Opinión

Académico numerario da RAG

Natalio Botana e Galicia

Gardaba Maruxa Seoane nunha enorme carpeta os orixinais das crónicas que desde o 31 de outubro de 1936 publicara Seoane en Bos Aires co título El Terror fascista en Galicia, asinadas co pseudónimo de Conrado Alem. Asociado a estas crónicas non tardou en aparecer o nome de Natalio Botana que ofrece as páxinas do seu diario, Crítica, o de maior tirada de Arxentina naquel momento, a Luís Seoane, un mozo de 26 anos que acababa de chegar de Galicia, fuxindo dunha morte segura. Tres anos máis tarde cando arriba o buque Massilia a Bos Aires con numerosos exiliados como Arturo Cuadrado a bordo, proporcionou traballo e fianza a moitos deles para poderen desembarcar. A actitude de Botana, colmada de lendas, quedou gravada na memoria da colectividade galega e moi especialmente entre os exiliados republicanos. Con estas cartas de presentación pro-republicana, resulta doado esbozar un perfil de Natalio Botana como un brigadista antifascista da comunicación. Reforzou esta idea a lectura dunha semblanza biográfica do muralista Siqueiros onde se falaba da súa etapa arxentina a onde fora parar nun momento de serias disensións no Partido Comunista de México. Como ronsel desta estancia quedou un xigantesco mural de 200 metros no soto da casa de campo do empresario da prensa arxentina que recentemente foi causa de disputa por parte dos herdeiros e que de sempre foi visitado por intelectuais e artistas, García Lorca entre eles.

Non nos aclaran demasiado ao respecto da súa vida novelesca unha especie de memorias debidas a Helvio Botana, un dos seus fillos, que desde logo non ratificou a imaxe que me tiña feito do seu pai. Desde aquela reunín algunhas documentadas biografías de Natalio Botana, a de Álvaro Abós e a de Piñeyro, entre elas, que non conseguiron borrar a imaxe que divulgou da súa persoa o escritor Leopoldo Marechal que na súa novela Adán Buenosayres (1948) sitúa ao noso personaxe no séptimo círculo do inferno manexando unha rotativa xigante que convertía os homes en papel. Noutro capítulo da mesma obra Adán, o propio Leopoldo Marechal, presenta ao seu Xefe, trasunto de Botana, aburrido nunha noite de póker, contando mistos dunha caixa de cartón e descubre que tiña un menos dos 45 anunciados no exterior. Conseguirá o Xefe que a empresa fabricante pagase fortunas para evitar que a noticia aparecese na primeira páxina do xornal que dirixía.

Natalio Botana (1888-1941) chegara a Bos Aires, procedente de Montevideo como exiliado político, igual que Constancio C. Vigil o mítico fundador da editorial Atlántida na que traballaron Rafael Dieste e Carme Muñoz. Con préstamos bancarios, outros din que coas ganancias no xogo, funda e dirixe en 1913 o xornal Crítica que acumula débedas constantes que non pode satisfacer cos apenas 5.000 exemplares de tirada. Pero pouco a pouco, cambiando de sede por impagos, renovou o periodismo arxentino pasando a tirar case un millón de exemplares a finais da década 1920-1930.

Tiña especial sensibilidade para seleccionar temas de interese onde se combinaban o sensacionalismo —grandes crimes, fútbol, amoríos tráxicos— con artigos asinados por Borges, Raúl González Tuñón, Roberto Arlt, Enrique González Tuñón, Carlos de la Púa, Bernardo Verbitsky, etc, pasando por notas do físico Albert Einstein ou do Premio Nobel, George Bernard Shaw.

Falecerá Natalio Botana en 1941 nun accidente de coche cando xa o seu matrimonio con Salvadora Medina Onrubia, “La Vernus Roja”, anarquista e feminista, naufragara no medio dunha traxedia familiar, o suicidio de “Pitón”, o fillo adolescente de Salvadora adoptado polo magnate da comunicación.

Natalio Botana morre o mesmo ano que Orson Welles realiza a película sobre o zar da prensa norteamericana William Randolph Hearst. Tamén o magnate arxentino, cualificado por Neruda como“capitalista poderoso y dominador de la opinión pública de Buenos Aires”, será protagonista de novelas e obras de teatro. Pero Seoane, tan dado a evocar e agradecer favores recibidos, gardou un silencioso distanciamento a propósito deste personaxe que malia o inicial apoio aos exiliados non acadaba un perfil recomendable.