Opinión | Olladas ao país

Galeguismo democrático vs extrema dereita española

Rematou este 2024 cunha nidia progresión da extrema dereita internacional, logo do seu avance nas europeas de 2023 e noutros comicios varios na Italia, Austria, Holanda ou Reino Unido e, por riba de todo, co amplo trunfo en votos e electores de Trump nas eleccións presidenciais de USA deste pasado novembro. Elon Musk actúa a xeito de número dous efectivo de Trump e artella un grande apoio para Alternativa por Alemania nas vindeiras eleccións federais de marzo e para o partido de Nigel Farage que ameaza con furar os alicerces electorais dos conservadores na Inglaterra.

No ámbito do Estado Vox seica avanza, despois da catástrofe da dina no País Valencià, nas enquisas electorais reducindo a súa diferenza co PP. Mais por riba de todo imponlle ao partido de Núñez Feijóo a súa axenda na inmigración e no supremacismo españolista, xa asumida por Díaz Ayuso e mesmo parcialmente por un Xefe de Estado que chamou a atención no seu discurso de Nadal a respecto dos «problemas de cohesión social» que poden xurdir da inmigración, mentres tenta, xa sen disimulos, desenvolver unha axenda de seu desvencellada da do Goberno do Estado, diante da inacción deste e do propio PSOE.

Até de agora Galicia, canda Euskadi e Nafarroa, ficaron á marxe da progresión (non só electoral, senón sobre todo no social e na xeración de axenda pública) da extrema dereita española. Mais semella que este proceso podería acadar tamén á sociedade galega. Velaí a necesidade de que o galeguismo democrático, substancialmente integrado no BNG, ben artellado territorialmente e cunha líder, Ana Pontón, recoñecida socialmente e moi ben valorada en moi amplos sectores, asuma o claro protagonismo fronte á difusión das falsas ideas, ocorrencias e mentiras da extrema dereita española. Asuma de fronte a batalla cultural para gañala, diante das dúbidas e incertezas amosadas até de agora polo PP e PSOE, que atinxen tamén a cadansúas organizacións galegas.

Esta loita cultural, esta loita ideolóxica, desenvólvese en varios ámbitos. No ámbito dos dereitos e da igualdade reivindicando os valores do feminismo inclusivo e da democracia liberal contra o autoritarismo e o machismo dos extremistas. Compatibilizando os valores ambientais e ecolóxicos co desenvolvemento sostíbel, nomeadamente para garantir o desenvolvemento das actividades agrogandeiras e pesqueiras vencelladas ás nosas comunidades evitando o baleiro polo que a extrema dereita europea entrou pola falla de flexibilidade coa economía rural do pacto verde promovido pola esquerda verde e socialdemócrata e polo centro liberal-demócrata na Europa.

Desenvólvese esta loita ideolóxica e cultural dende o coidado e prestixio do público e dende a defensa dun financiamento acaído dos servizos públicos. Dende o fondo coñecemento do País, dos seus problemas e das súas solucións e do espírito de colaboración nesta tarefa coa ciencia e a Academia, que han intensificar a súa transparencia e divulgación social para frear os negacionismos mentireiros do extremismo españolista.

E desenvólvese, last but not least afirmando inequivocamente un soberanismo cívico e democrático que, sen ningunha caste de complexo reivindique a nación, cos seus alicerces, sinais e referentes: himno e bandeira, lingua, músicas, artes escénicas, cinema, literatura, ciencia, e difusión dunha historiografía autocentrada. Afirmando unha cidadanía plural e democrática nunha nación europea.

Bo Ano Novo!

Tracking Pixel Contents