Opinión | Olladas ao País

O concerto económico: primeiro recadar, despois liquidar

A líder do BNG, Ana Pontón, anunciou este sábado, 11-X, que axiña prepararán, asesorados por persoas expertas, unha proposición de lei de reforma do Estatuto de Autonomía, para presentar no Parlamento de Galicia, que inclúa o concerto económico, do que xa desfrutan Euskadi e Nafarroa (alí chámase «convenio») e constitúe, seica, parte do programa de goberno do president catalán Illa, segundo o pacto de investidura que o PSC asinou o último verán coa ERC. Polo sistema de concerto económico Galicia recadaría todos os tributos estatais (ademais dos autonómicos), atendería ao financiamento dos servizos públicos autonómicos e liquidaría unha cota polos servizos que lle presta o Estado (defensa, prestacións por desemprego, etc.).

Coñecemos os dados da liquidación fiscal de Galicia no último exercicio pechado (2023). A «capacidade fiscal» galega é de 7242,44 M€, mais a «solidariedade» estatal achegoulle 2.863,63 M€ en fondos adicionais, contando cun financiamento autonómico global de 10.106 M€. Pola súa banda, Galicia recadou 14.920,68 € por tributos estatais, tanto de xestión estatal como os cedidos de xestión autonómica. É dicir, recadamos máis de 4.814 M € por riba do que o Estado nos achega para atender os servizos públicos autonómicos (os máis importantes: sanidade, educación en todos os seus graos, servizos sociais, grande parte da dependencia…). Quere dicir que con este superávit teríamos que financiar os servizos que presta o Estado, nun sistema de concerto, pagando unha cota. Esta cota no caso de Euskadi (6,24% do PIB estatal fronte ao 5,4% do noso) anda entre 800 e 900 M€/ano. É dicir, o concerto achegaríanos uns 4.000 M€/ano de financiamento adicional.

Como pode ser isto? Non quedáramos en que o Estado supliu no 2023 2863,63 € por riba da capacidade fiscal galega? Certo, pero o problema é o propio perímetro desa «capacidade fiscal», constituída polo 50% do IRPF e IVE, 58% dos impostos especiais (cervexa, viño, destilados alcohólicos, tabaco e hidrocarburos) e 100% dos Impostos especiais sobre a electricidade e matriculación de vehículos. Recadando case 15.000 M€ en tributos estatais como pode ser aquelada unha capacidade fiscal que, no caso galego de 2023, non acada nin o 48,5% desa total recadación? A verdade é que non se entende. Ou que só se entende por mor dunha desaquelada desproporción do recadado a prol do gasto público da Administración do Estado, condenando aos servizos públicos autonómicos de todas as autonomías de réxime común (agás Ceuta e Melilla) ao infrafinanciamento continuado. Se a isto lle engadimos un concepto de «capacidade fiscal axustada» no que se pondera de xeito moi insuficiente o avellentamento e máis o espallamento da poboación galega as chatas deste sistema fiscal (caducado xa dende 2014) impide termos uns servizos públicos axeitados. Impide que o autogoberno funcione e xere benestar para a poboación galega.

Velaí o valor da proposta de reforma estatutaria do BNG. Habería servir, como mínimo, para falarmos de diñeiro, de recursos, das cousas de comer. Para debater que sistema de financiamento precisan os nosos servizos públicos. Mais, en calquera caso, ter a chave da caixa, recadar primeiro e liquidar, dialogar ou negociar despois semella ben máis acaído para os nosos intereses que agardar pola «solidariedade» do Estado.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents