Opinión | Olladas ao País

Malos tempos para a democracia liberal

Este luns, 20-X, Donald Trump xurou por segunda vez a presidencia dos USA. Mais este mandato vai ser moi distinto ao primeiro (2017-21). Trump gañou fronte Kamala Harris, non só en votos electorais, como no 2016 fronte Hillary Clinton, senón na votación popular, mais non na dimensión hexemónica que se nos comunicou nas horas posteriores á elección do 5-N (49,9% fronte ao 48,3%; case 77 millóns de votos fronte 74,5 millóns de Harris). Mais acadou tamén o dominio das dúas Cámaras, senatorial e dos Representantes, que coincide cunha clara maioría conservadora (6-3) no Tribunal Supremo, xurdida, precisamente, dos seus nomeamentos (3 sobre 9 membros do Tribunal) do seu primeiro mandato. Unha maioría que conservará bastantes anos, pois que poderá cubrir todas as vacantes, quer por renuncia, quer por falecemento neste segundo mandato.

Mais com ser importante este nidio dominio dos tres Poderes federais USA é tan rechamante I) a fagocitación do Partido Republicano (great old party) no trumpismo, cun Gabinete totalmente fiel ao novo Presidente e absolutamente coincidente coa súa axenda extremista, II) a total adhesión das grandes corporacións capitalistas: Elon Musk (Tesla+X), Mark Zuckerberg (META-Facebook, Instagram e Threads), Jeff Bezos (Amazon+The Washington Post) e ducias que doaron cadanseu millón de dólares para o financiamento dos eventos deste evento do 20-X e III) o feito de que éste, constitucionalmente, sexa o seu derradeiro mandato, polo que non ha de se preocupar pola súa reelección e poderá desenvolver toda a súa axenda.

Coñecido é o equilibrio da andamiaxe institucional norteamericana, co seu sistema de equilibrios e contra poderes (“checks and balances”). Mais, nesta xeira, semella até parcialmente neutralizada esa andamiaxe. Só a grande descentralización do Poder Executivo USA, cos principais Estados e concellos nas mans do Partido Demócrata e o control xudicial que en primeira instancia poidan desenvolver os Tribunais federais territoriais (que case seguro desactivará o TS) poden interporse fronte á enxurrada trumpista. Que semella ter mobilizado todas as extremas dereitas (e tamén dereitas extremas) mundiais e boa parte da cidadanía USA, cunha aceptación de case o 50%. O mesmo Trump que dirixiu o golpe de Estado do 6-X de 2021 e que axiña indultará aos violentos golpistas que quixeron anular a decisión electoral presidencial de novembro de 2020.

Arrepía coñecer a primeira xeira de ordes executivas que vai adoptar este presidente, que ameaza con se vingar de todos os que se lle opuxeron ao longo destes últimos nove ou dez anos: I) cazaría e deportación de ducias de milleiros de inmigrantes ilegais II) novos dereitos alfandegueiros á China e á Unión Europea, III) captura da Canle de Panamá e adquisición, se cómpre manu militari, da Illa de Groenlandia e programa hostil fronte á UE canda as grandes corporacións empresariais USA.

Velaí o grande reto para unha UE que, fronte a esta enxurrada iliberal, habería afortalar a súa identidade democrática, o seu ADN vencellado ao Estado do Benestar e á xustiza social, o recoñecemento da súa pluralidade nacional ( que vai moito máis aló dos seus 27 Estados, acadando bastantes máis nacións, como Galicia, que han de se recoñecer na nova Europa unida) e a súa aposta pola unidade federal e por unha nidia aproximación ás nacións constituíntes do Reino Unido, arestora bastante de volta do desaquelado brexit.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents