Opinión

Fe de erratas

La Tierra, esa errata errante (Max Aub)

No mundo editorial, como é sabido, enténdese por “errata” un erro involuntario cometido nun texto impreso, libro, folleto ou documento. Dado que volver a imprimir o libro ou documento enteiro sería unha operación costosa, adoitaba solucionarse publicando unha ou varias follas adicionais á parte onde se fan constar, sinalando páxina e liña, os erros detectados. Esta addenda coñécese co nome de “fe de erratas”. Explicada deste xeito semella que é un concepto neutro, un recurso práctico para solucionar un problema técnico. Pero se nos remontamos ás súas orixes deseguida observaremos o carácter represivo co que naceu, mediante unha Pragmática de 1558, de Felipe II, que non era outra cousa que un elo na cadea de control do Estado sobre as imprentas e difusión de ideas. O punto de partida desta política de “cautelar represión” está na Pragmática de 1502 que os Reis Católicos promulgaron en Toledo e que supoñía a obriga de someter os orixinais a censura previa, á que seguiu outra de 1554, promulgada precisamente na Coruña por Carlos V dirixida a impresores e libreiros con outras moitas prohibicións e cautelas, entre elas a da “fe de erratas” que impoñía a obriga de que o libro impreso debía coincidir absolutamente co orixinal examinado, aprobado e rubricado, censurado en definitiva, depositado nas escribanías do Consello Real. Por esta razón a palabra “cotexar” que significa comparar dous textos para ver se son iguais, estivo cargada de connotacións inquisitoriais no pasado.

Coñecía moi ben estas circunstancias represivas Max Aub, que na súa divertida obra “signos de ortografía”, unha especie de textos breves, aforísticos, que teñen como base semántica o léxico editorial e ortográfico di “Defendía las erratas en nombre de la libertad de imprenta” ou estoutro “Esta fe de erratas tan atea” con alusión á censura eclesiástica.

Non estaba lonxe desta actitude crítica Benavente que consideraba que unha fe de erratas ao final dun libro non emendaba ningunha e serve, polo contrario, de recordatorio de todas. Son inevitables tal como nos conta Alfonso Reyes que despois de corrixir unha e mil veces un poemario de Luís Cernuda, exiliado en México, o editor tivo a audacia de poñer no colofón “Este libro no tiene erratas” pero a fatalidade converteu as erratas en eratas. O mesmo gran ensaísta mexicano sería ridiculizado polo crítico García Calderón con ocasión da publicación en España do seu poemario Huellas (1922): “Nuestro amigo Reyes acaba de publicar un libro de erratas acompañadas de algunos versos”.

De calquera xeito as erratas foron historicamente motivo dun fecundo comercio epistolar entre autores e correctores movidos ambos pola captura do erro. Unamuno, partidario da ortografía fonética coma outros moitos escritores, tendía a evitar o uso da dobre consoante; guiado por este razonable criterio prefería “ostetricia” e non “obstetricia”; pois ben cando, coherentemente, nun texto literario propio escribe “oscuro” o corrector da imprenta engádelle á palabra a consoante, “obscuro”. Como a operación se repetise nas segundas probas, o empregado permítese un rechamante ollo! á marxe da folla pensando que se trataba dun descoido do escritor. A contestación, foi doada por parte de Unamuno en defensa do seu criterio: puxo na marxe oído! E insistiu na forma “oscuro”. Noutra ocasión Eduardo Dieste tivo que recorrer tamén a un debuxo na marxe dun home cunha brocha na man para facerlle comprender a un corrector de imprenta que quería empregar a palabra “cal” en sentido de po branco e non como “la cual”, aposta obsesiva do interlocutor.