Opinión | Algo que declarar

Calor

“A Revolución depende dun grao máis ou menos de calor”, escribía o historiador e político conservador francés François Guizot como un xeito de explicar o acontecido no seu país entre 1789 e 1815. Hoxe, case 250 anos despois, ninguén agarda xa que os trastornos da meteoroloxía poidan traernos un gran movemento popular de signo progresista e isto supón, tamén, en si mesmo, unha novidade de primeira magnitude, tal e como nos lembra Enzo Traverso no seu Melancolía de esquerdas: é a primeira vez desde a Ilustración que vivimos, cando menos niso que chamamos Occidente, nun mundo sen horizonte utópico.

Sucede que, os mesmos que celebraban hai uns 30 anos o final do revolucionario Século Curto de Hobsbawn marcado pola caída do Muro, os Huntington e Fukuyama de noutrora, non atopan no presente nada que festexar. As guerras imperialistas por toda parte, a aceleración do cambio climático e a intensificación a escala planetaria do proceso de acumulación do Capital non convidan ao optimismo máis que para esa minoría capaz de comprar un billete para Marte nunha das naves de Musk, como a que estoupou a semana pasada minutos despois do seu lanzamento. E como case todas as distopías trazadas polos escritores de ciencia-ficción do século pasado acabaron por realizarse, a relectura do clásico de Bradbury, Crónicas marcianas, debería advertilos de que nin tan sequera nun planeta novo deixa o home de comportarse como na súa casa. Mais é posible que para esa minoría selecta a única lectura relevante sexa a da variación diaria do pulso do índice Dow Jones, o resto é literatura.

–É toda a terra a que arde! Berraba un campesiño de Cecebre en 1926 un día de verán no que o termómetro chegaba aos 30 graos ao ver subir o bafo quente da terra, ou así nolo conta polo menos Wenceslao Fernández Flórez nun artigo datado en 1926.

–Veciños, veciños, é a fin do mundo! Remachaba a súa muller, Marica das Mazás, de fermoso vocativo e seica tamén “interesada nos asuntos do Rif”, a onde poderían mandar os seus fillos en leva forzosa. Consola comprobar que, un século despois, compartimos as teimas: xeopolítica magrebí e quecemento global. Mais a Historia non atravesa dúas veces o mesmo río, como nos lembran decote Heráclito o escuro e Karl Marx.

A teoría do salto cualitativo dinos que, a partir de certo momento, a diferenza de cantidade transfórmase en calidade. Así, as armas nucleares proban que a guerra total coa que soñaba Goebbels existe como posibilidade nos manuais de estratexia militar co axeitado nome de MAD, Destrución Mutua Asegurada. Tamén a suba de temperaturas acelerou nas últimas décadas o proceso de expansión do Sahara cara ao norte e cara ao sur e, como corolario, a fuxida das poboacións que habitaban nesas zonas de economía agrícola e gandeira cara ao norte atravesando o Mediterráneo, fenómenos os dous que descoñecía Marica a das Mazás. O mundo trasládase máis rápido que a nosa capacidade para entendelo e xa non dispoñemos do freo de man da utopía.