Opinión

A dimensión ética da lingua: notas a prol dun pacto necesario

A proposta dun pacto pola lingua por parte da Xunta de Galicia supón polo menos o recoñecemento dun enfrontamento, dunha loita á que hai vontade de poñer fin. Sería un exercicio útil e clarificador analizar os discursos de cada bando contendente e confrontalos co informe que sobre o galego emitiu o Consello de Europa recentemente. De calquera xeito e dado que a voz «pacto» ten a mesma procedencia léxica que «paz» ou «apaciguar», sitúanos no comezo dunha realidade incontestable: a lingua é poder e como tal está inmersa nunha permanente e inmemorial batalla na que adoita ser frecuente a intervención do aparato do Estado e do mesmo exército tal como demostra a coincidencia do papel hexemónico do idioma francés no mundo con Napoleón e cando toma o relevo o inglés será coa axuda dos canóns de Nelson e as dotes militares de Wellington demostradas na Península Ibérica e en Waterloo. O exemplo máis clarificador da intervención do Estado e os seus exércitos na batalla das linguas témolo nas autoridades virreinais españolas e nos colonizadores que as acompañaban no século XVI en América, que insistían en que os indios debían aprender español e abandonar as linguas orixinarias; pola contra os misioneiros franciscanos, dominicos e xesuítas intentaban protexelos dos abusos dos españois usando como escudo protector a súa propia cultura argumentando que a evanxelización e conversión era mellor nas linguas autóctonas, capaces de dotalos dunha identidade que sería a súa mellor defensa. O resultado desta confrontación lingüística é coñecido: a desaparición da maioría da linguas amerindias desposuídas do seu escudo protector. Neste contexto de guerra das linguas minorizadas, que loitan pola súa supervivencia, contra as denominadas linguas hexemónicas, francas, como o español ou inglés, a participación que se lle pide á Real Academia Galega e outras institucións por parte da Xunta non resulta fácil e desde logo nada soluciona apuntar fórmulas que están fóra do seu alcance ou ensinar a ver abismos alí onde non aparecen máis que tópicos e lugares comúns tal como fai a declaración institucional presentada esta fin de semana pasada. Á RAG, en efecto, non lle resulta fácil concretar os principios que poden informar unha política lingüística doada para o noso idioma porque, integrada maioritariamente por lingüistas, a lingua é ao mesmo tempo o seu obxecto de estudo, o seu instrumento de coñecemento e o medio de formación da súa personalidade individual e social. Esta singularidade é a causa da súa deformación e distorsión da realidade lingüística tantas veces mostrada.

Unha política do galego debería intentar definir os valores e principios polos que debe guiarse: o entendemento, a vontade de entenderse, en primeiro lugar. Entendemento, igualdade e liberdade conforman unha triloxía de valores éticos reformulados mediante a doutrina dos dereitos humanos e do respecto á dignidade humana. É unha ética das linguas a que debe dar lexitimidade e racionalidade a unha política lingüística, pero tales propostas deberían dirixirse á sociedade, á opinión pública, e non responsabilizando a cada estamento como fai a declaración da RAG. É un ideal derivado dos homes da Ilustración que todos os falantes sexan «cidadáns» da súa lingua, que non soamente a falen, que tamén se fagan responsables da súa conservación e do seu uso. Este comportamento de «cidadáns» da lingua implica unha responsabilidade, unha ética da fala, derivada da ética do cidadán e da lingua. O fío condutor destes principios éticos universais ten que ser, tal como dixemos, o entendemento, obxectivo fundamental de todas as linguas do mundo.

A identidade dunha lingua é o resultado dunha lenta construción histórica e non pode impoñerse por decisión dunha academia ou dun goberno. Unha maneira de lograla é privilexiando os valores devanditos que permiten comprender a un falante doutra lingua sen forzalo a incorporarse á propia.

Paga a pena o esforzo que poidamos facer pola nosa lingua porque os beneficios que nos pode proporcionar van máis alá de aprender a falar e escribir; hai numerosos aspectos produtivos da mesma que exceden a esfera do útil e do visible.

Tracking Pixel Contents