Opinión

Del Riego

Estes días nos que vemos desfilar polas rúas de Barcelona unha confederación alucinada de cayetanos con chaleco e porteiros de discoteca cos antebrazos tatuados proferindo insultos baixísimos contra a alcaldesa Ada Colau, é un bo momento para evocar a figura do patriota galego ao que lle rendemos hoxe homenaxe, Francisco Fernández del Riego, Paco del Riego, quen tivo que padecer, sendo mozo, o terror do fascismo español levantado en armas contra a República e logo tamén, durante a meirande parte da súa vida adulta, instalado na institucións da Ditadura. Estou seguro de que, ao contemplar espantado as imaxes da praza de Bonanova, o sabio de Lourenzá concluiría con Dédalus que a Historia de España é un pesadelo do que nunca daremos acordado.

A figura escollida para as Letras deste ano encarna como poucas o espírito de resistencia do galeguismo durante a longa noite de pedra. O bando franquista, derrotado en aparencia coas potencias do Eixo na II Guerra Mundial, foi manobrando habilmente cara ao bando gañador ata se ver finalmente redimido polas potencias vencedoras —tras o pagamento da debida peaxe en forma de de bases militares norteamericanas— como un aliado incómodo mais necesario no contexto da Guerra Fría. O bando dos vencidos na Guerra Civil foi clasificado no seu conxunto como filocomunista polas potencias occidentais e abandonado á súa sorte durante o resto da Ditadura. Velaquí os pequenos secretos do xardín de Borrell.

Neste contexto debe analizarse o galeguismo do interior durante a Ditadura, e algunhas das súas decisións: ruptura co Partido Galeguista no exilio, cancelación da vía política e culturalismo, mostraríanse erradas coa chegada da democracia, cando se precisaban referentes históricos con lexitimidade republicana para a nova xeira e finalmente fracase a táctica de entrismo no PSOE. O estudo comparado das evolucións do PNV no mesmo período, e mesmo de ERC con Tarradellas á fronte, abondan para ilustrar a vaidez do que dicimos e talvez tamén para explicar ese eterno “membro amputado” na anatomía do sistema de partidos galego: o dunha dereita galeguista organizada e autónoma, un espazo socio-político baleiro que sería ocupado con habilidade por Fraga na conformación do PPdeG. Outras razóns cunha bibliografía máis extensa de índole económica, cultural, política e histórica darían conta da identificación e fidelidade dun electorado monolingüe galego a unha forza política estatal moi pouco disimuladamente españolista, pero esa é unha pregunta para a que non temos resposta curta, talvez tampouco extensa.

Del Riego participou en case todas as estratexias de resistencia do galeguismo do interior nos tempos da Ditadura. Á fronte de Galaxia reactiva a creación literaria galega e amósase como un lector voraz, “doente de literatura” e con criterio propio, á maneira dun Canetti ou dun Valverde. No campo político, fundou con Beiras no 63 o PSG superando as teses inmobilistas, propias dun mandarinato intelectual, de Piñeiro. Desde a Academia, tendeu pontes entre as diversas faccións do galeguismo e do nacionalismo galego, que coñecía mellor que ninguén, ata acadar unha conciliación que en si mesma proba a súa grande autoridade moral e persoal.