Opinión

Xosé Luís Axeitos Académico numerario da Real Academia Galega

A entrevista

A publicación de cen entrevistas inicialmente publicadas na prestixiosa revista The Paris Review entre 1953 e 2012 (Acantilado, 2020) reabre o debate sobre un xénero periodístico que invadeu xornais e revistas durante o primeiro tercio do século XX. Durante moitos anos denominouse “interview”, delatando a súa orixe anglosaxona, castelanizouse inicialmente como “interviú” para definitivamente pasar a “entrevista”. Xa Rafael Mainar (El arte del periodista, 1906) dedica a esta modalidade páxinas memorables e non faltan personaxes coñecidos que a cultivan e que posteriormente recollen en libro, tal como Palacio Valdés, Emilio Carrere, Eduardo Zamacois, Alfonso Camín ou César González Ruano, entre outros. Pero nomeadamente foi cultivada por José Mª Carretero, coñecido polo pseudónimo El Caballero Audaz, que chegou a publicar dez series das súas colaboracións en La Esfera.

Pero hoxe gustariame poñer o foco nun personaxe singular, totalmente esquecido e que publicou unha obra certamente polémica (Alberto Guillén, La linterna de Diógenes, Madrid, 1921). Son varios os motivos polos que quero ponderar esta obra, entre eles, pola súa rareza, tardei moitos anos en dar con ela, en Madrid, e cobráronme 50 euros no ano 2004. O moi mozo poeta peruano Alberto Guillén entrevistou a case 40 escritores aos que retratou poñendo ásperas palabras na súa boca cando todos esperaban a confidencialidade pedida polos entrevistados.

Foi tal o escándalo que o prometedor poeta peruano desapareceu do escaparate literario malia estar o libro protexido polas sinaturas de Ramón Pérez de Ayala, autor do prólogo, e de Ramón Gómez de la Serna, autor do epílogo.

César González Ruano aventura que o autor enganou aos autores de prólogo e do epílogo, mostrándolle un orixinal distinto do que foi publicado. Pero non parece versión aceptable porque o propio Pérez de Ayala anticipa algúns episodios polémicos. Vexamos algún, dos referidos no primeiro capítulo cando entrevista a Pío Baroja: “El narrador continúa diciendo tonterías. Es pesado y monótono”.

A continuación, cando lle pregunta por dona Emilia: “Es una vieja idiota. Yo no la leo nunca”. Non desmerece a opinión de Linares Rivas sobre Ayala: “...ese sí es un animal. Yo pedí que le concedieran un sillón punitivo en la Academia para que no volviese a escribir. Pero parece que no se ha contentado solo con el sillón y sigue escribiendo cosas para el teatro”.

Tampouco Emilio Carrere sae ileso: “Carrere me alarga su mano sucia (es verdad)...Ni los golfillos vuelven la cara cuando pasa Carrere, ébrio de estrellas, ébrio de cerveza y ébrio también de ajenjo...”.

Concha Espina descualifica de golpe a toda unha xeneración. Á pregunta que lle formula sobre a última novela de José Francés, contesta: “Está bien, es como todos. Todos ellos siguen a Trigo. ¿Quiénes son ellos? –Francés, Insúa, Hernández Catá, López de Haro, Zamacois, Hoyos, un Mata que me mata...”.

Tampouco se libra o laureado Linares Rivas: “Linares Rivas es sordo como un adoquín que a veces oye. Sólo algunas cuando le conviene.Tiene hondas arrugas en el rostro. Yo no sé si también las tendrá en el cerebro...”.

Alberto Guillén nunca máis volveu a ser mencionado entre os escritores hispanoamericanos. Cando Martínez Sierra, que tamén foi vituperado, intentou unha denuncia por difamación, foi persuadido de que a mellor resposta era o silencio. Nunca máis se volveu falar do poeta peruano.