Opinión | Olladas ao País
Celebrarmos Castelao, espallarmos Castelao
O 15 de novembro celebrouse o 80 aniversario da constitución do Consello de Galiza e da elección de Castelao como o seu primeiro Presidente. Unha institución formada polos catro deputados eleitos nas últimas eleccións (febreiro de 1936) antes da imposición a ferro e lume do réxime de feito franquista que, por residir na Sudamérica, conservaban a súa liberdade de acción e representaban a vontade de autogoberno reflectida o 28 de xuño de 1936, cando case un millón de galegos sobre un corpo electoral duns 1.343.000 aprobaran o Estatuto de Galicia. Velaí que o Parlamento de Galicia, por unanimidade dos seus grupos (Mixto, PSdeG, BNG e PPdeG) recoñecese nese día Castelao como primeiro Presidente de Galicia.
Xusto é recoñecer o traballo previo desenvolvido polo Partido Galeguista (nomeadamente o seu secretario xeral, Francisco López Franco “Chesqui” e o seu presidente, Manuel Suárez) e polas principais entidades da galeguidade río platense (Centro Galicia, Centro Galego, Fundación Galicia América-titular do Colexio Santiago Apóstolo-, Federación de Sociedades galegas na Arxentina, ABC de Corcubión, Centro Betanzos, Fundación Xeito Novo e Padroado da Cultura Galega de Montevideo) que continuou despois desa data a medio de diversos actos de difusión en Bos Aires e Montevideo, moi salientábeis tanto pola grande participación como polo consenso entre entidades tan plurais canto aos seus postulados sociais e políticos. Un traballo que tamén foi salientado polo antigo dirixente do PNV, Iñaki Anasagasti, experto no coñecemento da relación de Castelao co lehendakari Agirre (PNV), grande animador no proceso de creación dunha institución que representase Galicia na alianza estratéxica das tres nacións GALEUSCA, canda os gobernos vasco e catalá, entón no exilio.
O vindeiro 7 de xaneiro cumprimos o 75 aniversario do pasamento do patriota e Presidente galego. E, no Panteón de Galegos Ilustres, celebrarase o primeiro acto do Ano Castelao, promovido pola Xunta, Parlamento, as tres universidades, as catro deputacións, os concellos de Rianxo, Pontevedra e Compostela, o Consello da Cultura galega, a Fundación Castelao, a RAG e outras entidades culturais e cívicas.
Cómpre seguir a construirmos o relato da Nación, o relato da Galicia. Nos anos vindeiros gañará na política, na comunicación e na cultura quen gañe no relato. Neste senso, ninguén descoñece a transcendencia cultural, literaria e artística de Castelao. Así e todo, o Castelao que máis cómpre espallar é o inescindíbel Castelao patriota e Castelao político. Aquel líder que a case todos chegaba e que de moi pouco (na fin da guerra franquista) artellou estruturas e conceptos que nos fixeron partillar case de igual a igual no GALEUSCA e acadar o rango constitucional de nacionalidade ou nación cultural na transición de 1977-1980, obtendo o dereito a negociarmos o actual Estatuto dun xeito paccionado.
Un Castelao que se refire ás maiorías sociais da cidadanía galega. Mais que non agocha as súas propostas políticas: i) Galicia é unha nación con dereito a decidir, á súa autodeterminación, ii) Cómpre artellarmos unha Federación Ibérica entre Galicia, Castela, Euskadi e Catalunya, iii) Europa ha de se constituir nunha Unión (con) federal dos pobos e nacións como Galicia. Neste contexto, os Estatutos de 1936 e 1980 son chanzos no camiño.
No 2025 haberíamos celebrar Castelao. Mais, tamén, haberíamos espallar o seu relato. O relato da Galicia soberana, aberta, solidaria e inclusiva.
Suscríbete para seguir leyendo
- Oportunidad única en A Coruña: precioso piso en ubicación privilegiada, muy luminoso y a un precio increíble
- El Sergas detecta que el 67% de bajas no están justificadas
- Así es el armario de Ikea que conquista a los clientes por práctico y por su precio: solo 15 euros
- Detenido en Oza-Cesuras con cinco kilos de cocaína y diez de hachís
- Una familia de Silleda denuncia la desaparición de su hijo de 18 años, que se despidió en las redes
- Benassi: 'Yeremay y sus agentes lo saben, la posición del Dépor es clara
- El Deportivo no le pierde la pista a Oier Zarraga para su doble pivote
- El atardecer de Mera, el preferido de la profe de ‘Cifras y Letras’