Opinión | O Grupo Naturalista Hábitat opina
cosme damián romay
Sobre a recuperación do cordón dunar de Santa Cristina
O vindeiro venres cumpriranse dous anos da retirada, por parte da Xunta de Galicia, do proxecto de pasarela peonil sobre a bocana da ría do Burgo, entre As Xuias e a praia de Santa Cristina. Esta nova foi acollida con grande alivio polo todo o movemento ecoloxista e por gran parte da poboación da Coruña e Oleiros. Evitouse así unha obra innecesaria e custosa, con elevado impacto paisaxístico, e que destruiría o cordón dunar de Santa Cristina, que se estaba a recuperar logo de décadas de degradación. Afortunadamente, hoxe podemos gozar da principal zona de dunas do concello da Coruña, compartida con Oleiros, con poboacións en crecemento de fermosas plantas dos areais como os alelís de praia (Malcolmia littorea), as cabaciñas rosas (Silene littorea) e os paxariños amarelos (Linaria polygalifolia), entre outras especies que medran ao amparo de amplos cintos de feo de praia (Calamagrostis arenaria). Diariamente hai rebumbio de aves que entran e saen tranquilamente da ría do Burgo nas súas expedicións de pesca: carráns cristados (Thalasseus sandvicensis), mobellas grandes (Gavia immer) e mesmo os ameazados corvos mariños cristados (Gulosus aristotelis). Desde o Grupo Naturalisita Hábitat felicitámonos pola conservación desta contorna e soñamos con avanzar na recuperación parcial do cordón dunar orixinal, que nos anos 50 tiña arredor de 32 hectáreas, preservándose hoxe só un terzo. As accións consistirían en eliminar especies exóticas nocivas para o medio, como os eucaliptos e chopos que foron plantados sobre o areal, recuperando o solo areoso. Tamén se podería reducir a (excesiva) superficie asfaltada adxacente, ata chegar así ás 16 hectáreas de areal “libre”, a metade do orixinal (*). Cunha xestión axeitada, ademais de recuperar hábitats de interese comunitario na Unión Europea (**), a nova extensión dunar podería acubillar de novo especies raras ou ameazadas, como a nebria das praias (Eurynebria complanata), a píllara das dunas (Anarhynchus alexandrinus) e incluso o lampareiro eurasiático (Haematopus ostralegus). A responsabilidade última desta xestión recae agora na Xunta de Galicia, en virtude da recente transferencia das competencias sobre o litoral por parte do goberno do Estado.
Conclusión: o Grupo Naturalista Hábitat seguirá loitando para que o cordón dunar de Santa Cristina e a súa biodiversidade non só se vexa libre de obras innecesarias, senón que se avance na restauración parcial do areal orixinal, eliminando especies alóctonas nocivas e superficies asfaltadas sobredimensionadas. Confiamos en que a administración autonómica garanta a protección e facilite a restauración destes ecosistemas litorais.
(*) A Mobella 25, páxina 37 (gnhabitat.org/mobella) (**) jolube.net/Habitat_Espana/documentos/2.pdf
- Alegría para los conductores en España: no tendrán que pasar la ITV a partir de 2025 si su coche está en este listado
- Así serán las bajas médicas a partir de 2025: Un nuevo sistema que evaluará la situación de cada trabajador
- Qué es el mieloma múltiple, el cáncer incurable que sufría el presentador de TVG Xosé Manuel Piñeiro
- Ikea recupera la estantería para el baño que arrasa entre los jóvenes: menos de 6 euros y se monta sin obra, ni agujeros
- Una influencer madrileña se deshace en elogios con 'el restaurante más icónico de A Coruña': 'Menos de 15 euros por cabeza
- Muere Xosé Manuel Piñeiro
- Arantxa del Sol, exconcursante de 'Supervivientes', ficha como colaboradora por este programa de TVE
- El importante aviso de la DGT para todos los conductores con gafas o lentillas