Opinión

Tres desexos para 2025

Ao achegarnos ao novo ano, é momento de reflexionar sobre os retos e oportunidades que temos por diante. Aquí van tres desexos para 2025 que considero fundamentais para o futuro de Galicia.

O primeiro é que a moratoria á plantación de eucalipto se amplíe polo menos outros catro anos máis e non remate en decembro de 2025. O coidado da biodiversidade, a aposta pola paisaxe ou unha ordenación racional do territorio son razóns de peso para evitar que caiamos nun monocultivo forestal que tería consecuencias moi negativas a longo prazo. Para iso, é esencial desenvolver alternativas de uso que sexan economicamente rendibles, evitando así o abandono do rural e poñendo en valor os nosos recursos naturais. A Consellería de Medio Rural xoga un papel crucial neste ámbito. Aos meus ollos, é unha das máis importantes e necesarias neste intre. Necesitamos pericia, innovación e recursos para afrontar este desafío.

O segundo desexo é a reforma do sistema de financiamento autonómico. Porén, na medida na que, en termos comparativos, Galicia non está mal financiada, non nos vale calquera reforma. Os alicerces bos para todos e bos para Galicia foron expostos en varios documentos do Foro Económico de Galicia publicados en 2024, aos que me remito.

O terceiro desexo é reducir o absentismo laboral en Galicia ata, polo menos, a media española. O absentismo tramposo é unha lacra que, ao igual que o fraude fiscal ou a economía mergullada, dana á nosa economía e ao noso espazo colectivo. Non podemos facer a vista gorda ante os abusos e excesos no exercicio de dereitos lexítimos e necesarios. É preciso consensuar entre todos, Xunta, sindicatos e organizacións empresariais medidas que fomenten e garantan a responsabilidade e a ética no traballo, garantindo ao mesmo tempo a protección dos dereitos dos traballadores.

En resumo, estes tres desexos para 2025 —a ampliación da moratoria do eucalipto, a reforma do financiamento autonómico e a redución do absentismo— son fundamentais para construír unha Galicia máis sostible, xusta e próspera.

Tracking Pixel Contents