Opinión

Cinco claves a prol da produtividade

Na miña percepción da economía como disciplina salientan tres vectores fundamentais: a produtividade, a distribución e a pegada ecolóxica. O benestar colectivo depende de que sexamos máis produtivos, que distribuamos con equidade os froitos da actividade económica, e que de xeito sostido no tempo poidamos reducir o impacto negativo no ecosistema.

No último informe de Ardán, que edita a Zona Franca de Vigo, céntrome no primeiro deses vectores e concreto a discusión para Galicia. Conclúo que o incremento da produtividade no noso país require actuar sobre dous piares fundamentais: mellorar as condicións de contexto e incentivar ás empresas para que tomen decisións na boa dirección; e centrarse nas seguintes cinco áreas clave.

Capital humano. Galicia precisa atraer talento migrante, reequilibrar o territorio e aumentar a taxa de ocupación. A formación profesional e continua debe adaptarse ás demandas produtivas, mentres que o sistema universitario debe reforzar os vínculos co tecido empresarial sen que elo leve de seu perder a súa esencia académica. Asemade, políticas de conciliación e flexibilidade laboral poden axudar a reducir o absentismo e reter talento.

Innovación e dixitalización. A cooperación entre empresas, universidades e centros de investigación debe potenciarse, incluíndo parques tecnolóxicos e incubadoras. A dixitalización, en particular nas PEMES, precisa apoio financeiro e técnico para optimizar os recursos existentes e adoptar novas tecnoloxías.

Infraestruturas. O foco debe centrarse en optimizar o uso das infraestruturas existentes, resolver puntos críticos e mellorar a intermodalidade. Ademais, a xestión sostible da auga e a modernización da rede eléctrica son cruciais para a transición enerxética e o aproveitamento das capacidades de Galicia.

Variables de contexto. A mellora da conectividade territorial, a simplificación burocrática, a avaliación do gasto público a prol de aumentar a súa rendibilidade social, e unha xustiza máis eficiente e segura poden favorecer o desenvolvemento empresarial.

Tamaño empresarial. O pequeno tamaño medio das empresas galegas é tanto causa como consecuencia das eivas en produtividade. Debemos apoiar ás PEMES que desexan medrar, facilitando o acceso ao financiamento, á innovación e o acceso á contratación pública.

En todas estas áreas estamos mellor hoxe que hai 10 anos. Pero a marxe de mellora segue sendo moi ampla.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents