Opinión
Unha estrela para Serafín Mourelle
A Xosé Iglesias, patrón e poeta de altura.
O pasado domingo, día 24, celebrouse na Coruña unha sentida homenaxe a Serafín Mourelle, cormelán e patrón maior do mar de Irlanda, que padeceu e domeñou o Gran Sol ao longo de toda a súa vida. O seu poemario, no que dialoga co mar, (Carapelas de sal e iodo, 2017) é unha colectánea que resume perfectamente a súa biografía solidaria que foi recordada fraternalmente por numerosos amigos —Teruca, Xurxo Souto, Xosé Iglesias, Manolo Rivas, Romualdo, etc.— e agradecida con emoción pola familia, viúva e fillos. A camiñada desde as portas do «Lionardo» ata a vella lonxa do porto non perdeu en ningunha das estacións o arrecendo ao peixe salgado que saía das numerosas buguinas dos asistentes que amenizaron o percorrido. Mágoa que aquel peirao salferido e aberto de antano, fatigado por viandantes curiosos que daban vida ao recinto, dese paso a un espazo xeométrico pechado e privatizado para turistas e grandes buques contaminantes. Menos mal que nos permiten as autoridades ver de cando en vez as exposicións cosmopolitas que organiza MOP, tal como se refiren algúns medios a Marta Ortega Pérez, e que permiten a estraña convivencia entre a alta costura e o mundo do traballo.
A nosa presenza no acto, malia que silente, traía desde Rianxo unha misiva secreta que estamos a desvelar hoxe por medio deste escrito. O remitente da carta é o poeta rianxeiro Manoel Antonio, especialista en estrelas que se quixo facer presente para alumear o acto na honra de Serafín. Desde rapaz debuxaba o poeta rianxeiro estrelas que encabezaban os seus escritos epistolares, eran xa unha premonición do venador de horizontes no que se titulará anos despois. Xa no ano 1923 cando quere paliar a soedade do amigo emigrante en Bos Aires, promételle que cando navegue nun veleiro coas velas afrouxadas, noiturno e arcaico, ha de cazar estrelas para el. E vai cumprir a promesa, que para o poeta rianxeiro era pacto, un lustro despois, a bordo do pailebote «Constantino Candeira»; ollou as estrelas, noivas fieles na soedade, que xa a alba comezaba a esvaecer e a traición engaiolou unha que non estaba nas cartas cósmicas, era unha estrela descatalogada. Era única, soamente lle deu existencia durante uns instantes a mirada do piloto. Chamoulle «A estrela desconocida», nin se atreveu a darlle nome pero era a súa conquista.
Serafín de seguro que tamén veu estrelas na soedade da noite que engaiolou co seu sextante do mesmo xeito que as redes traían a bordo o peixe que diariamente había que roubar ao mar. E os dous, Manoel Antonio e Serafín, souberon facernos partícipes dos seus achados, deixaron constancia deles coa palabra humilde e proletaria. Ambos son, por este motivo, non conquistadores, expresión altisonante e dominadora, pero si enredadores (que vén de rede) de estrelas. Pero mentres os heroes épicos deixaban marcado o territorio cunha bandeira, os nosos mariñeiros marcaban as súas singraduras co ronsel que deixan os barcos nos que navegan, que era borrado axiña polas ondas. Menos mal que nos deixaron a súa palabra e o son das buguinas que seguen a resoar na súa honra.
Hai moitos anos, en plena ditadura franquista, foron de excursión a Rianxo uns rapaces de Corme tutelados, entre outros, por un mestre chamado Manuel Cruz, comprometido coa liberdade. Levaron como agasallo para as irmás de Castelao un estandarte que pasearon pola vila co lema bordado á man «Os de Pondal saúdan aos de Castelao». Eran estas palabras unha mensaxe encriptada que quería dicir que en Ponteceso e en Rianxo había xente que quería recuperar a dignidade cun discurso heterodoxo, un agasallo simbólico ao que quere corresponder a carta, da que son portador, de Manoel Antonio para Serafín.
- Alegría para los conductores en España: no tendrán que pasar la ITV a partir de 2025 si su coche está en este listado
- Así serán las bajas médicas a partir de 2025: Un nuevo sistema que evaluará la situación de cada trabajador
- Qué es el mieloma múltiple, el cáncer incurable que sufría el presentador de TVG Xosé Manuel Piñeiro
- Ikea recupera la estantería para el baño que arrasa entre los jóvenes: menos de 6 euros y se monta sin obra, ni agujeros
- Una influencer madrileña se deshace en elogios con 'el restaurante más icónico de A Coruña': 'Menos de 15 euros por cabeza
- Muere Xosé Manuel Piñeiro
- El importante aviso de la DGT para todos los conductores con gafas o lentillas
- El Como sube la oferta por Yeremay pero el Dépor se aferra a la cláusula