Opinión | Reatallos do labirinto
Bos Aires, a ‘quinta provincia galega’... e máis
Aquelo de que Bos Aires é a quinta provincia de Galicia é máis que un dito, debe ser un ou varios tomos da inmensa Historia da Galiza contemporánea e dun Museo da Emigración Galega aínda por facer aquí.
Dende os mesmos anos do descubrimento do Río da Prata no 1515 polo sevillano Juan Díaz de Solís e de Magalhâes no 1520 aquelas rexións austrais das américas atraeron a misioneiros e foron unha saída da fame e da represión para poboadores, buscavidas e mesmo intelectuais exiliados da Galiza, deica confundirse cos indíxenas e coa súa historia. Insistimos en que a Historia de Galiza non se entende sen a emigración e máis no que atinxe aos séculos XIX e XX.
Dende a metade do século XIX ao XX asentáronse na Arxentina máis de 600.000 galegos, contando dende inicios do século XX até a súa metade con máis de 350 sociedades galegas, chegando o Centro Galego de Bos Aires a ter máis de 150.000 asociados, ofrecendo asesoramento e servizos médicos, dende o 1925 creando o grandioso panteón galego do cemiterio da Chacarita, capela con altar do escultor Asorey, inaugurado no 1944: a cruz coa Nai na vertical que, na horizontal, acolle ao Fillo morto, cimo dun viacrucis, dunha ascese semellante ao do emigrante. Panteón que acolleu a tantas vidas entregadas por Galiza, como Castelao, e aínda hoxe, esperando o retorno a Galiza das cinzas de Antón Alonso Ríos (1887-1980), vida curtida nos camiños do exilio, o que, despois da morte de Castelao ocupou a presidencia do Consello da Galiza. De ser un pobo con memoria e agradecido, Alonso Ríos ben poido ser aclamado o primeiro presidente da Xunta de Galicia cando esta se instituíu no 1978.
Tanto así é que pola Arxentina aínda se refiren como «gallegos» a todo español. A pegada de Galiza está moi presente alí no idioma , na cultura crioula e na súa historia. Neira Vilas ou Luis Seoane, de diferentes xeitos, a través da literatura, da radio espallaron esta historia, coa loita contra a segregación expresada nos Chistes de galegos da autoría de Ricardo Parrota escondido baixo o pseudónimo de Pepe Muleiro. Historia galego-arxentina complementada tamén a través da obra de Xavier Alcalá, de Ruy Farías, autor de Buenos Aires Galega, de Serafín Portugal Soto, de Osvaldo Bayer, autor este dos tres tomos, argumento da película La Patagonia Rebelde (1974); a obra de Lois Pérez Leira, de Manuel Mera, de Dolores Vieites, de monografías como a de Luis Pérez Rodríguez sobre Fernando Iglesias Tacholas, do esforzo de Díaz Pardo a través da Editorial do Castro para deixar constancia de canto dicimos. E nos derradeiros anos a valiosa obra do profesor Xosé M. Núñez Seixas, autor de Os inmigrantes imaxinados. Identidade Galega na Arxentina (1780-1960)... E as historias arredor de galegos no mundo gauchesco, na Patagonia como do boliche de Ramón Pantín fundando Calafate, ou a do ideólogo anarquista Antonio Soto Canalejo, coñecido como «El gallego Soto» ou a de Ramón Outarelo, como a de Antonio París, líderes das revoltas anarquistas, protagonistas de A Patagonia Rebelde contra os explotadores terratenentes, os dous últimos entre os masacrados nos predios da Estancia Anita... dende simples creadores de boliches, mesoneiros, panadeiros en Bos Aires —mesmo meu bisavó creador de sidra la Farruca— a empresarios enriquecidos como o filántropos Naveira de Betanzos, creando asociacións solidarias, escolas, sanatorios... a primeira a de Avellaneda en Bos Aires. Sendo Galiza mesmo raiceira de presidentes, como Brandino Ribadavia, Alfonsín, a Kitchner... de premios Nobel como Saavedra Lamas, Esquivel... de intelectuais como Francisco Luís Bernárdez e a súa irma Aurora, musa, compañeira e herdeira de Julio Cortázar.
A palabra e a creatividade como arma contra a ditadura tramada no Café Tortoni
Sen faltar na capital arxentina un ambiente culto que nos anos da Longa noite de Pedra, dará continuidade, a través de editoriais á obra abortada pola Guerra Civil de dignificación e internacionalización da cultura galega. Grupo que a partires da Segunda Guerra Mundial, coa derrota do fascismo, cavilaban nunha nova alborada, en preparar as maletas do retorno pero sufrirán traizóns. Historia de intelectuais antifranquistas que se reunían no vello Café Tortoni de Bos Aires, na avenida de Maio. Alí, aínda hoxe, como si dun café-museo se tratase, a carón das fotografías dun Borges que bebe no realismo máxico das fontes de Galiza, atopamos lembranzas de Paco Luis Bernárdez, o gran poeta oriúndo de Maside, de Luis Seoane, de Blanco Amor, de Lorenzo Varela, Rafael Dieste, Arturo Cuadrado, Suárez Picallo, Colmeiro, Laxeiro, Otero Espasandín, Xosé Abraira, Rodolfo Prada... Hora do café onde tamén se confundían espías. Refuxio de nostalxias, grupo coñecido como «La peña gallega del Tortoni» sumándose outros, como a do bar Casa de Troya ,este decorado con obra de Castelao. Ao respecto José González Ledo é autor do libro La Peña Gallega del Tortoni. Galegos inquedos vencellados á Federación de Sociedades Galegas, de sentir republicano, grupo e espazos de actividade exemplar, coñecida internacionalmente, onde mesmo solicitan colaboración Picasso, Alberti, Nicolás Guillén, Neruda... Historia que Francisco Lores Mascato (1934-2017) soubo recoller, gardar, estudar e mostrar naqueles mesmos espazos dedicados agora a Museo da emigración galega na Arxentina.
Un Castelao admirado e querido por todos, minado pola enfermidade e as saudades refuxiouse no Centro Ourensán, o seu legado na actualidade custódiase na Casa Galicia-Colexio Santiago Apóstolo, atinadamente dirixido por xente moza que asume pasados, legados históricos, algo que fai lembrar o lenzo de A derradeira Lección do Mestre, obra de Castelao que reafirma o cantando no Himno Galego: «Non deas a esquecemento da inxuria o rudo encono»: o mestre asasinado na encrucillada, a esperanza de dous nenos que se abrazan.
A figura de Luis Seoane faise omnipresente en Bos Aires, mesmo póndelle espírito de orixe a cidade, con obra mural espalla na cidade dun millón de esquinas, de librarías e teatros, como acabamos de divulgar dende Amigos dos Museos de Galicia a través do libro Obra mural de Luis Seoane en Bos Aires, da autoría de José Martínez-Romero Gandos, compañeiro de Pilar Jeremías Cela, activos na causa que nos trae aquí. Obra de Seoane —obra máis recoñecida polos marchantes que polos poderes públicos— por canto aportan pola súa función social: mural, gravado, deseño, propaganda, cerámica... Ao respecto recomendo ler, de vagar, o poema Os emigrantes o que mostra a envergadura dun creador que non dá puntada sen fío social, epopea da emigración, contestación a Celso Emilio.
Suscríbete para seguir leyendo
- Alegría para los conductores en España: no tendrán que pasar la ITV a partir de 2025 si su coche está en este listado
- Qué es el mieloma múltiple, el cáncer incurable que sufría el presentador de TVG Xosé Manuel Piñeiro
- Así serán las bajas médicas a partir de 2025: Un nuevo sistema que evaluará la situación de cada trabajador
- Arantxa del Sol, exconcursante de 'Supervivientes', ficha como colaboradora por este programa de TVE
- La DGT activa un nuevo radar en una carretera que une Oleiros, Cambre y Abegondo
- Yeremay pacta con el Deportivo no irse en enero: hay mejora de contrato y subida de cláusula
- Ikea recupera la estantería para el baño que arrasa entre los jóvenes: menos de 6 euros y se monta sin obra, ni agujeros
- Así es el plan de mercado del Deportivo sin Lucas: recuperar a Rubén, un ariete y un lateral izquierdo