Opinión | Retallos do labirinto
O mes de xaneiro, bisagra entre o tempo que se vai e o que vén, cargado de tradicións
Entramos en xaneiro, mes cargado de esperanzadas tradicións, algo que deberan saber quen tanto fala de desestacionalizar eventos do verán. Mes dedicado a Xano, esa divindade romana representada con dúas facianas: unha que mira ao tempo ido, o escuro e outra cara ao porvir, á Luz. Deus Xano que pecha e abre xanelas, que deixa pasado e aventa futuro, adorado nos outeiros que ofrecen horizontes. Imaxe que ofrece singulares representacións escultóricas na arqueoloxía castrexa galega, nese arte abstracto de dous mil anos antes de Picasso, con altar no outeiro romano do Gianícolo, onde mesmo foi crucificado, boca abaixo, o apóstolo Pedro, espazos baixo a custodia da Real Academia de España en Roma.
Pois ben aquece abondar na riqueza deste mes que enceta un novo ano e máis cando a Academia Galega, por mor do 17 de maio 2025, Día das Letras Galegas convida a reivindicar o cancioneiro e a poesía popular. Universo de tradicións, música de fondo, onde deberan entrar os vilancetes (que dicía Filgueira), as panxoliñas e todo ese rico repertorio de cantos de Nadal, Aninovo, Reis, Manueles ou xaneiras... Cantares populares que inspiraron a obra de Rosalía, nos que teimou Risco, para rematar escoitando con aburrida teimosía «el Burrito sabanero» ou o «bebeeeen y beebeen...».
Xaneiro rico en refráns e cantares galegos, algo que se perde na Historia: moitos deles herdos de autos medievais que tiveron representación nos templos, con músicas para celebracións que trataban de dar luz e alegría a un tempo entre a escuridade invernal e a claridade estival. Ao respecto valoramos o esforzo, o estudo e divulgación feita polo profesor Filgueira Valverde arredor das cortes líricas no Reino de Galiza.
Cantares de Aninovo e Nadal, romances, panxoliñas de fondo sentimento relixioso (pange lingua), vilancetes (cancións vilegas), arrolos, petición de aguinaldos, despedidas, aninovos, manoeles, Reis Magos e , nos anoiteceres as xaneiras, os cantos dos mozos rondando ás mozas, como se dirá dos gatos en celo que «andan ás xaneiras». Cantares que —os máis deles, como non podía ser doutro xeito neste confín de encrucilladas e portos— falan de camiños, das estrelas, dos magos na Terra Meiga, xunto cos de carácter labrego identificados con Belén... e os do «neno galeguiño nacido nas pallas» e mesmo os de «Deus nace Galego».
Xaneiro, fundamental no agro, o da «Lúa morta», non axeitado para podar as viñas, polo perigo de aterecerse coas xeadas, pola contra lúa axeitada para a mata do porco e salgalo, endexamais na lúa chea; mentres que o minguante seguinte era o recomendado pola ausencia da bareixa; tempo apropiado para o fumeiro, esenciais preparativos para o Entroido.
Nesa tradición popular, a que hoxe esvaece entre as propagandas consumistas, xaneiro era o tempo propicio, entre outros agoiros, para predicir o tempo vindeiro: os doce primeiros días coñecíase como tempo das sortes, así que, pola climatoloxía que tivera cada un, a partir do primeiro día, correspondería co mes do novo ano. Mentres que os días que segue ao doce, coñecíanse como o tempo dos resortes, secuencia que ratificaría o tempo prognosticado nos anteriores. Mentres que os catro derradeiros días deste mes eran coñecidos como os pechos e predicían o tempo para cada unha das catro estacións.
Xaneiro que abre xanelas a incertezas na noite meiga do San Silvestre
Pois así, entre cantares na noite de fin de ano, a un tempo que se limpan as lareiras e se acende o lume novo, Galiza celebrou como en ningunha parte ao San Silvestre...e enseguida ven á lembranza o retrouso de «Meigas Fóra». Santo venerado en imaxe, a carón da do San Gregorio —ambos autores de tratados de demonoloxía e de exorcismos— nese templo de maxia dedicado aos Anxos e que mesmo foron rebeldes, os Demos, referímonos ao santuario do Corpiño. Noite de fogueiras, o que hoxe os supermercados reconverten en agresivas petardadas, folións pirotécnicos ou xa con laser, mapins, dróns... Dun xeito ou doutro, nas festas populares galegas sempre se fai presente o Lume, que é luz e quentura, con tanta forza para convocar. Noite de San Silvestre que ademais abre ao día dos Manueles, nome tan popular entre nós, noutrora con cánticos tamén chamados así, xa enxordecidos, cegados pola comercial e azucrada marabunta controlada polas tecnolóxicas.
Mes gris, chuviñoso que reclama luz, rico en festas tradicionais, como a dos Magos no festivo día 6, agora de conmemoración arredor dos cabodanos da morte deses outros nosos Magos, como foron Castelao, Valle-Inclán ou Díaz Pardo. Onde deberamos ter en conta que nesta cerna espiritual do que foi un Reino Cristián, onde os camiños conflúen na Tumba do Apóstolo, prolifera a representación dos Magos, como esperanzados peregrinos, tamén guiados polas estrelas. Si, patriarcais reis, pero tamén interraciais, que baixan dos seus tronos para xuntarse co pobo e topar meta nun cortello, nun nacemento. Magos que hoxe teñen competidor nun barbado home do saco que sae da espesura natural do Courel, como un pobre San Nicolás , orixe do Santa Claus, Papa Noel ou o Olentzero euskaldúm... en fin, compre a maxia de creadores literarios, de artistas que lle dean pulo de dignidade ás tradicións, como fan os irmáns pobos panceltistas, inspirados en tradicións e aconteceres de santos milagreiros.
Así pois xaneiro dedicado a algúns deses santiños e santiñas das que falan os Flos Sanctorun ou a Lenda Dourada, vidas exemplares tan lidas non só polos predicadores, senón polos creadores, fonte inspiradora do realismo máxico. Entre eles o Santo cazador, Xián, representado coa pomba da paz e o arco, patrón do Ferrol, coa tradición que, despois da misa, tomarae unha cunca de arroz con leite e canela, o grao e a leite símbolos de fartura na casa.
O día 15 celebrarase a un santo meigo, o San Amaro, o que nos contos célticos faise como un novo nauta, como Ulises, Breogán, Xosé de Arimateia ou Barandán... o que embarca en busca do paraíso, entre aventuras e desventuras, para na versión galega arribar á Coruña e facer brotar a fonte de Berbiriana, esa mesma que desfacemos hoxe para construír edificios... xa, despois a auga encargarase de poñer as cousas no seu sitio. O santo no seu periplo sigue a Compostela e cando retorna pasan trescentos anos, como se foran un só día.
E no 17 toca a celebración doutro patriarcal santo, o Santo Antón, que vive no sc. III, entre os primeiros ermitáns da Tebaida, cavernícola a desafiar demos e tentacións, creador de comunidades e lazaretos por portos e camiños. Curandeiro, amansador de animais e así se representa, encapuchado, apoiado no seu báculo de Tau, en compañía dun porquiño, por iso tan venerado nos países de tradición céltica, herdeiros da cultura dos berrôes. En Serantes de Ortigueira coidan de xeito comunal e sacarán en poxa o porquiño do santo, o que eles criaron.
O día 20 celebrarase o San Sebastián, ben o saben as parroquias de arredores do Pico Sacro, onde se venera en templo antigo, soldado romano cristián, asaeteado, patrón dos gais. Véspera na que en Castro Caldelas e na noite saen á rúa os fachóns de lume aceso.
O derradeiro sábado, cara ao Cabo Ortegal (Cariño) ten lugar a primeira romaría do ano, a do san Xián de Trebo, arredor da humilde ermida, erguida sobre un santuario romano. Santiño ao que un devoto, a falta do arco, achantoulle unha escopeta de bazar. E non quedará atrás, o 22, a celebración do San Vicente de Huesca, devoción tan celebrada e difundida dende Lisboa.
- La Agencia Tributaria avisa a todos los españoles que tengan en propiedad un piso o una casa sobre el IRPF
- Un popular influencer gastronómico visita 'el templo de los chuletones' de A Coruña: 'Se deshace en la boca
- El chubasquero de Lidl para los días de lluvia y frío que está arrasando en ventas y está rebajado a 12 euros
- Más de 100 particulares gallegos en quiebra cancelan en un año sus deudas
- Así serán las bajas médicas a partir de 2025: un nuevo sistema que evaluará la situación de cada trabajador
- Personal del hospital de A Coruña protesta por la «nefasta gestión» en el traslado a ExpoCoruña
- Así es el 'agradecido' hobby de Rosa, la concursante de A Coruña de 'Pasapalabra': 'Mi familia dice que se me da bien
- EN DIRECTO | Málaga CF -Deportivo