Opinión | Shikamoo, construir en positivo

Invitación

Teñan bo día! Antes de nada, deséxolles un moi feliz Día das Letras Galegas. Porque xa celebrar as letras, a literatura desenvolvida en calquera lingua, é motivo de celebración e ledicia. Pero se ademais estas teñen que ver co fondo espírito da nosa terra, as inquedanzas dos nosos antergos e están imbricadas na nosa cultura, moita máis alegría. Feliz 17 de maio! Un día de festa na nosa comunidade que, viva a diversidade, pode ser celebrado de moitas maneiras. Espero que lles vaia ben nesta xornada e que a aproveiten moito, desde a súa perspectiva, e que sexa un día bonito.

E aquí lles conto… Porque a algúns incautos pero ben intencionados circunveciños non se lles ocorreu outra cousa —xa ven vostedes— que invitar a un articulista de medio pelo —escritor é unha palabra demasiado grande— a falar con eles. E o rapaz, que tampouco se queda nada curto nesas cousas dos faladoiros, liouse a manta á cabeza e dixo que si, co que a leria xa está montada. E ese é o plan. O meu plan, xa ven. Porque, así as cousas, esta mesma tarde teño a honra de falar coa veciñanza da parroquia de Centroña (Pontedeume), nunha actividade na que espero todos desfrutemos. Trátase de conversar, primeiro nunha charla máis ou menos estruturada pola miña parte, e logo coas achegas e disquisicións dos presentes que o desexen. E así conmemorar, xa ven, a escrita en galego, o pensamento en galego e a fala en galego. Nada máis… e nada menos.

E de que vou falar? Pois da sociedade que vén, a do futuro, a que herdarán as xeracións que agora cursan a Educación Secundaria Obrigatoria ou o Bacharelato. E iso partindo do modelo de convivencia actual que, seguramente, é o mellor dos coñecidos ata agora, pero que ten tamén moitas sombras. De moitas das súas características, desde o meu punto de vista, e dos retos que xa están aquí. Dun feixe de teimas que ven constituíndo o núcleo duro desta columna dúas veces á semana desde hai máis de vinte anos, e que tamén están na base dos meus artigos e colaboracións noutros medios.

Falarei do cambio climático, por exemplo, e do que está implicando xa e do que vai supoñer en non moito tempo. Da expansión da iniquidade, nun contexto xeneralizado de redución da pobreza extrema. Das novas tecnoloxías, as cousas boas e os riscos asociados. Da intelixencia artificial, da súa potencia para mellorar moitas das nosas actividades cotiás, pero tamén dos grandes riscos ligados á súa opacidade. Da realidade case distópica que se nos presenta, ou se nos quere presentar. E de quen son os viláns nesta historia, que en realidade non ten nin bos nin maos, pero na que o futuro colectivo depende moitísimo da nosa actitude, das nosas crenzas, prácticas, valores e ideas, e que pode ou non ter final feliz.

Falarei da soidade non querida, nun momento moito máis líquido da existencia, ao estilo xenialmente descrito por Bauman. Do illamento social. Do papel das redes “asociais” no mundo de hoxe, no que a virtualización está gañándolle a partida á vida real. Da construción democrática e de como a excesiva partitocracia pode chegar a frear o verdadeiro achegamento das persoas ás políticas públicas. Falarei do que somos e do que podemos chegar a ser. Dos sonos dunha Humanidade un tanto desnortada hoxe, ao tempo que ten maior potencia que nunca. Unha Humanidade cuxa fotografía empeza a concordar bastante coa mirada precoz de autores que, en clave distópica, imaxinaron como podería ser o mundo de 1984, 2001, 2010 ou máis adiante...

De todo iso falarei, si. Pero tamén escoitarei. Porque a ver como se dá, pero estas son sempre oportunidades máis para aprender e compartir que para pontificar. E que o que un leva dentro, xa está con el. O interesante é ser quen de ir incorporando novas vivencias, experiencias, formas de velas cousas e, de tal maneira, achegarse aos demais, en actos como o desta tarde. E todo iso nunha convocatoria aberta, na que vostede tamén pode participar se lle apetece. Por eso esta invitación, que lanzo ao vento por se alguén quere recollela. Será na antiga Escola de Vizús, sé da Asociación de Veciños, ás 19.30 horas de hoxe mesmo. Alí falaremos e escoitaremos, no exercicio hegeliano de construír a hipótese desde a tese e a súa antítese, froito do diálogo contrastado e sereno. É o que temos, que non é pouco.

Veñan se queren! En calquera caso, unha vez máis lles desexo un moi feliz Día das Letras Galegas ! Vémonos!