Opinión | Retallos do labirinto
Febreiro, a Candeloria, o San Brais e as roscas de pan de San Tirso de Oseiro
As noites devecen, o día medra, as bandas de paxariños campan polo ceo trenzando encaixe, as mimosas marelas inzan as bocarribeiras, as camelias e os magnolios yule envolven en vida os xardíns dos pazos e das reitorais... son algúns dos anuncios de que se abre ao tempo da luz, á primavera. Con batallas de farelo e formigas avivadas co vinagre nalgunhas aldeas ourensáns anuncian esa corentena de liberdade que é o Entroido. E a Galiza de feiras, festas e romarías é país, como poucos, rica nestas tradicións , as que convén coñecer, estudar, soerguer e recrear sobre delas como atractivos recursos culturais. Etnoarqueoloxía que provoca o encontro, a oferta e a demanda, a alegría e a convivencia, un símbolo de madurez.

Febreiro, a Candeloria, o San Brais e as roscas de pan de San Tirso de Oseiro. / LOC
Ben o saben e promocionan estas cuestións os irmáns pobos célticos, os que emproan en fisterras ao Atlántico. Celebracións de febreiro que os gaélicos nacionalistas irlandeses recuperaron como o tempo de Imbolc, a festa asociada coa luz, coa cor, coa vida e a fecundidade. Entón días de purificación, cos seus ritos de pasaxe para a xente nova. Encontros que en tempos romanos se asociaban coas Frebua, dedicadas ao deus Februus, o resucitado, divindade da purificación e da catarse que dará nome ao mes de febreiro. Celebracións que o matriarcado celta cristianizou coa celebración para o día 1 coa Santa Bríxida de Kildare ou de Irlanda, unha moza do sc. V, filla dun druída, formada nas artes da maxia e do agoiro, vixiante do lume, convertida ao cristianismo para ser abadesa dun mosteiro construído a carón dun carballo sacro. Muller meiga que cos seus poderes asolagou á illa pecadora de Ys. Allán Stivell ten unha composición musical lembrando esta lenda. Míticos poderes, semellantes aos outorgados en Galiza á Raíña Lupa.
E como pasa entre as vidas de moitos santos e santiñas do mesmo nome, tamén a biografía da Bríxida celta se confunde coa da Santa Bríxida Sueca, esta no sc. XV peregrina a Compostela. Bríxida é moi celebrada polo panceltismo, non tanto en Galiza, e será na derradeira noite de xaneiro a febreiro. Devoción cristián que reconverte un culto céltico moi antigo a Brig, Brixida, a deusa, musa inspiradora dos cánticos poéticos dos bardos, asociada ás danzas e cantares arredor das fogueiras sacras. Divindade en relación coa tribo galesa dos brigantes, coa raíz briga, mesmo tamén tan na toponimia galega, asociada aos castros, ás fortalezas muradas.
Na cultura galega pesa o efecto cristianizador destes días e velaí a festa das Candeas, a da Candeloria, a que conmemora a presentación do Neno Xesús no templo, pondo fin así ao ciclo relixioso do Nadal. Liturxia que supón a solta das pombas, o vestido branco, a bendición das candeas acesas, das flores, dos nenos como futuro... Liturxia e festa á que xa se refire a viaxeira galega do sc. IV Exeria ao seu paso por Xerusalén. Aínda así e pese ás advertencias cristianizadoras de Martiño de Dume, no sc. V aos pagáns galaicos, perdurou a intención romana de aplicar os nomes dos deuses aos días da semana e aos meses. Pola contra a Gallaecia Bracarense si lle fixo caso ao misioneiro, cos nomes de segunda, terceira feira...
Febreiro, mes da purificación, de ritos de pasaxe para iniciarse a mocidade
Sobre o nome do mes de febreiro hai moitas opinións, unha delas di que se refire a unha divindade etrusca, entón con certas características orientais, «Februs», en relación con Plutón, outras que é este tempo de purgas, de febres e de bater, entre mozos, con febras ou látegos de tiras de coiro...
Festas de febreiro que, no mundo romano se propagan ás lupercais, orixe do Entroido, dando entrada na urbe aos símbolos monstruosos do monte, á máscara, ao folión, o arremeter cos látegos, coas vexigas, coas porras... Temos escoitado e lido moitas destas cousas do saber e ansia de mantelas de Filgueira Valverde.
Santo Tirso de Oseiro (Arteixo) é unha parroquia chantada na beira dos vellos camiños que da Coruña, a que puido ser Brigantia, levan a Bergantiños, despois de deixar ao pé dun castro e dun penedo aburatado e cristianizado o santuario da Pastoriza. Templo noutro tempo de tanta sona e polo que tanto se interesou a Pardo Bazán. Algo despois e á dereita xa avistamos a igrexa de Santo Tirso de Oseira, no seu interior cun sartego antropomorfo, proba dunha longa historia que se perde no mundo altomedieval. Sitio á espera de arqueoloxías que clarifiquen as orixes das que nace unha igrexa románica, retocada ao cabo dos anos.
Pero o que nos trae hoxe aquí, a este sitio de Oseiro, en vésperas da celebración da Festa das Candeas, celebrada o día dous e o tres ao venerado e milagreiro San Brais, son as tradicións, os rituais que aquí se trenzan, en relación coa oficialidade da liturxia, das novenas e das misas. Onde as protagonistas son as roscas de pan, como bandeiras, insignias de cultos antigos para estes dous días: amasadas sen levedar e sen sal, traballo de panadeiro que sería feito na tardiña do fin do ano, moldeándoa a xeito de cruz inscrita na circunferencia, aura solar para ser cocidas, de vagar, logo vernizadas e adornadas de cintas, de flores, de vida. Unha en alusión ás mulleres e outra aos homes, aínda que logo estas cousas tradicionais outorgaranse a nenas e nenos. Roscas que serán expostas e erguidas sobre atril a unha e outra banda do altar, e que, despois da misa sacaranse en procesións, entre o son da gaita e os foguetes... Homenaxe antigo ao pan noso de cada día, por algo, xunto co viño, símbolo dunha gran ascese, «produto da terra e do traballo»: que supón campos labrados, sachos, fouciños, millo, trigo, centeo medrado, cabaceiros, sementes, peneiras... muíños, fornos de lume e fume... para logo compartilo en mesa ou en Misa. Todo un símbolo con orixe e orixinalidade antiga.
Ritual que se repite nalgunhas outras partes da península, cada vez menos, sendo un anaco dun pasado remoto, revestido de luz, de cor, anunciando as mudas dese tempo luminoso que xa se enxergan no manto da natureza. Finalmente a rosca pártese e repártese entre os asistentes, códeas que se conservan como milagreiras, tanto para persoas como para animais.
É a comunidade franciscana, a que na súa misión pedagóxica da vida de Cristo, teima en montar beléns e cantar panxoliñas, como en representar Viacrucis e a Semana Santa... neste tempo da Candeloria conmemora tamén a presentación no templo do Neno Xesús e faino co acendido das candeas e reivindicación da luz, coa solta de pombas e procesións...
Tamén nalgunha parroquia, e cada vez menos, movidos pola tradición e a alarma dalgún fegrés, celebren isto e máis tradicións, sumadas ao San Brais, considerado milagreiro para os males da gorxa. Non hai parroquia na que non falte unha imaxe deste santo bispo e curandeiro armenio do sc. IV, cavernícola (por vivir nunha cova), domesticador de bestas, cruelmente martirizado nas persecucións romanas, pendurado nun poste, rabuñado con restrelos, decapitado... representado con báculo nunha man e a outra levándoa á gorxa. As devocións armenias espalláronse moito por Galicia no medievo e as similitudes son moitas.
Entre un santiño e outro celebra tamén así Oseiro ao seu patrón, Santo Tirso de Apolonia (Grecia Tracia) , veneración moi antiga na Gallaecia, outro santo mártir das persecucións, aserrado pola metade... mesmo de haxiografía que tamén se confunde coa de San Brais.
- El Deportivo abandona la plaza de Pontevedra
- El Deportivo trasladará su sede social al estadio de Riazor
- El Dépor, el sastre de confianza y las costuras que tiran
- Lucas rechaza al PSV que le ofrecía año y medio de contrato
- Álex Alfaro: «Mi siguiente paso debe ser en un primer equipo aquí o fuera»
- Una mujer muerta y otra herida de gravedad en una colisión frontal en Ames
- Estrella Galicia lanza la ‘Enciclobirra’, la primera enciclopedia bebible
- El Leyma ficha al dominicano Ángel Núñez para suplir a LJ Figueroa