Opinión

Historiador da cultura galega

Os museos galegos nun Día Internacional dos Museos

Visita guiada no Museo de Belas Artes da Coruña polo Día Internacional dos Museos.

Visita guiada no Museo de Belas Artes da Coruña polo Día Internacional dos Museos. / Iago López

Nesa continua construción dun almanaque civil global, o que traspapela ao santoral e desconcerta á beatería, dende 1977 o Consello Internacional de Museos (ICOM) estableceu cada 18 de maio como Día Internacional dos Museos. Días ideais, como un xeito de endomingar a cultura, de edulcorala e encápsulala nun folión de fastos. Aproveitarase entón a convocatoria para cavilar no estado da cuestión das novas advocacións. Non cabe dúbida que todo entra nun proceso de cousificación da cultura, sometida á mercantilización ou macdonalización, cando os valores de uso se converten en valores de consumo, para solemnes liturxias e demais performances, cultura do espectáculo. Esquecendo que a cultura é o que o ser humano cultiva para sobrevivir dando resposta ao seu contexto espacial, temporal ou social e faise acudindo a tradicións, mitos, creacións, investigacións e relacións... e agora mesmo no remuíño da Cuarta Revolución Industrial, a da Intelixencia Artificial.

Galicia, confín que emproa ao Atlántico, é rica en xeoloxía, entón en contrastes de paisaxes, ocupadas por arqueoloxías dende o Paleolítico, con mostras do Megalitismo, dos Castros e dos romanos, da cristianización... do trunfo do Románico e do Barroco... País de misioneiros, conquistadores, aventureiros, mariñeiros, cerna do realismo máxico, de supersticións e mitos, de peregrinos, de homes e mulleres inventoras, de artistas, músicos...de aluados, tamén de encoros, eólicos, empresas... En fin, argumentos capaces de musealizarse, para contribuír así á información e á formación, á dignificación, ao aporte singular á universalidade.

Actividades no Museo de Belas Artes da Coruña, onte, con motivo do Día dos Museos.

Actividades no Museo de Belas Artes da Coruña, onte, con motivo do Día dos Museos. / Iago López

Compre pois asumir que somos tan actores como espectadores da Historia, que atesouramos documentos, testemuñas, artefactos, retomando camiños nun longo proceso de madurez, así invertemos na educación creando o sitio das Musas, velaí o Museion grego, as prestixiosas coleccións renacentistas, os gabinetes de curiosidade da Ilustración...e así deica hoxe.

Proba de que a sociedade esta nun permanente devalar e mesmo con ela a idea e a definición de museo, agora acorde co noso tempo, coa democracia, a igualdade, as novas tecnoloxías e velaí a aprobada polo ICOM na súa 26 conferencia celebrada en Praga a finais de agosto do 2022: “O Museo é institución sen ánimo de lucro, permanente, ao servizo da sociedade, que colecciona, investiga, interpreta, conserva e exhibe o patrimonio material e inmaterial. Abertos ao público, accesibles, inclusivos, fomentando a diversidade e a viabilidade. Coa participación das comunidades, os museos operan e comunican ética, profesionalidade, ofrecendo experiencias en función da educación, o lecer, a reflexión e o intercambio de coñecementos”.

Non faltan teorías ou leis sobre a xestión do museo, da Museoloxía... a realidade é outra

Así que, pondo en contraste cada unha das funcións especificadas na definición de museo coa realidade galega, atopamos que boa parte dos chamados “museos” non responden a tan profesional criterio. Museos uns dependentes da Xunta de Galicia, outros das deputacións, como de concellos, de padroados ou fundacións...e moitas e importantes coleccións, que non museos, creadas por ese principio do museo que é reunir cousas con certa coherencia. Iso si, tampouco faltan leis ao respecto, como a Lei 7/2021 de febreiro de Museos e outros centros museísticos de Galicia (BOE 78 de 1 de abril 2021) na que se pormenoriza sobre o obxecto, o ámbito, as funcións, os deberes, a definición e estrutura, a administración, sobre o Consello de Centros Museísticos, como do Sistema Galego de Museos. Incidindo sobre o réxime de creación e cualificación de museos, coleccións e centros de interpretación... Rexistro Xeral, os tipos de redes, organización, funcionamento e autonomía, persoal, visitas, acceso, a xestión dos fondos, depósitos, dacións, legados, dereito de tanteo e retracto, expropiación... como sobre a conservación, a restauración, a baixa de bens, a documentación, consultas, investigación, difusión... como sobre axudas, cooperación, patrocinio, participación, iniciativas. Sen faltar os aspectos sobre o réxime sancionador...sobre a didáctica, a integración no Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia, con especificidadespara o Museo Pedagóxico de Galicia, para os centros da Igrexa, para o Museo do Pobo Galego... sobre a clasificación de museos, a derogación da normativa... En fin por leis e enredos burocráticos que non sexa, igual que pola existencia de departamentos que inzan o mapa, de concellos, de deputacións, da Xunta e do Goberno de España apelidados “de Cultura”. Iso si, despois vemos o que vemos: a falta de espazos axeitados, así como de persoal cualificado e conseguintemente con eses horarios de “Pechado por descanso”.

Entre eses coutos é sobranceira a labor de museos que son referente, como o Museo de Pontevedra, o de Lugo, ambos dependentes das correspondentes deputacións, como o mesmo Museo de Belas Artes da Coruña, dependente da Xunta de Galicia, igual que o Museo do Mar de Vigo ou o de Bueu, o das Peregrinacións en Compostela... ou o Museo do Pobo Galego dependente de Padroado. O papel fundamental dos museos de sitio, como o da Arte Rupestre de Campo Lameiro, os castrexos de San Cibrao de Las ou o de Viladonga, o romano de Aquis Querquennis... Mentres compre poñer fin á eterna obra no histórico Museo Arqueolóxico de Ourense... Iso si, parabéns ao Museo Etnolóxico de Ribadavia coa extensión ao Museo do Viño de Galicia na vella parroquial de Camporedondo. E eses sobrevivintes museos de concellos, tal como o Arqueolóxico da Coruña que, dende hai anos, xa debería reformularse a súa reubicación á nova museoloxía, dedicando o castelo de San Antón a museo de si mesmo: a fortaleza, a historia, os presos... A actual penuria do desexado Museo Luís Seoane, baixo unha fundación presidida pola Alcaldía da Coruña, centro creado co fin de contaxiar a dimensión do artista que aplicou o seu arte á industria, en competencia cos Centros de Arte Contemporánea como CGAC de Compostela ou o Marco de Vigo, mentres que o Museo Carlos Maside, creado polo esforzo e creatividade do tándem Díaz Pardo & Seoane, vencellado á ética e á estética do Laboratorio de Formas de Galicia, agora dá“a esquecemento da inxuria...”. Entre o panorama os máis mimados centros interactivos das ciencias da Coruña fronte á heroicidade e gran riqueza de coleccións etnográficas, como o formado por Olimpio Liste en Oseira e Vigo, o Museo Monte Caxado das Pontes, o da Capela, o de Meixido en Ortigueira, a Casa do Patrón en Lalín... detrás dos que latexa esforzo e voluntarismo, en ocasións tomando como modelo o Museo de Pepe el Ferreiro que situou no mapamundi a Grandas de Salime. O Museo das Mariñas de Betanzos, a singularidade merecedora de maiores atencións do ecomuseo do Forno de Forte de Buño, dependente do Concello-Deputación... Meritorio o Museo do Entroido de Xinzo, parello ao Museu Ibérico da Máscara na trasmontana Bragança. Sen deixar a urxencia de que as clausuras, as sancristías, as dióceses ensinen os seus tesouros, velaí lección das Clarisas de Monforte, o Museo de Arte Sacro da Colexiata, da Coruña... Sumando á nómina ó mérito inacabado de casas museos, como a de Rosalía en Padrón, a de Curros en Celanova, a de Cabanillas en Cambados, a Casa da Troia en Compostela, a da Pardo Bazán na Coruña, as de Valle Inclán na Pobra e en Vilanova, a Manuel Antonio en Rianxo, a Manuel María en Outeiro de Rei, a de Novoneyra en Parada do Courel... E museos, por arte de birlebirloque desaparecidos, como o Museo Eléctrico de Fenosa, o de Arte Contemporánea Macuf.

O museo é unha inversión en futuro, prioritaria para gardar, informar e formar... toda escavación arqueolóxica implica previamente un museo con garantías de conservación, estudo, exposición... Sirva, pois, ao menos un día para facer exame de conciencia.

Tracking Pixel Contents