Opinión

O tempo é ouro

Entre os libros que paga a pena descubrir neste Nadal salienta o ensaio de Xosé Carlos Arias El tiempo es oro. Economía política del nanosegundo publicado pola editorial galega Transforma. Unha lectura que convida a entender mellor o mundo no que vivimos.

O libro gravita e planea ao redor de tres preguntas fundamentais: Que explica a aceleración social na que estamos instalados, especialmente no eido económico?; que consecuencias pode ter a aceleración frenética das finanzas modernas sobre a estabilidade social?; e como afecta o desacoplamento entre o ritmo das finanzas e a política democrática ao funcionamento das nosas sociedades?

A idea forza do ensaio é a desincronización. Non todo se acelera ao mesmo ritmo: mentres sectores da economía, como as finanzas, avanzan a velocidade do nanosegundo, outros ámbitos, como a política democrática, precisan de tempos pausados para deliberar e tomar decisións. Carente deles, a política ve como o seu papel se debilita, alimentando frustracións e cuestionando os fundamentos da democracia liberal. E non vale con ollar cara outro lado namentres se agarda que escampe. A realidade é que esta dominancia do nanosegundo poderá experimentar idas e vidas, retrocesos transitorios, mais chegou para quedar e definir as relacións sociais e a marcha da economía das vindeiras décadas.

O libro de Xosé Carlos Arias non só é un ensaio brillante para comprender as dinámicas do noso tempo, senón tamén unha chamada a reflexionar sobre como queremos vivir nun mundo onde a velocidade domina as relacións sociais e económicas. Podemos facer algo para limitar os efectos negativos do proceso? O autor da algunhas respostas. Se queren coñecelas, deberán ir á fonte; non quero facer spoiler.

Un agasallo acaído para quen anda na procura de coñecemento e preguntas intelixentes.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents