Opinión

Voces literarias na historia

Na Antigüidade grecorromana, o Saber era un conglomerado de materias entre as que non era doado establecer límites. Nese contexto, Literatura e Historia mantiñan tan estreita relación que sen a primeira non era posible o coñecemento cabal da segunda. Esta relación foi cambiando co paso dos séculos ata o punto de ser negada a Literatura como fonte da Historia. Podemos dicir que entre Literatura e Historia estableceuse unha relación dialéctica que cobrou tantas posicións antagónicas como fecundas reconciliacións, sen esquecer a intromisión didáctica da pintura histórica que competía con ambas disciplinas no seu afán por iluminar as sombras do pasado. A separación entre Literatura e Historia é moi recente, non anterior ao século XVIII e non se consumou ata moi entrado o século XIX cando a historia, xa escrita con maiúscula, entrou no mundo académico e permitiu a profesionalización mediante, digamos, un método científico reivindicando así unha autoridade que tomaba prestados os procedementos propios da xustiza. Esta interrogaba testigos que servían de proba para executar un veredicto que aspiraba a ser verdade. A historiografía académica interroga documentos en arquivos de todo tipo para emitir tamén un xuízo sobre o pasado que aspira a ser canónico, coa evidente diferenza de que unha, a xustiza, recorre á lexitimación da teatralización que supón «celebrar o xuízo» e o historiador emite xuízos na soedade dos arquivos e despachos universitarios. Dispoñemos dun bo exemplo para ilustrar esta fecunda relación entre historia e literatura na novela recente de Moncha Fuentes (O tradutor de sombras, Xerais, 2022), unha novela que comeza no título, non todas o fan, que ten un considerable poder para atraer e condicionar a atención do lector, convidado a traducir sombras, as sombras da nosa historia. Unha historia enmarcada polo diálogo entre Roque e un psicólogo que lle recomenda como terapia das súas adiccións a escrita da súa propia vida; deste xeito entramos tamén de xeito natural no eido memorialístico que adoita por o foco de atención nos episodios relevantes e traumáticos que provocan os problemas. Elixir o punto de vista desde o que se vai contar a historia proposta é unha das decisións máis importante que toma a autora porque inflúe decisivamente sobre a reacción emocional e moral do lector. Así a esperanzada información presencial transmitida polo avó Néstor Corbal mediante a omniscencia, transloce unha estabilidade emocional que proporciona confianza no proceso construtivo no que está inmerso o xa nacionalismo a partir de 1931. Contrasta esta atmosfera de estabilidade narrativa transmitida polo avó, co estilo en fervenza que nos transmite Roque, que está a padecer as consecuencias dunha guerra que deforma a esencialidade dun proxecto simbolizado pola obra de Castelao, Sempre en Galiza, entregada ao neto como herdanza ideolóxica. Seguindo este fío das herdanzas simbólicas é moi significativo o diagnóstico de Roque mentres contempla a reunión do fillo coa súa tribo adolescente: «Galicia non tiña intención de saír senón máis ben de quedar envisgada na tea dos seus soños e de se envolver nas sabas de mil anos de Díaz Castro». Este cita metaliteraria é unha das moitas (Rosalía, Curros, Celso Emilio, Xohana Torres, Xabier Cordal, etc.) que contribúe a «mostrar», con gran economía de medios, a literatura como elemento esencial na construción do país sen necesidade de explicalo discursivamente. Nesta liña de minimalismo expresivo están os momentos nos que o estilo indirecto libre fusiona o discurso autorial co dos personaxes. Pero nada máis desolador que a paisaxe da derrota «explicada» con paixón enumerativa (páxs. 31-32), prolongada e vibrante que deixa unha buscada impresión de derrota colectiva, que tamén forma parte da nosa historia.

A represión, torturas, asasinato de Reboiras, fusilamentos, etc., transmiten unha atmosfera de verdade que as técnicas novelísticas reforzan dotando a historia dunha intensidade e dun poder emotivo vedado ao discurso periodístico ou historiográfico. En definitiva toda a historia recente de Galicia envolta nun clima patolóxico e encriptada nas vivencias e relacións dunha familia ourensá con gran conciencia do lugar e da esencialidade do país. Como resumo, Galicia en 174 páxinas de edición rústica que está a reclamar una tapa dura que resgarde as emocións compartidas.

Tracking Pixel Contents