Opinión | Retallos do labirinto
Historiador da Cultura Galega
O humor líquido de Xaquín Marín
Xaquín Benito Marín Formoso, Xaquín Marín para a Historia, é ferrolán e ben que se lle nota: metódico nun océano de teimas, leal, de cartabón, compás e diapasón, distinguido no coral, nun desfile ou procesión. Aínda que vivindo sempre no veciño Perlío de Fene, a carón da gran grúa pórtico de Astano, a que enmarca o Ferrol baixo o Montecuruto. Agora indo e vindo ás terras secas ibéricas, remedio para artrose, á casa da súa compañeira en Fontemoria, Badaxoz.
Nacido nun outono da inmediata posguerra, cando o trunfo da falsa beatería e a arrogancia nacionalcatolicista, de rosarios da aurora e noves primeiros venres, entre afervoados cánticos militares, desfiles, arriar e izar bandeiras.
X. Marín está catalogado na historia do mapamundi como humorista gráfico que reflicte as inquedanzas deste tempo que vai da revolución industrial á dixital, a que abre as cancelas á IA, así con maiúsculas, as da Intelixencia Artificial. Desbordada civilización a nosa, de rebaixas, ofertas, dispendios, entre moreas de lixo, chiringuitos... afogando o espazo vital, expropiando os catro elementos comúns, o Aire, a Auga, o Sol, a Terra: eólicos crucificando a crista mansa dos montes, aspas espantando aves e bestas... horizontes de eucaliptos, chemineas fumegando un ceo rabuñado por aeronaves... mar envelenado, de medusas e cetáceos mortos... ríos ennegrecidos, moreas de rodas, de botellas, latas de vehículos que, noutrora, foron ilusións... e innovadora pirotecnia de guerras descarnadas televisadas en direto.
Delineante nos estaleiros de Astano, daquela unha saída para os mozos fronte á forte emigración... como tamén o foi para o seu veciño e amigo, o ceramista Pérez Porto. Trazadores de liñas en planos de buques, petroleiros, cargueiros para todos os mares, cousa que dá que filosofar. Siro, esoutro humorista ferrolán e do mesmo tempo, fixo algo similar, pero nos estaleiros da Bazán e con barcos de guerra, bos amigos dende mozos, cando se coñeceron no Círculo de Perlio. Inseparables niso da plumilla e da tinta china, despois dos rotrings, trazando aburridas liñas, planos a escala, aínda que sempre se atopaba un acougo e papel para guialas polo maxín e o divertimento.

O humor líquido de Xaquín Marín / LOC
Pintor tamén, aínda que máis debuxante cativado pola banda deseñada por esas historietas que son como unha película en papel: sucesión de xanelas abertas ao maxín, á dialéctica. Autodidacta distinguido e distinguindo un tempo e unha terra, Galiza, no tratamento do humorismo gráfico. Ben soubo enxergar as pescudas artísticas do seu amigo o coruñés Raimundo Patiño, aquel que retomaba a teoría e a praxe dun Isaac Díaz Pardo desafiante da escuridade da Longa Noite de Pedra e da desmemoria para asentar aquelo de que: “As formas han de ter patria, como as linguas, ao fin e ao cabo elas son unha linguaxe... e xa sabemos o que pasou cos esperanto” (Cadernos do Laboratorio de Formas de Galicia. N. 1. Castro, Sada 1970). Pois velaí, lembremos que universalidade significa a unidade na diversidade, unha teima do vello galeguismo, a posta en valor da singularidade da persoa e da nación.
Un berro de liñas erguido ao ceo
Marín, naqueles anos sesenta, tanto de Dylan como de Beatles, Rollings, ou mesmo de Paco Ibáñez, como de José Afonso ou de Voces Ceibes, súmase ao grupo de artistas da Estampa Popular Galega, con exposicións en vilas e cidades que estrean asociación culturais, como un feito rebelde contra a grisalla do franquismo. Fin de década dos sesenta que vive en Madrid, servindo co cartaz, coa pegatina de denuncia, colaborando na revista Chan. É entón cando con Patiño publica o álbum Viaxes (1975) un fito na banda deseñada galega. Entón o humorismo de Marín asoma nas mellores revistas, e faino como un xeito rebelde, intelixente fronte a patufería da ditadura: La Codorniz, Hermano Lobo, Pueblo, Diario 16, Teima, Encrucillada, Can sen Dono, Follas Secas, Luzes de Galicia, A Nosa Terra... presumen de telo nas súas páxinas. E a partires dos oitenta verémolo tamén en Interviú,en El ecologista, en Coordenadas... e mesmo en revistas de México, na Bretaña... Cunha obra incontable, moi espallada, a que brota da súa man como dunha fonte de tinta e de creatividade, omnipresente en Galiza e en toda a área da súa emigración. Imprescindible nos museos de arte, solicitado como compoñente de xurados, necesario nas actividades do asociacionismo cultural, nas librarías, onde se presentaban as súas inestimables obras para entender un tempo, como As Ratas, aventuras de persoeiros como Gaspariño, Toñecho, Alcacén para gaitas, O home que falaba arameo, Humor líquido, O caso galego, Malfeito bufón, O peixe de pedra... Colaborador co seu inseparable amigo Siro.
Obra de Marín motivada polo desalento, polas revoltas populares de fins dos setenta, como as expropiacións para a térmica das Encrobas, en Baldaio de Carballo, a Balea do Grove, da autopista, as intencións dunha central nuclear en Xove...as reiteradas mareas negras motivadas polo afundimento de petroleiros como o Urquiola (1976) o Aegean Seam (1992), o Prestige (2002).
Marín é recoñecido, querido, agora como un barbado patriarca, fuxido do pétreo estatismo do Pórtico da Gloria, premiado na bienal de Grabovo (1987), Paleta Agroman (1982, 1991), Vieira de Humor (1983), Pedra do Destino (2016)...e tantos que enchen os andeis da súa casa... Sempre a pé de obra: fundador da Asociación cultural Medulio do Ferrol (1979) promotor do Museo do Humor de Fene (1984) sendo o seu primeiro director, ampliando e consolidando a idea entre os máis grandes do humor. Creador do premio Curuxa de Humor, fundador da Internacional Federación de organización de caricaturistas de España, profesor honorífico da Universidade de Alcalá de Henares, membro da Academia do Humor, fundamental no Museo do Humor de Porto...
E agora, neste maio de guerras do 2024 expoñendo no Museo Luis Seoane da Coruña: repaso preparado polo seu fillo Alexandre Marín, crebacabezas de imaxes características en forma e fondo, xogo de liñas que son berros que suplican ansia, esperanza: pozos negros, moreas de lixo que afogan tradicións, campanarios, cruceiros, cabaceiros... xente de boina e de pana, emigrantes pisados, aldea asolagada por un avarento océano de negacionismo do cambio climático, de deshumanización, de consumo, de aculturación, de bussines manager, de carteira e garabata...ondas entre as que navega Marín, novo Ulises, como un noso Breogán, indeleble na man.
Exposición: ‘Humor Líquido’, de Xaquín Marín
Fundación Luis Seoane-A Coruña
Comisariada por Alexandre Marín
Organiza Galiza Cultura
20 abril -19 de maio 2024
- El momento Eddahchouri
- Condenado un hombre en A Coruña que afeitó las cejas y cortó el pelo a su pareja mientras dormía para denigrarla
- Estos son los nombres de pila prohibidos en España: el Ministerio de Justicia los cambiará sin consultar
- EN DIRECTO | RC Deportivo - UD Almería
- Derriba con su coche dos farolas en la tercera ronda y se da a la fuga
- Trey Thompkins: «Le dije a Heurtel que si venía al Leyma, también podía ayudarse a sí mismo»
- El Concello de A Coruña cederá cuatro parcelas a la Xunta para vivienda de promoción pública
- Juan Carlos Real: «Pude volver al Deportivo y no se dio, pero el recuerdo es maravilloso»