Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

É boa idea o cupo para Galicia?

Esta semana, o profesor Fernández Leiceaga e eu mesmo presentamos un documento do Foro Económico de Galicia na Facultade de Económicas da USC onde tentamos poñer números á discusión sobre os potenciais efectos dun sistema financieiro de concerto en Cataluña e en Galicia. Deixamos á marxe as preferencias políticas e as ideoloxías; e tratamos só de pasada os efectos negativos para a capacidade de dar resposta como país a eventos extremos como unha pandemia ou Grande Recesión, ou para o control da fraude fiscal. Centrámonos só na ganancia ou perda financeira que cabería agardar. As tres conclusións fundamentais son as seguintes.

A primeira é que os impostos que, en conxunto, soportan os galegos efectivamente superan a cifra que a Xunta recibe do actual sistema de financiamento autonómico. Mais iso é algo que ocorre en todos os territorios de España, mesmo en Estremadura, o máis pobre. Por un motivo evidente: a administración central tamén hai que financiala. O AVE, a policía nacional e a garda civil, a xustiza non descentralizada, as transferencias que reciben os concellos para financiar os seus servizos, a defensa nacional, os xuros que hai que pagar, os cartos que hai que engadir á caixa da Seguridade Social para pagar as pensións, as bolsas de estudantes... ducias e ducias de asuntos relevantes para o benestar e a seguridade de todos nós que teñen que ser financiados por impostos que alguén ten que pagar.

Por iso, todas as autonomías terían que pagar un “cupo” (cota ou achega en galego). O mesmo que facemos nas comunidades de veciños para os gastos comúns. Cotas que poderiamos repartir en función da poboación de cada comunidade autónoma ou en función da renda de cada unha. Sexa o criterio que sexa, a cota que lle tocaría pagar a Galicia cómese con moito ese exceso ao que me refería no parágrafo anterior. Con cifras do ano 2022, falamos dunha perda neta para Galicia de entre 2.100 e 2.700 millóns de euros cada ano. Iso levaría de seu a que os salarios dos empregados públicos galegos caeran nun 20%, que as universidades perderan unha cuarta parte do seu financiamento actual, que houbese que paralizar a meirande parte das obras no eido sanitario, que as listas de agarda para intervencións se alongaran substancialmente ... ¿Estamos dispostos a asumilo?

A terceira é que se o sistema de concerto só se aplicase a Cataluña estas cifras serían moito máis baixas, porque Madrid ou Baleares seguirían achegando á unha nivelación que nos beneficiaría. O documento ao que se pode acceder na páxina web do Foro mostra polo miúdo todos os cálculos en diferentes escenarios. Mais en todos eles saímos perdendo. A Galicia lle interesa seguir nas coordenadas do actual modelo de réxime común, o que é compatible con reclamar a súa reforma e mellora.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents