Corona fúnebre a la memoria del distinguido poeta gallego Aurelio Aguirre Galarraga publicada bajo la dirección del Dr. D. José Domínguez Izquierdo (1859). Resalta o historiador e antólogo coruñés a singularidade da colaboración de Xosé Domínguez Izquierdo por ser a única escrita en galego de entre todos os escritores que participan na homenaxe a Aurelio Aguirre. Serán esta portada e a colaboración recollida nas páxinas 77-80 da mesma obra, asinada por José Domínguez d´Esquerdo, as únicas fiestras que nos permetirán acceder a este autor nacido en Santiago o 4 de setembro de 1819 e falecido en Louro (Valga) o 24 de agosto de 1897. Mentres non accedamos ao seu expediente profesional de máis de duascentas páxinas, limitamos as nosas noticias sobre este xuíz liberal ás súas numerosas colaboracións e ás noticias que a prensa da época dá sobre el.

A participación de Domínguez Izquierdo na prensa comeza moi cedo xa que co pseudónimo de “El Estudiante” publica os seus primeiros artigos en El Iris del Bello Sexo (1841) convertido pouco despois en El Iris de Galicia, editado nos talleres de Núñez Castaño, o gran editor do provincialismo. A partir deste momento a súa obra está dispersa en numerosas cabeceiras como La Oliva, El Miño, El Recreo Compostelano, El Eco Compostelano, El Eco Ferrolano, El Heraldo Gallego etc. Porén será El País (1857-1858) o periódico que recolle as súas máis emblemáticas publicacións, algunhas delas en galego, asinadas como Pepe de Mingos Esquerdo, que o converten nun adiantado da reivindicación do idioma seguindo o ronsel doutros ilustres pontevedreses como Pintos, todos aleitados pola obra pioneira do Padre Sarmiento. Concretamente nunha Gacetilla (El País, Pontevedra, 20-V-1858) anuncia a adquisición dunha nova fundición e dá a noticia unha sección titulada Floresta Gallega, de tipos e costiumes galegos por D. Xosé Domínguez Izquierdo. A citada Floresta, probablemente dispersa en difentes cabeceiras non acadou forma de libro pois algúns anos máis tarde deste anuncio aparece mencionada novamente nas breves notas biográficas que lle dedica o seu amigo Félix Moreno Astray na obra El viajero en la ciudad de Santiago (Santiago, 1865).

Domínguez Izquierdo, xuíz en distintas cidades, Ourense e Jerez de la Frontera entre outras, xubílase en Cangas de Tineo, despois de perder unha filla en 1890.

Foi unha personalidade política combativa e loitadora que advirte a Murguía da difícil convivencia en Santiago, “cidade levítica e conservadora”, que el mesmo padeceu sendo vítima dun auto de fe público na igraxe de San Andrés, suceso que relata en terceira persoa ocultándose no pseudónimo de “Diógenes”.

Domínguez Izquierdo foi a cumplir coa Pascua na angosta parroquia de San Andrés en Santiago e viuse sorprendido por un mozo teólogo e seminarista externo que lle recrimina que fixese defensa pública de Romero Ortiz, “el mayor ofensor de la Iglesia”. Convídao a unha retractación pública e négalle os sacramentos se non o fai por escrito ou oralmente. O escrito, no que o Fiscal relata en terceira persoa este episodio, dirixido a Murguía para a súa publicación na prensa, remata con estas palabras:

“El Fiscal defensor de su jefe, empero sólo pudo evitar el exabrupto y el escándalo finalizando con sumo tacto y habilidad diciendo obedezco (con la boca) pero no cumplo (en lo íntimo del corazón).

Cientos de partidarios nos está actualmente quitando el clero aquí para dárselos al fanático absolutismo.”