Opinión | Algo que declarar

Vinicius

Cando en 1998 a selección francesa liderada por Zidane conquistou o Mundial, o seu triunfo foi celebrado polos analistas como o símbolo definitivo da nova Francia multicultural e multiétnica xurdida logo dos traumáticos procesos de descolonización dos anos 60. Mais a realidade social do país distaba moito desta imaxe idílica, como probarían, poucos anos despois, no 2005, os coches incendiados nas banlieus parisinas en protesta pola morte de dous rapaces racializados, Ziad e Bouna, nunha persecución policial por un delito menor. Máis que o Mundial de fútbol, a realidade social francesa parecía imitar a retratada polo cineasta Mathieu Kassovitz no seu filme O odio, La Haine: vida nos guetos, exclusión social e coincidencia entre o muro de raza e o de clase.

A centralidade da cuestión migratoria nos debates políticos franceses durante os últimos 30 ou 40 anos favoreceu, no mesmo período, o ascenso de opcións políticas ultranacionalistas primeiro, como o lepenismo, e outras abertamente fascistas nos últimos tempos, como a encabezada por Eric Zemmour. Se non lle resulta doado combater o racismo ao país que creou, durante a Revolución Francesa, o concepto republicano de cidadanía, aquel que dita que nacemos iguais en dereitos ante a Lei, como non lle vai custar facelo a un país como España, que entrou na Idade Moderna expulsando do seu territorio as súas dúas grandes minorías étnicas da época, os xudeus e os moriscos? Abonda con ler entre nós, mesmo naquela prensa non categorizada como de ultradereita, a redacción de certas noticias nas que aparece decote relacionada, de xeito preventivo, a comisión de certos delitos con persoas racializadas, para entender que aínda non existen entre nós uns protocolos antirracistas básicos minimamente consensuados. Moi ao contrario, o que amosa o caso Vinicius é como a produción e distribución de mensaxes de odio é un acto practicamente impune na nosa sociedade.

Non debería sorprendernos moito, a verdade, que o racismo estea normalizado nos campos de fútbol españois se temos en conta que dirixe a Liga un fascista confeso como Javier Tebas, a quen tanto apreciamos na Coruña, onde seguimos sen saber, por certo, quen matou a Jimmy. As súas declaracións sobre o caso Vinicius, restándolle importancia aos insultos e agresións racistas que leva meses padecendo o xogador madridista, son a enésima proba da súa ruindade moral e política que o inhabilitan para o exercicio de representación da Liga ou de calquera outra institución pública. Resulta evidente que o goberno non pode permanecer impasible ante estes feitos gravísimos, senón que debe actuar de urxencia, a comezar pola destitución inmediata do presidente da Liga, Javier Tebas. Tamén é urxente que os estadios de fútbol deixen de ser os lugares onde todo está permitido nas gradas e no campo, onde toda a nosa broza social atopa un lugar protexido pola multitude para o desafogo impune da súa miseria vital. Hai que expulsar xa a ultradereita dos campos de fútbol, a que o sabe, está xunta e organizada, e tamén a que non o sabe pero actúa como tal.