Opinión | Olladas ao País

Avances e recuamentos nas nosas liberdades

A primeira semana deste decembro coñeceu dalgunhas remudas normativas que influíron, adoito, para ben e para mal, no perímetro de garantía e efectividade dos nosos dereitos e liberdades.

Imos primeiro coas boas novas. O 4-D gañou vixencia a Lei Orgánica estatal do dereito constitucional á defensa xudicial e paraxudicial (mediacións e arbitraxes). Esta nova lei alarga substancialmente os dereitos e garantías dos xusticiábeis, é dicir, das persoas todas.

Garante, en primeiro lugar, o acceso de todas as persoas interesadas a todas as actuacións xudiciais, é dicir, garante obter copia do actuado antes de que chegue ao proceso a persoa interesada co anticipamento abondo para que a persoa interesada exerza no proceso os seus dereitos. Dirán vostedes que isto xa estaba garantido na lexislación anterior e eu dígolles —como lles poderá dicir calquera profesional— que non sempre e en todo lugar, mesmo nos últimos anos, estivo o tal garantido.

Garante tamén un conxunto de dereitos e obrigas das persoas que exercemos a avogacía definidos dun xeito que reforza as garantías das persoas que accedan á xustiza, das nosas defendidas. Velaí os dereitos de conciliación do exercicio da nosa profesión co noso dereito á saúde e á conciliación familiar, a garantía moi reforzada do segredo profesional, da prevención ou resolución do conflito de intereses na persoa profesional da avogacía e da confidencialidade das comunicacións entre esta caste de profesionais. Tamén o dereito da persoa usuaria do servizo a obter un orzamento claro de prezos e custos nidiamente definido nun contrato de encarga profesional.

Cómpre falarmos tamén dos dereitos lingüísticos. Dende o dereito universal a obter unha resolución xudicial notificada nunha linguaxe abondo clara, sinxela e comprensíbel a un aprezábel alargamento dos dereitos lingüísticos das persoas usuarias da lingua galega, promovido no Congreso polo BNG, PNV, Junts, Compromís, EH-Bildu e ERC, co pulo e asesoramento técnico da galega Mesa pola Normalización Lingüística, da catalá Plataforma per la llengua e da vasca Hizkuntz Eskubideen Behatokia para faceren efectivo o dereito (recoñecido na Lei de Normalización Lingüística e sempre negado polo Estado até de agora) de obtermos a notificación en lingua galega de todas as sentenzas, interlocutorias, providenzas, dilixencias e decretos que as persoas xusticiábeis ou profesionais do foro requiramos expresamente, mesmo tamén no Tribunal Supremo cando os procedementos dos que coñeza calquera das súas salas teñan principiado na Galicia e tamén nos distintos xulgados e salas de instrución, penais, sociais e contencioso-administrativo da chamada «Audiencia Nacional».

Mais, nesta mesma primeira semana de decembro, tamén gañou vixencia un Regulamento estatal (aprobado polo malfadado Real Decreto 933/2021) que impón determinadas pexas sobre a nosa liberdade persoal sen achegar proporcionais doses de seguranza, único xeito que o sistema xurídico europeo atura (polo menos aturou até de agora) as restricións á liberdade.

O devandito Regulamento obriga a toda caste de aloxamentos turísticos e ás empresas de alugueiro de automóbiles sen condutor a requirir de calquera persoa viaxeira un lote de datos persoais que, ademais, as empresas devanditas haberán gardar tres anos dende a súa obtención.

Esta normativa estatal confronta coas outras normativas turísticas europeas, xerando graves dificultades para a concorrencia empresarial. Xustamente arestora, nun momento histórico pospandémico no que semella que a meirande parte da cidadanía estamos dispostos só aos sacrificios da nosa liberdade e privacidade realmente indispensábeis para previr graves perigos de saúde e seguranza públicas. Nesta xeira, a absoluta falla de precedentes europeos fainos pensar que o sacrificio que se nos esixe dende 2-D non é proporcional. O Tribunal Supremo dirá ao seu tempo se este Regulamento, como semella, vulnera os nosos dereitos fundamentais.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents