Opinión

Uso e abuso da indumentaria forense, un discurso preocupante

Coinciden xuristas e historiadores, irmandados por unha metodoloxía común de procurar a verdade con imparcialidade, na complexidade da relación histórica que se establece entre xustiza e poder. Confeso ao respecto o impacto social producido, en novembro de 2023, polas fotos, que ilustraban titulares chamativos da prensa, de maxistrados, xuíces e fiscais que se concentraban diante dos seus respectivos Pazos de Xustiza en protesta preventiva contra o Executivo e Lexislativo que estaban preparando unha lei de amnistía que respondía a un desexo de terapia social de urxencia orientado pola utilidade e non pola verdade que lle disputaban os xuíces ao Goberno. Para comprender a actitude belixerante do discurso xudicial cómpre sinalar que ata moi entrado o século XVIII a Xustiza igual que o Ensino Universitario e o Clero dependían da Monarquía. Debido a esta relación ancilar coa realeza os membros respectivos destes tres estamentos vestían coma “pequenos reis” con traxe talar facendo uso dun formalismo cheo de símbolos que aínda hoxe forman parte da arcaica indumentaria forense, da indumentaria universitaria ou eclesiástica. En consonancia coa vestimenta, resérvase para misas e xuízos o verbo “celebrar”, exclusivo para un cerimonial que contempla exercicios que se repiten ritualmente nunha especie de escenificación e teatralización que os visibiliza socialmente.

Por este motivo resulta certamente preocupante o uso da indumentaria forense, símbolo da súa imparcialidade, para mostrarse diante dos cidadáns defendendo unha opción política deslixitimadora do Goberno e das institucións. Non existirían estes matices se se manifestasen sen traxe talar e adoptasen a actitude de cidadáns que protestan responsablemente por calquera reivindicación gremial ou social. Pero non quixeron mostrarse como cidadáns, quixeron presentarse como pertencentes ao corpo xudicial que ten como obxectivo a procura de verdade desde a imparcialidade, que queren simbolizar o seu traxe talar e demais insignias, totalmente desvirtuadas desde o mesmo momento que os xuíces se presentan diante da sociedade defendendo unha opción política disputada ideoloxicamente. É certamente importante o da vestimenta, regulada desde 1812, cando se pretende formalizar a separación de poderes, paradigma esencial do sistema democrático.

A insólita foto de xuíces, maxistrados e fiscais manifestándose contra a anunciada amnistía contribuíu tamén a escenificar un problema histórico como é a conflitiva relación da xustiza co poder e coa sociedade que protagonizou moi diversas etapas da historia da humanidade. Esta tendencia á controversia é moi común naqueles países como España que superaron recentemente réximes autoritarios violadores de dereitos onde o poder xudicial era vicario e colaborador necesario do poder, igual que o clero tal como nos ilustra Alfonso Reyes nun curioso artigo de 1920 (El obispo de Orense reproducido na antoloxía Yo me quedé allá para siempre, Debate, 2024). Non quixo a denominada transición democrática furgar no papel que o mundo forense xogou durante a represión do franquismo mostrando en moitas ocasións actitudes militantes decididas a gardar silencio en todo o relativo ao papel da xustiza nos procesos políticos e sociais durante o franquismo, tal como ten denunciado Bartolomé Clavero (Espana, 1978. La amnesia constituyente, 2014) cun discurso historiográfico reflexivo forxado no silencio do investigador de arquivos.

Non cabe dúbida de que expoñer os símbolos da imparcialidade expresados con rotundidade no discurso forense (“imperio da lei”, “estado de dereito”, “caia quen caia”) aos avatares do discurso político partidista supón unha banalización que vai en detrimento da función educativa que produce na cidadanía a palabra xusta e imparcial. Esta trivialización dos seus símbolos é como se fosen á taberna xogar ao dominó con traxe talar: toga, “puñetas”, casula ou muceta. Sen pretendelo esta inxustificada teatralización nun espazo público dos profesionais da xustiza é a imaxe que mellor ilustra o grave tema pendente da historia contemporánea de España.

Tracking Pixel Contents