Opinión

Escribir libros

Adoitamos dicir mecanicamente que a terra é redonda ou que os escritores escriben libros cando hai séculos que se demostrou cientificamente que a forma da terra non é esférica, e que desde a invención da imprenta os libros son feitos polos impresores nas imprentas. Os chamados autores limítanse a facer textos escritos. Efectivamente, nin os arquitectos constrúen casas nin os autores escriben libros. Os primeiros proxectan casas que executan os contratistas e construtores e os segundos escriben textos que os impresores converten en libro. Do mesmo xeito que entre o arquitecto e o edificio construído está a empresa que reúne albaneis, encofradores, carpinteiros, etc., entre o texto escrito e o libro actúan como mediadores necesarios caixistas, tipógrafos, correctores, encadernadores, etc. Como testemuña desta mediación imprescindible quedan, no caso do libro, os contratos suscritos entre o escritor e o impresor onde se precisan o papel elexido, as dimensións do libro, os tipos que se van empregar, o número da tirada e, por suposto, o reparto dos posibles beneficios. E non son intermediarios pasivos ou mecánicos porque o soporte que adopta o texto escrito condiciona a lectura e interpretación do mesmo ata tal punto que algúns historiadores da cultura afirman que se a Biblia non estivese dividida en capítulos e versículos probablemente sería interpretada de maneira moi distinta. A actual estrutura de capítulos e versículos non foi impresa ata o século XVI por Robert Estienne, a denominada Biblia de Xenebra, oficializada e canonizada polo papa Clemente VIII en plena confrontación cos protestantes. Tamén o acceso democrático a determinadas lecturas está facilitado polo aspecto exterior de libros agrupados en coleccións que adoitan chamarse “bibliotecas”. Significa esto que o traballo dos impresores vai máis alá da transformación ou vestido externo dos textos dos escritores e acaba imprimindo tendencias lectoras con capacidade para modificar a interpretación do discurso según apuntan estudosos tan cualificados como R. Chartier. Un bo exemplo desta capacidade de editores e impresores para crear “comunidades lectoras” témolo nos anos vinte do pasado século en Galicia. No clima cultural que despertaron as Irmandades da Fala creáronse varias editoriais como Céltiga (Ferrol, 1921), Libredón (Santiago, 1924), ou Lar (A Coruña, 1924). O afán reivindicativo do idioma galego era tan rotundo que se creou unha especie de “comunidade lectora” que chega a permitir que se pasase por alto o aberrante sentido literal dalgunha das obras publicadas. Tal é o caso da noveliña de Xesús Fernández González titulada Como son os do Grorioso. Antón Piruleiro (Lar, 1925), unha exaltación do patriotismo español encarnado nada menos que por Millán Astray, pero que ao estar escrita en galego foi aceptada pola comunidade lectora máis alá do significado e intención do autor.

Pero a relación, non sempre amistosa, entre escritores e impresores queda patente polo histórico intercambio entre o autor e o corrector de imprenta. O primeiro, preocupado pola correcta transmisión do seu texto orixinal, manuscrito ou mecanografado, corrixe unha e outra vez as probas de imprenta co fin de evitar as tan temibles como inevitables erratas. Cando despois de rematado o libro seguen a detectarse grallas, algo moi frecuente, adoita poñerse ao principio ou ao remate do mesmo a chamada “fe de erratas” que pretende emendar os erros para certificar que o texto impreso concorda co escrito orixinal do autor. A primeira “fe de erratas” coñecida é a dunha edición das sátiras de Juvenal de 1478 e ocupaba dúas páxinas adicionais. De calquera xeito o intercambio entre escritores e correctores ademais de ser un capítulo anecdótico da súa relación, é tamén o ronsel inequívoco dun contrato que separa as funcións de escritores e impresores. Uns escriben textos e os outros danlle formato de libro.