Opinión | Retallos do labirinto

Historiador da Cultura Galega

Asorey, o artista que soubo poñer ‘espírito’ ás súas esculturas

A Academia Galega de Belas Artes, neste 2024, a un tempo que conmemora o seu 175 aniversario, dedicou o 1 de abril, “Día das Artes Galegas” ao cambadés Asorey. Abriuse así unha xeira de actividades arredor do xenial escultor. A saída deuse en Cambados, vila con esas paisaxes onde se conxugan os Catro Elementos, inspiradores volumes para os seus grandes escultores, a mais de Asorey Narciso Pérez, escultor dos enigmas célticos, como o contrafío Francisco Leiro ou Manolo Paz na busca do misterio megalítico envolto en luces e sombras.

Asorey, o artista que soubo poñer ‘espírito’ ás súas esculturas

Asorey, o artista que soubo poñer ‘espírito’ ás súas esculturas / Felipe Senén Historiador da Cultura Galega

Resulta difícil extractar os 72 anos de vida de Asorey, con moito máis de mil obras contabilizadas. Momentos nos que agasallar tamén aos estudosos que abriron nestas pescudas. E así o fixo no 1959 o profesor de Historia da Arte da Universidade compostelán Ramón Otero Túñez, a un tempo que se nomeaba ao cambadés Doutor Honoris Causa, publicando a súa biografía. No 2018 a doutora Maribel Iglesias Baldonedo publicou a súa tese sobre o escultor, complementando o inventario de obras, contextualizando ademais ao escultor no seu ambiente sociocultural, os anos da Restauración Borbónica, da Ditadura de Primo de Rivera, da Segunda República, da Guerra e da ditadura franquista... Sobranceiro tamén é o roteiro arredor da vida e da obra de Asorey por Compostela, deseñado pola profesora Mercedes Espiño... entre tantas outras iniciativas.

Francisco Hipólito Asorey González nace un 4 de marzo de 1889 naquel “...Cambados pobre, fidalgo e soñador...”, cantado polo seu veciño o poeta Cabanillas, trece anos maior que el. Fillo dunha familia enriquecida na emigración a Bos Aires e que decide montar na vila unha tenda de panos, a que non marchará como pensaban. Será o menor de oito irmáns, a nai morre cando o neno tiña ano e medio cumprido. Rapaz que xogaba a labrar santiños e cristos, algo que non lle gusta ao pai e que tira as ferramentas a un pozo... pero que o fillo recupera. Con catorce anos mándao a estudar á modélica escola dos salesianos de Sarriá (Barcelona), co escultor J. Perallada, onde xa destaca pola ansia e bo facer na labra de imaxes, as que supoñen meterse en estudos anatómicos, de expresión, dos pregues... tanto que dous anos despois (1906) xa é seleccionado para dar clase de debuxo no novo colexio que a orde ten en Barakaldo (Biskaia), onde labra imaxes de difusión salesiana e un crucificado que aínda hoxe lle chaman “o Cristo do galego”. As influencias sociais da arte vasca, a pintura de Zuloaga, de Zubiarre... inflúen nun mozo xa motivado pola “terrebilitá”, a “serpentinata”, os escorzos, o “non finito” da obra de Miguel Anxo, da imaxinaría española e da súa cor... a un tempo que a obra de Rodín, de Mestrovic, son novos referentes de rupturas, do tema cotián, popular.

No 1910 Asorey tense que desprazar a Madrid por mor de cumprir co Servizo Militar, como bolseiro convive en pensión con Julio Romero de Torres... Enxerga e bebe do simbolismo Decadentista, do Modernismo. Idas e voltas a Galicia sumándose ás inquedanzas das Irmandades da Fala, á ética e á estética galega, coa ansia de dignificala, algo no que insistía o seu veciño e poeta Ramón Cabanillas “A Galiza santa, de romeiros e xograres...”. E velaí a un Asorey competitivo, presente en concursos de Belas Artes de Galicia e nos nacionais.

No 1918 concursa e gaña a praza de escultor anatómico da Facultade de Medicina da Universidade compostelán, algo que lle permitirá vivir nesta cidade, conversar co seu amigo Camilo Díaz Baliño, esencial para a súa inspiración. Na Igrexa da Escravitude casa con Jesusa Ferreiro, para establecerse definitivamente en Bonaval, na canella de Caramoniña. Momentos nos que o escultor realiza Picariña, a imaxe dunha nena aldeán, cuberta co seu pano, vestida con saia e mandil floral, que leva un bonequiño nas mans. Imaxe que brota da Terra, como unha flor e que impacta á intelectualidade galeguista, vendo nela un camiño aberto na pretendida Arte Galega. O fotógrafo Ksado recolle ese mesmo ambiente.

Asorey é autor de esculturas de madeira policromada con fórmulas que el dicía “secretas” . Velaí Naiciña, a muller que leva no colo ao neno, pegada á Terra, cabezas nimbadas de dignidade e esa mirada que dialoga co espectador. Escultura que presenta á Exposición Nacional de Belas Artes de 1922 para recibir unha beca, algo que non gustou aos seus seguidores, os que o agasallarán cun multitudinario homenaxe no seu Cambados: Asorey emocionado resposta ao clamor dos apaixonados discursos, ergue o puño ao ceo e clama un “¡Terra a Nosa!” tendo ao unísono a mesma afervoada resposta. O Tesouro é escultura que representa á moza que camiña á feira e leva no seu colo o xato que vai vender. Obra que recibirá a segunda medalla na Exposición Nacional de Belas Artes (1924). No madrileño Salón de Otoño (1923) consegue a Segunda Medalla con Ofrenda a San Ramón: a muller ofrecida, axeonllada, embarazada, que leva na man a imaxe do santiño e na outra o exvoto do cirio. Coma sempre, coida as telas, a cor e mesmo para dar sensación dos abelorios do mantelo emprega puntas douradas.

No 1926 presenta á Exposición Nacional de Belas Artes dúas imaxes: A Santa, a muller espida, cos xeonllos gastados polo traballo, cangada co xugo, símbolo de submisión...a outra será a imaxe do San Francisco, con saia de retallos diferentes, detrás asoma o lobo e un carballo, figura que estende os brazos en cruz e esperanzado pecha os ollos. Dúas imaxes ergueitas, como un árbore, como unha cruz que prende raíces e se alza. Idea de ascese entre o caos orixinal e o cosmos alboreiro moi presente nas obras de Asorey. A imaxe do Santo recibirá a medalla de ouro, namentres que a Santa provocará desagrado no ambiente cortesán da metrópole. Destes anos é o monumento a San Francisco en Compostela, obra na que combina varios tipos de granito, que expresa a devandita idea piramidal, de viacrucis: que do brutalismo da pedra, ascende, entre santos e santas, símbolos franciscanos para trunfar nunha cruz centrada coa faciana do Cristo a que se confunde cunha estrela; diante a imaxe do santo de Asís, confiado, os ollos pechados, os brazos en cruz...

A sona de Asorey estendese, como retratista, xenial no tratamento da expresión, obras con espírito. Párrocos, alcaldes, a burguesía... encárganlle monumentos funerarios, placas, bustos, os que normalmente realiza en pedras, a veces combinándoas dende a sensibilidade Decó.

O monumento a Curros da Coruña como altar de galeguidade

No 1930 montará un máis amplo taller nun lateral da suxestiva fachada barroca de Santa Clara, compostelán horta dos Salesianos. De aquí saíran grandiosos monumentos, como o do aviador Loriga para Lalín (1933), no que esculpe ao malogrado pioneiro da aviación vestido de traballo, pousando entre as mans o símbolo do seu martirio, a hélice; detrás, como un cruceiro erguido a silueta do avión encapotado. Destes anos é a Virxe da finca dos Baltar en Tanxil, como un menhir que se ergue ao ceo para ser Stella Maris, con Neno no colo anunciando a Cruz. E sobre todo o monumento a Curros na Coruña, grandiosa obra en xogos xeométricos, módulos para acoller plantas do país, concibida para sepultura do poeta de Celanova: abaixo a pedra bruta, entre a que asoman os monstros, a avaricia, a luxuria, o caciquismo e sobre deles, ergueito e dando un paso, o poeta, que pousa a súa arpa, baixo del brota a auga redentora, detrás homes, noutra banda mulleres, todos cos instrumentos do traballo na Terra. Sobre o conxunto, elevada por cabalos, envolta nun manto de nubes, érguese a Alborada, a Esperanza. Detrás queda a lembranza dos pórticos “célticos”, os propostos por Díaz Baliño. Realiza ademais para cerámicas “Celta” de Pontecesures varios souvenirs, en barro esmaltado, nos que repite temas como o Tesouro, as Beatas e o Apóstolo, o Pórtico da Gloria...

O Asorey dos tempos da guerra é un escultor encunchado baixo a boina, como o seu amigo o patriarcal Cabanillas, no 1948 recollido en Samos, mosteiro para o que Asorey recibe o encargo do Monumento ao Padre Feijoo (1947), sobrio erguido, envolto no seu manto, como un novo santo. Deste mesmo ano é Filliña, en madeira, unha volta ao suxestivo tema popular: a nena, axeonllada, cuberta dun arco floral, entre dous xerros de 5 dedos. Entre as obras sobranceiras deste momento, como unha Summa Teolóxica do seu sentir é o altar para o Panteón Galego da Chacarita: sempre as lembranzas do Pórtico da Gloria: un gran cruceiro, o encontro da vertical, a Nai, coa horizontal o Cristo... polo varal o viacrucis da emigración. Anos nos que fai O Cristo de Moiá (Barcelona) (1953), pegado á cruz, resignado...dos mellores crucificados da Historia da Arte, di Otero Túñez. Para Lalín fai o monumento ao astrónomo Aller (1960). Entre as súas derradeiras esculturas tampouco faltan os homenaxes aos soldados, figuras escondidas, envoltas nos seus capotes.

Pese á silicose que o invade, Asorey non deixa de traballar. Recoñecido, querido, deixa este mundo un 2 de xullo de 1961 para recibir sepultura, con todos os honores, no Panteón de Galegos e Galegas Ilustres de Bonaval. E polas súas obras coñecerémolo.