Opinión | Algo que declarar

Dereito á mentira

Sempre me admirará a eficacia das estratexias informativas da dereita, a súa capacidade para construír e determinar a axenda pública e para destruír a do contrario. Unha estratexia masiva, baseada na cantidade, na repetición obsesiva da mesma idea reducida á menor cantidade posible de elementos, de palabras, para tornala así máis facilmente asimilable por unha audiencia cabreada e sempre disposta a aceptar solucións simples a problemas complexos. A multa de case 800 millóns dólares á Fox News por difamación debería servir para abrir un debate público sobre a mesma cuestión entre nós. As prácticas conspirativas da Fox, recoñecidas de xeito explícito polos seus directivos e avogados para evitaren ir a un xuízo moi doloroso para a compañía, acadaron o seu grao máximo de expresión nas últimas eleccións presidenciais norteamericanas nas que abertamente difundiron a idea dunha fraude electoral que, entre outras consecuencias, está no cerne das mobilizacións do electorado trumpista que acabou por asaltar o Capitolio o día de Reis de 2021, data traumática para o país do check and balance.

En realidade, a estratexia da Fox é a versión máis civilizada duns medios de ultradereita moi poderosos nos Estados Unidos que teñen nas Breitbart News de Steve Bannon a súa facción máis radical e desacomplexada no uso das fake news. Son estes medios os que durante anos foron creando o caldo de cultivo necesario para a emerxencia dunha dereita alternativa de retórica brutal, abertamente racista e machista, que acabou atopando nun tiburón dos negocios arruinado, Donald Trump, o seu home providencial. Mais sería un erro limitar a influencia destes medios ao ámbito da competencia política entre os dous grandes partidos tradicionais, eles son tamén os responsables de crear o relato ideolóxico que lexitima a violencia do supremacismo branco de ultradereita nos Estados Unidos, e que rara vez vemos etiquetado baixo ese nome nas noticias, onde o clasifican simplemente como un tiroteo máis na sección de sucesos.

Entre nós, o acontecido co atentado de Atocha hai case 20 anos é o perfecto equivalente da fraude electoral dos EEUU nas eleccións do 2020. Unha parte da dereita española negouse a aceptar publicamente que o acontecido era consecuencia directa da participación de España na Guerra de Irak auspiciada por Aznar na procura dunhas armas de destrución masiva que sabían que non existían. Teimaron en culpar a ETA do atentado literalmente durante décadas en contra de todas as evidencias e como un xeito de deslexitimar o goberno de Zapatero que veu despois. No caso español, non houbo procesos penais contra os creadores desta infamia e iso amosoulles aos chamados “líderes de opinión” da dereita que gozaban dunha total impunidade para a mentira, garantida baixo o dereito á liberdade de expresión, o cal, por certo, non os privou con Rajoy de aplaudiren a chamada lei Mordaza que penalizaba a protesta dos de abaixo. O falso debate actual sobre a okupación devólvenos aquelas campañas de antano, na que vemos como a falta de datos se compensa con falsidades e testemuñas en primeira persoa.