Opinión
Carlos Maside entre os exiliados galegos
De todos é coñecido que o pintor Carlos Maside morre en Santiago de Compostela o 10 de xuño de 1958 despois de sufrir durante máis de vinte anos un rigoroso «exilio interior». Pero unha serie de circunstancias non tan coñecidas fixeron do pintor de Cesures un símbolo entre os exiliados galegos en Bos Aires e México. As razóns desta consideración teñen a súa raíz na alta valoración ética da estética que acadou o pintor de Pontecesures entre os desterrados.
Os homes do exilio tiñan especial sensibilidade para percibir esta faceta da poética artística de Maside que enviou unha e outra vez alén mar mensaxes solidarias, chegando a doar cadros non só ás colectividades de emigrantes senón que tamén destinou o importe dalgunha obra para financiar as guerrillas antifranquistas, tal como nos conta Luís Seoane. Este foi o máis devoto admirador do pintor en América como pode comprobarse lendo as cartas que intercambiaron a partires de 1947. En Bos Aires a revista Galicia Emigrante (nº 35, xuño e xullo de 1958) dedica un monográfico a Maside con opinións e valoracións de Dieste, Laxeiro, Antonio Baltar e Núñez Búa por parte do exilio. Deste mesmo ano son as palabras escritas por Luís Seoane como introdución a unha pequeña exposición de gravados de Maside celebrada no Centro Lucense de Bos Aires. Un dos gravados expostos era propiedade do mesmo Seoane que doou ao Museo Carlos Maside xunto con outros pequenos óleos e unha témpera que tiña recibido como agasallo do propio pintor con ocasión da defensa xurídica que fixera dun cuñado seu no ano 1934. Maside, sempre xeneroso, pretendía agasallalo cun óleo de grandes dimensións que Seoane rexeitou por consideralo excesivo.
Maside, pola súa parte tiña depositada a súa confianza nos homes do exilio como proba o seu testamento no que nomea como albaceas a Antonio Baltar, Rafael Dieste e Luís Seoane. A ausencia de piñeiristas entre os albaceas —nin Piñeiro, nin García Sabell— apunta claramente á posición distanciada politicamente de Maside do grupo Galaxia. Un e outro, Maside e Seoane, sempre respectaron o traballo de Castelao e o Consello de Galiza (1944) apuntando fidelidade ao Estatuto plebiscitado en xuño de 1936 en desacordo co piñeirismo do grupo Galaxia.
Os tres albaceas exiliados —Baltar, Dieste e Seoane— diríxense epistolarmente aos restantes membros da comisión —Raimundo García Domínguez, vicepresidente, Antonio Beiras, Ricardo García Suárez, Laureano Santiso Girón e Xosé Carlos Santiso Medina— para dar cumprimento á vontade de Maside con data 28 de maio de 1959. A carta recolle en seis puntos as accións que propoñen, entre elas a posibilidade de creación dun «Museo Galego Carlos Maside de Arte Moderno» con sede en Santiago. O museo, segue a propoñer a misiva, tamén recollería a obra doutros artistas galegos falecidos, como Virxilio Blanco, Castelao, Francisco Miguel, Fernández Mazas, Eiroa, e solicitará obra doutros artistas contemporáneos. Tal proxecto, elaborado no exilio, non está lonxe do que anos máis tarde será o «Museo Galego de Arte Contemporáneo Carlos Maside» que será inaugurado no Castro de Samoedo (1970) formando parte dun proxecto conxunto do Laboratorio de Formas de Galicia, obra de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane. Este, cando regresa —sempre regresando— en 1979 a Galicia, proxectaba rematar unha monografía sobre Maside comezada anos atrás para a que recollera material dabondo: recortes de prensa, reproducións de obras, valoracións críticas, catálogos, testemuñas orais, etc. Pero cando xa tiña algunhas decenas de folios manuscritos redactados, o destino non lle vai permitir consumar o regreso definitivo nin rematar a obra sobre o amigo. Entre as numerosas notas manuscritas hai varios apuntes que detallan a estreita relación entre ambos, que sobrepasaban o ámbito artístico, sobre as tertulias nas que tiña participado Maside, entre elas a do Derby de Vigo, antes de 1936, e da que eran habituais Dieste, Paz Andrade, Sevillano, Paco L. Bernárdez, Amado Villar, etc. Por alí ten pasado alguna vez o debuxante Fresno (Fernando Gómez-Pamo del Fresno (Madrid, 1881-1949)) máis coñecido como actor de varias compañías teatrais que pasaron por Vigo. Gómez de la Serna, outro tertuliano ocasional do Derby, gustaba de contarlle a Seoane unha experiencia negativa que tivo Maside con este actor afeccionado ao espiritismo. Anota tamén Seoane con tristeza algunhas consideracións sobre a exposición de Maside que Antonio Baltar organizara no Hostal, coa participación de Dieste en 1967 e que durou uns poucos días porque o alcalde de Santiago López Carballo, fillo de pintor e el mesmo pintor, cedeu o sitio expositivo do hostal a unha señorita cursi de Santiago que presentaba o produto dos seus ocios. De toda esta información nos privou a morte repentina de Luís Seoane. Primeiro expulsámolo da nosa historia e despois a morte impídelle regresar cando aínda estaba en disposición de crear e dialogar co seu pobo.
- Qué es el mieloma múltiple, el cáncer incurable que sufría el presentador de TVG Xosé Manuel Piñeiro
- Así serán las bajas médicas a partir de 2025: Un nuevo sistema que evaluará la situación de cada trabajador
- Arantxa del Sol, exconcursante de 'Supervivientes', ficha como colaboradora por este programa de TVE
- La DGT activa un nuevo radar en una carretera que une Oleiros, Cambre y Abegondo
- Yeremay pacta con el Deportivo no irse en enero: hay mejora de contrato y subida de cláusula
- Ikea recupera la estantería para el baño que arrasa entre los jóvenes: menos de 6 euros y se monta sin obra, ni agujeros
- Así es el plan de mercado del Deportivo sin Lucas: recuperar a Rubén, un ariete y un lateral izquierdo
- Diego Gómez vuelve al Deportivo