Opinión

Marcial Suárez: silueta dun señor das palabras

De todos é coñecido que as linguas reflicten o carácter específico da historia do pobo que as fala e escribe; de aquí que algúns estudosos, filólogos e sociólogos de sólida formación humanística e espírito crítico, tentasen plasmar a expresión e o rostro dunha época pola linguaxe e polo discurso que utilizaban os medios de comunicación. Foi esta aspiración a que lle permitiu a Karl Kraus (1874-1936) anticipar os horrores do nazismo estudando a linguaxe periodística durante os case 37 anos de vida da revista vienesa Die Fackel (O Facho) (1899-1936). Loitou teimudamente contra da inxustiza e da moralidade hipócrita da burguesía pero o seu empeño principal foi recuperar a pureza da lingua alemá, deturpada e desnaturalizada pola prensa e algúns escritores. As súas reflexións críticas foron traxicamente confirmadas algúns anos despois polo filólogo Victor Klemperer (LTI La lengua del Tercer Reich, edición española de 2001) que despois de padecer a represesión do fascismo, afanouse en «desnazificar» a lingua e desmilitarizar as palabras usadas polos nazis. Os demais países europeos, Galicia e España entre eles, paralelamente tamén viviron un contexto similar con ocasión da Marcha sobre Roma de Mussolini en outubro de 1922; as críticas foron escasas e soamente unha minoría se atreveu a cualificar o acto como un golpe de Estado contra da democracia. Este sector crítico estaba formado, no noso caso, polo periodista republicano Josep Pla, enviado especial a Italia polo xornal El Sol, o socialista Luís Araquistain e, nomeadamente, o catalanista Gabriel Alomar. Alentado por este último, Rafael Dieste desde as páxinas da prensa viguesa dedica unha serie de artigos a analizar e argumentar contra o fascismo que representaba Mussolini. Coincidían estas críticas coa exercida no mundo da arte polo expresionismo alemán e por Bagaría e Maside que coas súas viñetas e gravados denunciaron unha e outra vez a represión e belicismo exercidos polo fascismo. Tamén en España, como Klemperer en Alemaña, anos máis tarde houbo estudos confirmatorios deste fenómeno destas dramáticas premonicións desoídas pola maioría dos lectores; tal é o caso dos estudos académicos, entre outros moitos que non teño lido, de Miguel Ángel Rebollo (Lenguaje y política: introducción al vocabulario político republicano y franquista. 1931- 1971, Valencia, 1978) e Juan Felipe García Santos, (Léxico y política durante la segunda República, Salamanca, 1980).

Non debemos esquecer que a barbarie nazi comezou pola deformación das palabras, por retorcer o seu significado para usalas como arma contra o adversario, deseguida chamado «inimigo», «comunista», «masón» ou, eufemisticamente, «desafecto», un proceso de degradación que propiciaba a conversión en vítimas de numerosos cidadáns que simplemente se permitían opinar. Sempre sentín verdadeira admiración polas persoas capaces de decatarse desta situación e que nos anticipan o perigo que corremos deixando que nos rouben as palabras cando temos a obriga de termar delas. Permítome lembrar neste momento unha persoa culta de inquebrantable compromiso co socialismo, defensor lúcido do marxismo e que mantivo sempre unha constante preocupación pola lingua que lle permitiu, por exemplo, desvelar o perfil moral de Fraga Iribarne analizando os seus exabruptos. Mágoa que este opúsculo co que me agasallou o seu fillo Santiago me teña desaparecido mediante un préstamo a un amigo. Refírome a Marcial Suárez (Allariz, 1918-Aguieira,Porto do Son, 1996), novelista (O acomodador e outras narracións, 1969, libro ilustrado por Luís Seoane), autor teatral (Las monedas de Heliogábalo, que obtivo o Premio Isaac Fraga en 1965), ensaísta (Vocábula. Notas sobre usos lingüísticos, 1996), tradutor de obras do italiano —F. Alberoni, G. T. di Lampedusa etc.—, do francés— J. Guillaumaud, Condorcet, A. de Tocqueville etc.—, do inglés —P. Goodman, J. J. Katz, A. J. Ayer etc—. Pero nomeadamente un gran humanista que con elegancia analizou a lingua dos medios de comunicación guiado polos criterios de corrección do uso e da lingua literaria fuxindo da norma dos «grammarnazis», correctores compulsivos, á que tan afeccionada é a lingüística galega. A obra de Marcial Suárez permanece oculta e silenciada, pero non é inaccesible e paga a pena para o ano que nos espera cheo de incertezas.

Tracking Pixel Contents