Opinión | Retallos do labirinto

Rosa Cedrón na Academia Galega de Belas Artes, unha vida con aura musical

Neste 2024 e no ano que sigue a Academia Galega de Belas Artes celebra cento setenta e cinco anos de vida. Sendo unha das institucións decanas en canto significa o cultivo, o estudo e a salvagarda do mellor que pode facer o ser humano, as Artes. Atenta entón ao facer das Comisións Provincias de Monumentos, creadora da Escola de Belas Artes onde recibe as súas primeiras clases o neno Pablo Ruiz Picasso, creadora do Museo de Belas Artes e a que incentivou o nacemento do Arqueolóxico, de escavacións, rehabilitación e revitalización de monumentos... Academia que reclama a súa necesidade de ser como órgano consultivo das administracións, un xeito de garantir a interdisciplinaridade e a democracia, sempre obra inacabada, recibindo legados, necesitada de espazo e de persoal.

A entrada na Academia non é fácil: as propostas convócanse e nacen de tres académicos, seguida de votacións, con maioría de votos e non faltan competentes contrincantes como foi o caso que nos trae aquí.

Un dos derradeiros actos do ano aconteceu o sábado 21 de decembro, foi a lectura de ingreso na corporación como académica numeraria da Sección de Música da profesora do Conservatorio Superior de Música da Coruña, cantante e violonchelista, de prodixiosa voz e sensibilidade, Rosa Cedrón Fernández. O seu discurso titulábase Entre dous mares: do mundano ao transcendental, isto é, arredor da encrucillada da súa vida, con canto ela comporta de indefinibles valores de espírito. Escolleu como lugar o do seu traballo, o Conservatorio S. de Música da Coruña. Nova numeraria que sucede na institución ao lembrado pianista compostelán Ramón Castromil. Lectura que contaxiou de emoción á asistencia e na que lembrou aos seus mestres tamén académicos: o compositor Rogelio Groba, á pianista Mercedes Goicoa, así como a colegas cos que leva convivindo... recorrido moi prendido na Música: dende o seu nacemento nesa encrucillada que é Monforte de Lemos, un 25 de outubro de 1972 e nunha familia de músicos autodidactas, agás o tío paterno, Manolo, que era bombardino na Banda Municipal de Lugo. O pai tocaba a harmónica, a nai poñía a súa voz de anxo colaborando o irmán desta Fran, a que mesmo tocaba a guitarra e que lle ensinara o seu pai, o avó Pepe, de profesión veterinario, irresistible en poñerse con calquera instrumento musical que caía nas súas mans, ademais atraído pola fotografía, debuxante, maquetista de fragatas... e servidor pode dar fe, mesmo lle encargou un galeón para o Museo de San Antón. Admiradores dos Tamara, seguidores de Morricone, de Cohen, de Deep Purple, Pink Floyd, Led Zeppelin, Queen ou Mike Oldfield... velaí a cerna das orixes, a banda sonora da vida dos Cedrón. Na espiral do azar a familia establécese na Coruña e aos oito anos Rosa ingresa no Conservatorio da Coruña, inclinándose polo violonchelo e dinos que gracias á influencia de profesores como Ignacio Alonso, Manuel Iglesias Noguerol e Clara Groba. Axiña formaría parte da Orquestra do Conservatorio e pola influencia de Groba, xunto co seu irmán Xavier pasarán á Orquestra de Cámara Municipal da Coruña e tras da súa disolución á Banda Mu nicipal, ambos profesores no Conservatorio. Rosa será profesora de violonchelo no Conservatorio do Ferrol e pasará a ser a voz do grupo folk creado no 1985, Luar na Lubre e que lle abre a unha nova dimensión, pois non pasa desapercibida a Mike Oldfield co que grava The Inner Child do Tubular Bells III, participando nos multitudinarios concertos de presentación en Londres. Lamenta que o tío Fran non escoitara aquelo, pois a cinta gravada co seu admirado Oldfield chegou mesmamente o día do seu enterro. Nove anos vivindo fondamente o panceltismo en Luar na Lubre, os que di lle permiten reconfirmar a beleza e a forza do tradicional, base para novas creacións. Participa na produción cinematográfica Blanca Madison, dirixida por Carlos Amil, estreada no 2000 e no 2003 no filme de Ignacio Vilar Ilegal. No 2005 toma camiño en solitario... e así nace Entre Dous Mares (2007), grava co grupo flamenco Barbería del Sur, no 2010, en colaboración con Cristina Pato ao piano, saca o disco Soas Muller; colabora con Sondeseu, con Enrique Ramil, no 2013 con Paco Lodeiro e Sito Sedes saca o disco cantando a Galicia. No 2017, en solitario o álbum Nada que perder; no 2021, con Xavier Cedrón e Miguel Artús, producido por un inspirado Sergio Moure aparece Nomade.

A música, ferramenta que conecta aos seres humanos co divino...

Discurso no que fura nas propiedades emocionais da música, a que non soamente son sons, referíndose ás teorías de Oliver Sacks, á obra de Antonio Muñoz, de Arthir M. Anell ou á referente de David Tame O poder secreto da música, á forza misteriosa e poderosa da música como ferramenta divina, capaz de curar de «conectar ao ser humano co divino», teorías actualizadas nas aulas de musicoloxía de Harward... Para entrar na música de hoxe como mercancía, nas presas da globalización, a robotización, en busca do efémero, do vulgar...

A contestación a este discurso correu a cargo do compositor Juan Durán, sabendo que a nova numeraria aportara á corporación académica un perfil interpretativo musical que hai xa tempo non estaba, a da música que sabe combinar o ámbito culto co popular. Pondo de manifesto a calidade dos músicos, compositores e musicólogos que pasaron pola Academia, con especial relevo para a soprano María Luisa Nache e o seu irmán Horacio, ao mestre Groba, cunha pausa de emoción, acompañada de aplausos cando lembrou á profesora e violonchelista Clara Groba. Sen esquecerse de académicos, como o arquitecto e compositor Jacobo Rodríguez Losada, quen mesmo deseñou o entrañable edificio das cigarreiras, o que serviría de primeiro conservatorio de música da Coruña...mentres que este novo edificio, construído no 1989, tamén sería obra doutro académico, Andrés Fernández-Albalat.

Finalizou o acto, acompañada polo seu irmán Javier Cedrón ao violín e polo pianista Juanjo Fernández, interpretando Makedonsko, arranxo dunha peza tradicional de Macedonia, seguida de Miña nai Lúa ambas parte de Entre dous Mares, a primeira discocografía de Rosa. A continuación, Benditas feridas de Nada que perder. Pechando coa maxia de Rosalía de Castro: Negra Sombra de Juan Montes e Negro Caravel, composta por Raquel Pato. A sensibilidade, a voz de luz de Rosa Cedrón, o seu xesto, o saber estar en escena, transmitir emocións e esperanza púxose de manifesto. Acto ben acaído cando se enceta o Nadal no país dos vilancetes, as panxoliñas, os cantos de aninovo e Reis, cando tamén a Academia Galega propón para o entrante 2025 dedicarllo aos cantares e cantigueiras populares, mentres o supermercadeo musical nos invade co Burrito sabanero e con teimosía co «y beben y bebeeemm y vuelven a beber...».

Quintana Martelo, presidente da Academia, entregou o certificado acreditativo e impuxo a medalla á nova académica, rematando cunhas palabras que poñen de manifesto que con Rosa Cedrón a Academia Galega de Belas Artes agranda a súa significación en canto supón a música. Servidor, recordaba para si, ao entrañable académico Padre Calo, o que sempre se refería á frase de Platón «Dádeme un pobo de músicos e non me compren gobernantes», a música como símbolo de madurez cultural dun pobo, por iso representada por vinte catro sabios anciáns, na parte superior do Pórtico da Gloria, desa ascese que vai do caos ao cosmos. Todos saímos deste encontro académico que enxalza a música como voando, cargados do verdadeiro espírito dun novo Nadal que entraba.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents